De momento só puiden darlle unha primeira e superficial escoita, pero a sensación é que o título do novo disco (terceiro xa) de Fanny & Alexander resulta especialmente atinado para describir o seu contido. Porque alfaias son cancións como Toda esa enerxía escura, Setecentos ou Na febre dos incendios. Alfaias totais (como me prestan! que dirían os Diplomáticos) son Vigo ou Berlín e Artefacto Burbur, que penso que pasarán en breve á condición de clásicos contemporaneos do pop galego. E desde logo alfaias son as letras, tiradas desta vez de textos de autores novos da literatura galega. Polas cancións do disco florecen a heterodoxia e a consciente busca de sonoridades modernas e complexas, da indietrónica e o neo folk ao pop máis pop e brillante, mentres cantan cousas como confía nas miñas palabras / porque teñen un significado en todos os diccionarios /pero a carne é feble e entre as miñas mandíbulas /escorrega un sangue ferroso con cheiro a margaridas. Ou como: as mans/ mira as súas mans / es quen de coñecer a historia de cada unha desas mulleres / pola terra acumulada nas súas engurras.
Haberá quen pense, preso do seu reduccionismo mental e dos seus prexuízos, que música galega vai asociada unicamente ao popular e tradicional, e que só se pode ser cosmopolita en castelán. Pareceralles a algúns preocupados bilingüistas, seguindo coa paletada modernuqui, que cómpre ser cool por riba de todo e que, para selo, a nosa identidade non serve. Confundirán vulgar mímese e copia do de fóra con creación innovadora e modernidade artística. Seguirán sen se decatar de que só desde o local se pode ser plenamente universal, e de que a cultura, as culturas, nunca limitan (o que limitan son os prexuízos e os complexos sobre as identidades).
Á marxe de todo isto, e sen querelo (eles só fan cancións, magníficas cancións) Fanny & Alexander demostran novamente capacidade creativa, talento musical e modernidade discursiva. E en galego, si, porque saben que en galego, como dicía aquel vello e fermoso lema, estamos no mundo. Quen queira saber máis sobre o disco e sobre o grupo, pode comezar a facelo aquí e aquí, pero o máis aconsellábel é descargalo de balde desde A Regueifa Plataforma ou mercalo en cd nas tendas de discos, e desfrutalo de contado.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios