A revolución non será televisada

Cantara Gill Scott Heron nos anos 70. A afortunada sentenza serviu desde aquela como fonte de inspiración de moitas propostas artísticas críticas co papel dos media e do capital. Hoxe, case corenta anos despois, segue a ter plena vixencia de analizarmos o papel dos mesmos diante de determinadas realidades políticas do planeta. No caso dos medios españois, que son os que principalmente afectan á conformación de opinión da cidadanía galega (o peso da televisión e da radio é abafante) xa sabemos que na cuestión latinoamericana -ao igual que na plurinacional do Estado - non existen fisuras ideolóxicas nin tácticas. Tanto dá PRISA que a dereita máis reaccionaria. O caso é despachar con desprezos e insultos ás caras do cambio sociopolítico do continente, cada día máis asentado e con máis gobernos en marcha. Non se formulan preguntas sobre os porqués das súas vitorias, simplemente interesa desacreditar a quen pode poñer en perigo o statu quo das grandes empresas transnacionais que operan en Venezuela, Bolivia, Ecuador, Arxentina e demais países. Aos ollos europeos é certo que algunhas actuacións dos seus líderes poden semellar histriónicas e innecesarias, pero seguramente a realidade social e as condicións de vida da inmensa maioría da poboación -ben afastada da das clases altas que ían a Miami de compras cando se aburrían, como explicaba frivolamente Boris Izaguirre que era habitual na súa familia rica- expliquen a necesidade de métodos diferentes para facer chegar a mensaxe da transformación social, económica e política da América latina. Para quen queira informarse do que alí ocorre á marxe da lamentábel posición propagandística de El País e do resto de prensa española, dúas boas opcións para facer contrapeso son os portais rebelión e aporrea.org, este último claramente identificado co proceso transformador venezolano.

Polo demais, aquí vos deixo co magnífico documental La revolución no será televisada, que retrata como foi o intento de golpe de Estado contra Hugo Chávez de 2002 e que nunca teremos a sorte de poder ver na televisión española, por motivos obvios que entenderedes en canto o vexades. O filmado entre o minuto 36.55 ao 45 é simplemente antolóxico.





Nota: a imaxe e o audio -en español- do filme melloran co paso dos minutos.

2 comentários:

  1. Cando pisei América Latina por vez primeira souben que moi pouco do que me contaran dela era certo. Descubrín naquel momento que o problema estaba, alén dos intereses, en falar dela con ollos europeos que pretenden que homoxeneizar a que sen dúbida é a terra máis rica do planeta. Hoxe os que teñan que informar, calquera que sexa o medio, do que acontece en América Latina creo que deberían ler "Las venas abiertas de América Latina" de Eduardo Galeano, unha ollada sincera á historia dun continente ao que tanto lle debemos.
    Unha aperta Xavi!

    ResponderExcluir
  2. Olá Suso,

    citas un clásico, si señor, que segue moi vixente para entender a realida latinoamericana, e non podería estar máis de acordo contigo sobre o eurocentrismo ou, dito de modo menos eufemístico, a ollada colonial e paternalista do occidente rico sobre América e África.
    Apertas grandes e xa nos vemos.
    Xavier

    ResponderExcluir

Comentarios