Pontevedra, dez anos despois


Por razóns felices que xa comentamos aquí, onte tiven novamente a oportunidade de gozar das rúas de Pontevedra. Eran as oito da tarde e Benito Corbal un mar de xente arriba e abaixo. As terrazas da Ferrería, da Verdura e da Leña rebulían de xente compartindo, falando, sorrindo, neste verán que aínda non naceu pero xa asoma a cabeza por abril. Tiñamos varias horas por diante para o descanso e decidimos pasalas paseando a zona vella, tomando aquí e alí algunhas cañas, picando algo para cear antes da volta. Os que non somos dalí e non vivimos o día a día da súa transformación lembramos a foto fixa da Pontevedra de hai once, doce, trece anos, e asombrámonos coa mudanza. Insistíame na idea, hoxe á tarde, unha persoa achegada que viviu nela nos 80: a cidade afogada pola decadencia provinciana, pola apariencia ritual dos PTV´s proxectando cara fóra unha imaxe rancia e reaccionaria. Hoxe, pola contra, é case lugar común afirmar que nela está a mellor calidade de vida do espazo urbano de Galiza. A mudanza da cidade, nestes últimos dez anos, foi simplemente espectacular, e penso que é de xustiza recoñecerlle o mérito principal á labor desenvolvida polo seu Goberno Municipal, dirixido desde o 1999 polo Bloque Nacionalista Galego. Enténdaseme ben: non quero facer propaganda e tampouco aparentar obxectividade. Nin son obxectivo nin neutral nin quero selo. Mais penso que iso non converte en menos recoñecíbel a evidencia de que o cambio vivido en Pontevedra se explica, en boa medida, pola existencia e aplicación progresiva, en todas as áreas, dun verdadeiro proxecto integral digno de tal denominación, isto é, dun conxunto de medidas e de accións encamiñadas a conseguir uns obxectivos transversais básicos, que dotaron de sentido e coherencia toda a acción de goberno. Non quer isto dicir que todo se fixese ben, por suposto. Quer dicir, simplemente, que había unha idea pensada da cidade que se quería construír, un horizonte claro e visíbel ao que chegar. E iso, amigos meus, concordaredes comigo en que, nas políticas municipais desta Galiza que compartimos, resulta infelizmente -por inusual- pouco menos que revolucionario. Pontevedra recuperou, nesta década de comezos do XXI, a cidade para a vida das persoas, a autoestima cívica e o orgullo de pertenza cidadá, a identidade da auga e o latexo vivo da pedra, e a certeza de que o futuro se constrúe,unicamente, sobre os valores dignos do pasado: o traballo, a natureza, as persoas antes que os beneficios. Por iso a vella ponte do Lérez proxecta hoxe unha imaxe radicalmente oposta á de décadas precedentes: modernidade e cultura, vila boa e boa vida, dinamismo social e orgullo de cidade. E eu, que son do BNG, penso que o propio Bloque debería presumir máis e mellor do valor exemplar do seu goberno e tirarlle máis partido como espello desexábel, tal e como fixo antes -e tamén merecidamente- noutros coñecidos casos. Mais ollo, digo presumir, non deitarse a durmir sobre o cómodo colchón dos éxitos acadados. Faría mal o BNG se limitase a efeméride aos festexos e non aproveitase a ocasión para unha análise fonda do estado de cousas actual. Porque van dez anos, si, e todo o mundo recoñece o cambio conseguido, e sente fachenda do mesmo e o transmite cara fóra, mais tamén por iso mesmo existe unha certa sensación, estendida en boa parte da sociedade, de que un ciclo frutífero e positivo rematará de forma natural cos doce anos de goberno.

Se a comezos do 2000, por dicilo doutra maneira, o Bloque tiña por diante o reto enorme de implicar á sociedade na construción dunha nova Pontevedra, hoxe, cumprido este labor con éxito innegábel, toca deseñar para a cidade un outro proxecto novo e igualmente ilusionante, capaz de mobilizar cidadanía en base a novos e ambiciosos retos e de facer protagonista á sociedade no impulso e consecución dos obxectivos comúns. A Pontevedra do horizonte 2020 pode ser unha cidade que aprofunde nos camiños encetados e faga deles marca fachendosa ou pode recaer na peor versión de si mesma: beatería, falsidade, decadencia e olés. Moitas e moitos dos que nela non desexan o segundo confían, coma min, na probada intelixencia e capacidade do BNG pontevedrás para, colectiva e conscientemente, poder resolver con éxito a díficil ecuación de gobernar e, ao tempo, saber entender o latexo da rúa.

4 comentários:

  1. concordo plenamente. O que é incríbel é que nunca se fale de Lores coma posíbel novo lider do BNG, seria un candidato á Xunta boísimo.

    ResponderExcluir
  2. olá!

    si, tanto lores (pontevedra) como paco garcía (allariz) son dous alcaldes que o BNG pode aproveitar máis a nivel galego. e Pontevedra é estratéxica para o nacionalismo...

    apertas!!

    ResponderExcluir
  3. Eu sacrificaria a alcaldia de Pontevedra por un candidato verdadeiramente presidenciabel coma Lores, outra cousa é que conte co apoio xeralizado da militancia. Pero coma candidato á Xunta daba un perfil inédito -por alto- indispensábel para ser segunda forza de novo.

    Por certo que che mandei un mail a semana pasada que sospeito non che chegou. Ainda che vai o email da Xunta ou o amigo Feijoo xa comezou coa castra e doma? mándame un mail senon e xa cho reenvio...

    ResponderExcluir
  4. jaja, non te preocupes, é que estiven sen correo no meu portátil por culpa dun virus que me deu a semana... esta semana xa che respondo. polo demais, estamos máis animados ca nunca para traballar e fortalecer o nacionalismo na sociedade: proselitismo e talante (non exactamente como o de zp, jeje) é o que fai falta. nas asociacións de veciños, culturais, nos colectivos de todo tipo, nos bares, nos clubes deportivos, ... en toda a parte, temos que saír do armario e ser outra vez o motor do país desde a propia sociedade. as nosas ideas sono, así que nós temos que estar á altura delas.
    apertas fortes!!
    pd: estou desexando escoitar o disco!

    ResponderExcluir

Comentarios