Pesa sobre a imaxe da Mariña a mancha laranxa dos tixolos cos que nos anos do boom da construción e a economía especulativa se enterrou parte do litoral de Barreiros e de Foz. É evidente que así foi, e á vista quedarán para as décadas vindeiras os froitos da ausencia de amor á terra e de respecto á paisaxe herdada que nos conforma, que nos dá á vida. Deses anos lamentábeis da Mariña d´Or un do Valadouro, o dramaturgo Manuel Lourenzo, fixo a súa leitura airada e persoal na última montaxe do Centro Dramático Galego, As dunas, e outros dous de por aquí, os teatreiros Comba Campoy e Pepe Penabade, realizaran no seu día unha aceda crítica en forma de curtametraxe.
Mais, a carón dese pasado recente que nos manca nos ollos, os mariñaos sabemos e amamos unha outra Mariña, activísima social e culturalmente e que, sen tanto ruído mediático e con abonda menos capacidade económica, non deixa de producir por iso realidades fermosas e sorprendentes. Apetéceme traer hoxe algunhas delas a estas augas cantábricas de Cavanardá, para darlles difusión na medida do posíbel e mostrarlles o meu público agarimo. Velaquí, pois:
- Patas de peixe. Fermoso proxecto editorial e de animación á leitura, que coida con cariño e humor infinito o xeito no que as palabras van na procura dos nenos e nenas.
- Eido Dourado. A creación artística de Celso Dourado en exposición permanente e aberta a todas as persoas que se queiran achegar a ela. Un espazo na que continente e contido se entrecruzan á beira da Praia das Pasadas. Un enorme e humilde triunfo da arte e da resistencia.
- LNB. Liga Nacional de Billarda. Felizmente estendida xa por toda a xeografía galega, con tres conferencias (norleste, noroeste e sur) funcionando e centos de xogadores e xogadoras competindo nos diferentes torneos baixo unhas mesmas regras unificadas, a LNB é boa mostra dun modelo de rexurdimento dun deporte tradicional a partir unicamente da vontade, da ilusión e da capacidade de convencemento e seducción dos seus impulsores. A LNB naceu na Mariña, das cabeciñas en continua efervescencia de Xermán Viluba, Toño Randeeira e demais camaradas de entusiasmo. En 2007 recibiron o Premio Nacional do Deporte Galego á mellor iniciativa no deporte tradicional. É de xustiza que se valore, se saiba e se recoñeza.
- Observatorio da Mariña pola Igualdade. Un colectivo de mulleres de moi diferentes idades que non deixa de realizar actividades e xerar debates en positivo, con intelixencia e constancia, a prol dos dereitos femininos na loita pola igualdade. O traballo de Luísa González, Olga Castro e todas as integrantes do colectivo dá pé ás máis diversas iniciativas, sempre interesantes: performances escénicas na rúa, charlas abertas en locais de hostalería, exposicións fotográficas e artísticas, conferencias, xornadas, ...
- A Nao Mai. Unha arriscada e moi interesante iniciativa dun grupo de creadores, teimando en facer do Pazo de San Isidro de Mondoñedo unha factoría cultural aberta a todas as propostas e para todas as idades. Están aínda nos seus primeiros pasos, e desexámoslles por iso a mellor das sortes.
- Casa das Letras. Unha intelixente aposta por mudar unha libraría convencional, moi asentada na vila de Ribadeo, nun auténtico centro cultural que, desde a centralidade da palabra escrita, achega aos visitantes conferencias, charlas, exposicións pictóricas, proxeccións audiovisuais, presentacións de libros, ...
Hai, por suposto, moitas máis iniciativas e proxectos en marcha. A actividade de Sargadelos, o dinamismo cultural asociativo (A Pomba do Arco de Foz, Francisco Lanza de Ribadeo, Ollomao de Barreiros, ...), os grupos de teatro amador, as corais polífónicas, a Escola Municipal de Música de Ribadeo ,as bandas populares existentes, a Festa da Marosa, o "modelo burela" que impulsa Bernardo Penabade, as xornadas Mar por Medio, as dúcias de grupos musicais existentes, ... A realidade cultural da Mariña é, diciámolo ao comezo, riquísima e moi diversa. Son tantas e tan diferentes as iniciativas, entidades e colectivos que dinamizan a nosa comarca que daría -sempre o pensei e nalgún momento haberá que volver sobre o tema- para crear unha auténtica rede cultural da Mariña, que unise forzas e ilusións en beneficio de todos. Mais non é agora obxectivo deste post facer ningún repaso exhaustivo nin nada que se lle asemelle. Trátabase simplemente de facer visíbel a vontade, o compromiso e o amor que son precisos para que iniciativas culturais como as devanditas acaben medrando e asentándose como todas e todos desexamos, a partir dun "factor de cariño" que tan indispensábel resulta en todos os proxectos que se comeza, sexan da natureza que sexan.
Para rematar, un estupendo exemplo: como desde as aulas de secundaria os alumnos e alumnas se achegan á historia, ao audiovisual e á literatura, da man dos textos de Carmen Blanco e grazas ao traballo agarimoso do seu profesor, Suso Fdez. Acevedo. Se a cultura ten algún valor, é este o fundamental e primixenio: a creación de valores, de civilidade, de formación persoal nunha consciencia cívica para a unha vida común en sociedade. Parabéns a todas e todos os que traballan para facela medrar.
Menos mal que puxeches "cultura na Mariña" e non "cultura mariñá", que iso limita... ;)
ResponderExcluirjajaja...moi bo Eva!
ResponderExcluirPor alusión e porque non me pagaches unha Estrella no Eido Dourado, moitas grazas.
ResponderExcluirAproveito para comentar que isto está en Chuza! e que Xermolo veño a ser eu tamén (problemas de tripla personalidade)
Temos que organizar unha churrascada este verán aí co Xermán un día, e unhas cervexas ben frías (as Estrellas págoas eu :))) iso si, con menos xente que a do eido dourado!!!
ResponderExcluir