Mitin do BNG en Ribadeo: máis Galiza e outra Europa

Anuncio electoral do BNG das Eleccións ao Parlamento Europeo from BNG on Vimeo.

Catro anotacións despois do mitin desta mañá en Ribadeo, con Guillerme Vázquez e Ana Miranda.

1. Gustou Guillerme. Como el mesmo dixo para se referir ao BNG en relación a Galiza e ás eleicións europeas, quedou claro que no BNG tamén hai "equipo da casa", e que dá para xogar e xogar ao ataque. A xente -militantes, simpatizantes e asistentes ocasionais- saíu contenta do acto, e satisfeita pola claridade e a enerxía coa que o portavoz nacional falou, sen medias tintas e facendo fincapé nas posicións históricas do BNG, que nunca nestes anos calou fronte a unha construción europea realizada en favor dos intereses dos lobbys multinacionais e en contra dos intereses populares.

2. Non todos somos iguais. Porque cómpre lembrar, neste sentido, cales foron as posturas históricas duns e doutros neste tema, desde a entrada do Estado español na daquela CEE en 1986.De como se entrou naquela altura souberon e saben bastante os sectores produtivos galegos, especialmente o leiteiro, o pesqueiro e o naval, mais se a alguén por idade lle queda lonxe, fica fresco na memoria como PP e PSOE converxeron en pedir o SI no referendo dun Tratado Constitucional Europeo de 2005, fronte a un BNG que pediu -abertamente e en solitario- o voto negativo. Aquela postura supuxera para o nacionalismo galego unha dura campaña de ataques virulentos e caricaturizacións infames por parte dos poderes mediáticos e políticos, que porén tiveran que tragar as súas palabras poucos meses despois, cando o voto NON vencera con claridade na Franza, Holanda e Irlanda. Lembremos, pois, que modelos e que posicións defendemos uns e outros e, aínda que pareza unha perogrullada, insistamos pedagoxicamente en ideas forza básicas: nós, Galiza, sempre fomos Europa, mais non queremos nin temos por que aceptar este modelo de Europa. Fronte á Europa do capital (ao fin e ao cabo, a Unión Europea nunca negou nin mesmo nominalmente a súa natureza de mercado común - Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, Comunidade Económica Europea )-
no BNG defendemos unha Europa social, na que a centralidade a ocupen as persoas e os pobos. Desde logo, e isto enténdeo e asúmeo calquera, mesmo que non sexa nacionalista, non nos vale esta Europa na que os intereses galegos son moeda de cambio do Estado español, con cotas de produción ao noso agro e con vetos aos nosos estaleiros.

3. Máis bipartidismo, menos democracia. Denunciouno tamén Guillerme Vázquez, e podémolo verificar con só seguir a prensa ou os informativos. A progresiva implantación do bipartidismo soñado por moitos sectores de PP e PSOE avanza no Estado español. Esta campaña eleitoral é unha boa escenificación do mesmo, cos dous partidos querendo utilizar temáticas simbólicas e videos publicitarios como elementos de confronto, mentres esquecen deliberadamente explicar os seus modelos económicos, por ser esta a cuestión básica na que ambos están de acordo. Opinan o mesmo canto a Europa, e tamén canto a España. Non por nada pactaron PP e PSOE en Euskadi, e non por nada lanza xa o órdago Feijoo ao PSdG propoñendo un pacto similar en Galiza (xa pactaron o director da CRTVG) para tentar a marxinalización do BNG. Dun político co currículo partidario de Pachi Vázquez pouco se pode agardar no terreo ideolóxico, así que non sería de estrañar que aceitase en breve o abrazo do oso.

4. Silenciamento mediático. Se algún elemento pon en claro o punto anterior é precisamente este. A absoluta falta de respecto coa pluralidade política do Estado coa que PP e PSOE están desenvolvendo a súa campaña, poñendo os medios públicos ao seu servizo (na TVE, por exemplo, os debates serán só a dous). O silenciamento que padecen as demais alternativas é neste sentido un auténtico escándalo, e contribúe a afortalar o camiño da diminución da democracia real no Estado. Ao final, unha tentativa: a homologación cos modelos estadounidense (demócratas e republicanos) ou británico (laboristas e conservadores) e a marxinación dos nacionalismos chamados periféricos, que son o elemento que impide en España o asentamente deste modelo. A ofensiva españolista semella que vai ser dura.

4 comentários:

  1. o primeiro de todo, eu non son membro do BNG.
    Penso que fas unha analise moi acertada, mais precisamente o problema neste escenario para o Bloque é o de comunicar as suas propostas a sociedade galega de xeito constructivo e sen interferencias. Tenno moi complicado e vai ter que achar as suas propias vías de expresión.
    E neste senso eu tenho as minhas dúbidas co papel de Guillerme Vázquez. Eu apenas o conhezo de cando era diputado na "Aznaridade". E non tenho del a idea de ser un bo orador/comunicador. Sempre quedaba coa impresión de que estivera un chanzo por debaixo de outros deputados do grupo mixto ( Labordeta, Saura...) Hai quen criticou que non fora deputado galego. Eu penso que iso non é importante. Hai tempo que a dialectica polítca se fai nos telexornais e non no Horreo. Mais non sei se é a mellor opción para comunciar as ideas do BNG. Ou se cadra si, e tan son son impresións personais minhas
    Un saudinho

    ResponderExcluir
  2. Independencia dunha puta vez

    ResponderExcluir
  3. Penso que neste momento o bloque ten que facer mais traballo de rúa, de cafés, de persoa a persoa. Estamos ante un escenario díficil, polo propio contexto que nos rodea e se define moi ben no artigo, unha sociedade dividida en dous formas de pensar e de idear alterantivas políticas que ben pouco se diferencian. Sistema bipartidista que conta con apoio meidático. Pola contra, xogan as minorias, as alternativas transformadoras, e a resposta ven a ser o silenciamento nalgúns casos, noutros a utilizacion de medios que impidan que esas forzas poidan presentarse ás eleccións europeas... No xogo deste Estado democrático e de Dereito, como asi reza a Cosntitución do Estado, non todos somos iguais, e non todos temos as mesmas oportunidades, os dereitos non son os mesmos para todos. Enchésenos a boca falando de democracia ( quizais porque no Estado Español chegou demasiado tarde en comparanza con outros paises), pero esa democracia real nunca chegou a ser tal. Despois, no caso galego, certo é , que o Bloque ven de facer unha mudanza na organización, de levar a cabo un debate fondo e de situar a novas persoas ao seu fronte. Non sei se Guillerme é un bó orador ou non, ou adaptandonos á terminoloxia mais actual, un bon comunicador, mais as veces que o escoitei, gustoume, e ilusionoume.E iso, é importante.Nestas eleccións vai haber moita abstención, hai unha apatia xeralizada, e coido que nestes momento actual de crise mundial temos que dar unha resposta nas furnas e evidenciar que queremos un cambio, unha Europa diferente, mais igualitaria nas relacións entre os pobos, e que respete a diversidade...

    ResponderExcluir
  4. Olá a todos/as

    concordo coa preocupación pola eficacia na comunicación das nosas ideas. Infelizmente, na sociedade actual a política derivou na súa parte mediática en exercicios de márketing e de publicidade, con resultados que nos deberan facer reflexionar. Vímolo no caso do idioma, coa "imposición" do galego que inventaron no ceo e trouxeron á terra os medios da dereita española. Tamén co perfil das campañas, nas que xa non se fala de medidas, de políticas, de programa, senón simplemente dunha certa contraposición de mensaxes efectistas. O caso é que nós, o nacionalismo, non temos o aparato de "propaganda" que si teñen PP e PSOE ao seu servizo. Uns (El Mundo, Cope, La Razón, ABC, Antena 3, Tele 5, Intereconomía e demais, ...) e outros (El País, Ser, Público, La Sexta, ...) teñen xeitos de abondo para facer chegar as súas mensaxes desde ese revestimento de "normalidade"; a nós situáronnos fóra, tapados por un muro de silencio que nos ningunea e nos nega, e desde logo como termo "marcado", como os que precisan explicarse, lexitimarse.

    Na etapa actual, penso que cómpre dedicar todos os esforzos a reforzar a organización. Cómpre que nos adiquemos a coidar "o corpo", a telo sano e activo, a facer músculo, ...porque veñen batallas duras, e só desde un corpo social e organizativo do nacionalismo máis amplo pero tamén máis consciente, máis comprometido e máis disposto a non deixarse enganar polas estratexias mediático-políticas que poida haber en cada momento conseguiremos poder enfrontalas con posibilidades de éxito. Penso, xa que logo, que nos fai falta máis militancia e máis actividade organizativa, reactivarnos pola vía das ideas e da clarificación colectiva das nosas posicións, atraendo a elas a máis xente. Máis sociedade no BNG, pois.

    Mais, paralelamente, tamén máis BNG na sociedade. Quero dicir con isto que escribín nun post anterior, e do que cada vez estou máis convencido: temos que estar coa xente (que non é o mesmo que actuar como). Alén de nas nosas asociacións culturais, ecoloxistas, etc hai todo un mundo de estruturas colectivas que vertebran á sociedade e nas que o BNG apenas ten presenza, comparativamente co PP: comisións de festas, clubes deportivos, asociacións veciñais, colectivos do máis diverso tipo, ... Esa vai ser a mellor forma de que as nosas ideas vaian ter chegada directa á xente, sen intermediarios. Obviamente, iso non quita para que o BNG teña que repensar e analizar cal vai ser a súa estratexia mediática.

    En conxunto, nesta etapa Guillerme Vázuqez penso que pode e que vai ser un bo portavoz nacional. Entendo o que dis, Sobchak, mais simplemente polo que foi o mitin do outro día, a xente saía contenta e agradecida da claridade expositiva e da enerxía que trasmitiu o novo portavoz. Por outro lado, o tempo e a prática axudan: pouco tiña a ver o Quintana orador dos primeiros tempos cos do final.

    Déixoo aquí, que xa escribín abondo :)
    Xavier

    ResponderExcluir

Comentarios