O mundo é para desconquistar

Turista marxinal, occidental accidental / movendo capital, de capital en capital / intruso / na noite tropical / o mundo a través dun cristal / eu teño tantas cousas que calar e que sentir / só para entender a mensaxe / transcendental / daquel ollar / profundo como a noite sideral / o mundo máis alá do cristal / alô irmao! onde é que nos vamos encontrar? / alô alô irmao! onde é que nos vamos encontrar? ...

As imaxes do concerto de Fran Pérez NARF e Manecas Costa en Tondela, Portugal, emociónannos e traennos á memoria Sevilla, Guiné Bissau e Ribadeo. En Sevilla, na feira WOMEX, a proposta de Narf e Manecas deixara coa boquiña aberta aos centos de programadores e xornalistas musicais que alí se atopaban vendo Alô irmao, o espectáculo levado por Galiza a través da Consellaría de Cultura e da plataforma Galician Tunes. Na Guiné Bissau na que nunca estivemos e da que nos fala amorosamente e con espírito panafricano Manecas, nós volvemos á memoria das leituras de Amílcar Cabral, das literaturas de rosto negro e da vontade de rachar co colonialismo, debatendo nós a nosa negritude. E achégase tamén, mar por medio, Ribadeo, onde puidemos gozar do mesmo concerto -luxos como este son frecuentes na nosa vila, e que pouco se recoñecen!- nun serán fermoso no Auditorio Hernán Naval co que dabamos fin aos debates sobre a difusión internacional da música galega. Danme gañas de ir ao Recuncho e pedirlle a Lolo algún tema da Psicofónica de Conxo, ou de Narf, ou de Bumba, ou deste Alô irmao! excepcional, para gozar da calidade musical -difícil ten igualar a súa calidade humana- de Fran Pérez. Artistas así nunca sairán en Los 40, nin na MTV, nin tan sequer na españolísima TVE. E, porén, son sentido e sensibilidade facendo latexar o corazón ao compás dun cheiro a verdade, a terra e mar, a emoción curtida polo tempo e a distancia.

4 comentários:

  1. a peza "sao tambor" de narf é das couas máis bonitas que eu tenho escoitado nos últimos anos. Éche un tipo con moito talento

    ResponderExcluir
  2. si, a verdade é que ten moito talento e ademais é moi bo tipo. un pracer terte por aquí, amigo "soviet"

    e sershow, tamén compartimos querencia narfeira, polo visto. por certo, se viches onte o partido do barça, tranquilo. Cremos!

    ResponderExcluir
  3. Vin, vin... Para o xogo do Barça é un bon resultado. Hai partido.

    Por certo, o de NARF é certo. Pode que daquí a uns anos falemos del como un novo paradigma na música popular galega. É moi indíxena, máis do que parece.

    O noso Zeca? (ainda que o Zeca xa sexa noso).

    ResponderExcluir

Comentarios