ZP e o modelo de Estado


Vou dicir algo que seguramente sexa politicamente incorrecto no campo de xogo no que me movo: o Estatuto catalán paréceme un disparate. Non a vontade de fondo e a aspiración a máis autogoberno, que loxicamente comparto, senón o proceso -calexón sen saída- no que o PSOE se meteu no seu día, levado da man do optimismo antropolóxico e da xa providencial baraka do presidente Zapatero. Non me parece razonable que nun texto estatutario se fixe, por exemplo, cal debe ser a porcentaxe de investimento do Estado en Cataluña, negociada antes unilateralmente. Nin me parece positivo que o pastel da reforma dos estatutos (que despois continuaron Andalucía e Valencia, entre outros) se abrise desa forma, a modo de tarta común da que pillar o cacho máis grande que se puidese, e tonto o último. O plantexamento seméllame perverso e moi pouco pedagóxico. Coa reforma do Estatut de Cataluña o PSOE xogou ao único ao que parece saber: tacticismo coxuntural en función de intereses eleitorais e absoluta falta de valentía política para dar os debates con profundidade e convencemento. Porque teñamos claro e recoñezamos dunha vez, tanto partidarios como detractores, que o debate do modelo de Estado non é un debate de descentralización administrativa, senón de recoñecemento da súa natureza plurinacional. Isto é, non se trata de negociar máis diñeiro obviando a cuestión de fondo (poñéndolle fácil, de paso, aos medios reaccionarios madrileños a acusación de peseterismo dos nacionalismos periféricos), como fixo o PSC para Cataluña, senón de atreverse realmente a coller o touro polos cornos e poñer a cuestión enriba da mesa, con verdadeira altura de miras. Non agora, evidentemente, cando pola crise económica ZP leva todas as de perder a pesar do lamacento terreo de corruptelas nas que semella verse implicado o PP, mais si na súa primeira lexislatura o PSOE tivo unha oportunidade histórica para -cunha dereita deostada socialmente pola súa actuación no 11M- enfrontar a reforma do modelo de Estado desde a honestidade e a valentía necesarias. No canto diso, enleouse na tentativa de final con ETA -da que evidentemente non é o único responsábel do seu fracaso- e na aventura do Estatut catalán, ambos procesos dirixidos a solventar o que eles pensaban que eran as cuestións centrais da configuración territorial (Galiza, por suposto, non existía como problema). Tanto nun caso como noutro, o PSOE semella que vai colleitar un grande fracaso. Porque non se pode querer reformar a Constitución sen que se note, sen tocala directamente. Non nego que o PSOE seguramente puidese e aínda poida rendabilizar coxunturalmente as súas posicións, mais estou convencido de que cara o conxunto da sociedade transmite unha idea certa de falta de capacidade e de modelo político neste ámbito. Nesta liña, as sorprendentes declaracións do ministro de Xustiza semellan indicar movementos tácticos que buscan posicionar ao Constitucional a prol do texto catalán, e resultan novidosas pola maior apertura cara as realidades nacionais do Estado. Sexan benvidas, pois, neste sentido. Mais non esquezamos, nunca, que o problema de fondo persistirá mentres se queira ocultar e utilizar eleitoralmente: fronte a un modelo de descentralización administrativa -de arriba a abaixo- nos territorios do Estado-nación español, os nacionalistas defendemos o recoñecemento da diversidade nacional para, no seu caso e sempre de abaixo a arriba, articular unha fórmula de Estado na que a convivencia desde a diversidade sexa un valor principal. Dito doutra forma, non queremos ser unicamente obxecto receptor de competencias (aínda que sexa lexítimo e intelixente loitar por elas, por suposto) se iso se entende como cesión xenerosa do poder central, senón suxeito de dereitos con capacidade plena de decidir e, xa que logo, con dereito a ter todas as competencias sobre os nosos recursos. Iso é o que o PP nega e negará, e o que o PSOE nunca se atreveu a situar na orde do día dos debates sobre o modelo de Estado.


PD: recomendo, a quen interese a cuestión, a leitura do libro Derechos históricos y constitucionalismo útil, de Ernest LLuch e Miguel Herrero de Miñón e os artigos de Francisco Rodríguez, A necesidade do Estatuto de nación e A Constitución e a tradición sacralizada.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios