Maluca beleza
Asusta o sorriso salvaxe dos seus beizos, a consciencia do vivido que espella a súa voz, a arrogancia adolescente da súa mirada. Hai neles, de certo, moito de buscado. De pose e dignidade, non disfraz, non máscara. Canta Nós e nótanse -e non o disimula- as derrotas remoídas na música das veas, os cigarros apagados nas conversas do corazón. É rock, Cássia, e avanza cara onde estamos coa pose desafiante dun animal ferido e orgulloso, que quere manternos a ollada até o final. Je ne regrette rien, nos di, erguendo a cabeza cara o céu. Podemos sentir na súa pel o cheiro das rúas da malandragem, a beleza intensa dunha feddayin costumada ao tacto das pedras e do suor, a fruta de amor mordida e a sede da vida matada. Coma o resto dos grandes do rock brasileiro (Cazuza, Renato Russo do grupo Legiao Urbana, Raúl Seixas), morreu cedo de máis e converteuse, ao seu pesar, en lenda da música do seu país. Marchou aos 39 anos, o 29 de decembro de 2001, e nos seus obituários -a canda o seu talento indiscutíbel como vocalista- gañaron parágrafos enteiros as súas adiccións ao alcohol e ás drogas, e a súa condición bisexual. A nós deixounos as súas cancións, como bálsamo e agasallo, e a certeza de estarmos diante de quen quixo "ser artista / convivindo no inferno e no céu de cada día". Beleza maluca, que dirán algúns.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios