Despois dunha estupenda comida na Ponte Maceira, escoitando o rumor dos ríos da amizade e do futuro, volto a Cavanardá. Agárdame nela a voz de Najla Shami, entre outras. E quedo á escoita da mesma. Do seu dúo con Héctor Lorenzo. Da súa colaboración con Safari Orquestra. Dos diversos proxectos compartidos (Sol de Farofa, Cinnamon Gum e Loba Loo) con músicos amigos. Najla é galego palestina, e tanto canta en galego, inglés, español, ... como presta a súa voz privilexiada para o funky, a bossanova, o jazz ou o pop. Tanto eclecticismo permítenos poder gozar da súa presenza habitual na rede de locais e salas de música con calquera das propostas nas que participa, mais iso non debera ser obstáculo para podermos ter en pouco tempo algún disco entre as mans no que a súa voz nos poida acompañar desde o radiocassete do coche, desde o ipod que levamos pasear ou desde a minicadea do salón. Para quen queira poñerse en contacto con ela, actualmente comparte axencia con outros artistas senlleiros do jazz (Pablo Seoane, Terela Gradín, ...) e do blues (Victor Aneiros) do noso país. Déixovos coa súa participación, ao carón de Emilio López (ex-Skornabois, actual Safari Orquestra) no programa da TVG Somos unha Potenzia.
Moitas grazas...Un bico!!!
ResponderExcluir