A benzón de Guadi



Aínda non tiven ocasión de me facer con el, mais ando xa rebuscando pola rede os sons e as voces de Guadi Galego e o seu novo traballo -desta volta en solitario- Benzón. Non terá moita obxectividade o que eu poida dicir aquí do mesmo; recoñezo a miña absoluta querencia por esta morena de Cedeira -como se refire a ela Uxía- e por todo en canto participa: de Berrogüetto a Nordestin@s, e pasando moi especialmente pola, para min, auténtica alfaia da música galega do que vai de século XXI, o Espido co que nos enfeitizaron en 2005 Guadi e máis Guillerme, e do que vos puxen enriba video dunha súa actuación no Café Liceum do Porriño.

De por parte, o que de Benzón fun sabendo contribúe aínda máis a facelo atractivo e apetecíbel: as colaboracións (Ugia Pedreira, Leilía, Abe Rábade, Uxía, Xacobe Martínez Antelo, ... ), as letras, a variedade nos arranxos (do folque ao jazz e ao pop), ... Prometo, en definitiva, traelo de novo aquí en canto o teña gozado un pouco. Até entón, sirvan estas palabras de promoción entre os que beireades esta costa, e de benzón a Guadi polo agasallo que nos fai.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios