A soidade do papel en branco, para ir enchendo os pulmóns de palabras serenas, sorrintes, firmes. A voz que acompaña e permanece, en ondas sempre distintas, no lombo das praias do norte. O calor da man que me abrazaba cada venres á noitiña, poñéndolle carne ao meu pasado. O cheiro a coello con cenouras e patacas, enchendo a eira da casa cando o sol durmía a sesta sobre a vella figueira da Siñeira. Procuro nas entrañas o tacto de canto fun ou quero ser, para guiar o andar calmo que desexo, a ollada limpa que cómpre recuperar, o temor do primeiro bico e o ruído das lacenas e das contras na cociña do corazón. O poder da palabra espida, verdadeira, crente en si mesma e na gorxa que a pronuncia. Co sol do novo día naceránnos, en silencio, universos infinitos.
Precioso!
ResponderExcluir