Cambiar un acordo por un desacordo


Hoxe remata o prazo para cubrir a enquisa-trampa sobre o galego no ensino que levou a cabo a Consellaría de Educación, e que servirá de excusa falaz para a elaboración dun novo decreto onde o galego teña aínda menos presenza no sistema educativo da que ten agora co decreto do bipartito. Seguramente motivado por isto, onte estiven lendo unha publicación de Anxo Lorenzo, O futuro da lingua, editado en 1997 polo Consello da Cultura Galega e escrito polo actual responsábel da Política Lingüística da Xunta en colaboración co finado sociólogo Xan Bouzada.

Dicían daquela Lorenzo e Bouzada:

"A comparación con outros modelos pode axudarnos a botar luz sobre os camiños que debemos seguir verbo da nosa situación lingüística particular. Na planificación peninsular, o modelo catalán resulta ser un punto de referencia inescusable. Abonda con indicar que o desenvolvemento teórico, organizativo e funcional das tarefas de normalización e de dinamización lingüística da lingua catalana acadan tal nivel de complexidade de funcionamento que fan da experiencia catalana un modelo sen parangón nos escenarios bilingües peninsulares"

"A implicación de toda a sociedade galega na procura dos obxectivos normalizadores e a necesidade de que a lingua galega sexa un obxectivo estratéxico das diferentes administracións e das diferentes organizacións e entidades civís suporía un avance cualitativo sen precedentes. A perspectiva da dinamización sociolingüística aplicada na xestión de actividades e de accións normalizadoras debe permitir darlle ó proceso de extensión e de sensibilización social da lingua galega un enfoque que vehicule tres cambios de perspectiva ou "saltos" cualitativos: o salto do sentido común e da intuición á planificación; da disgregación á coordinación e do voluntarismo á profesionalidade."

Ignoramos se Anxo Lorenzo, agora que está onde está, segue pensando o mesmo. Os datos obxectivos parecen indicar o contrario. Se daquela era entusiasta partidario de crear os consensos precisos para facer avanzar as políticas de recuperación de usos da nosa lingua -marxinada historicamente polos poderes públicos e privados-, hoxe semella apostar pola confrontación social e política, pois iso é, para nos entender, o que decidiron facer o PP e máis el mesmo no tema da lingua: substituír un acordo amplo, positivo e consensuado por todas as forzas políticas do Parlamento Galego en 2004 (o Plan de Normalización Lingüística, aprobado co apoio total da cámara galega, incluído o propio Partido Popular) por unha nova estratexia que fractura á sociedade, crispa o debate social, rompe o consenso e viola o camiño pactado desde a volta da democracia entre todos os axentes sociais.

A estas alturas xa non ten moito sentido seguir insistindo na natureza da enquisa-trampa de Feijoo, feita a través de preguntas enganosas e dun procedemento carente das máis mínimas e esencias garantías legais. Mais cómpre insistir de novo nas súas consecuencias: provoca e provocou división na sociedade, ruptura dos acordos políticos sobre o tema, tensións e conflictos en diferentes centros educativos do país e un gasto de 300.000 euros ás arcas públicas. Todo vale, aínda así, para o PP e os colectivos minoritarios e extremistas que o apoian, convencidos en levar adiante o primeiro paso atrás da democracia na defensa do galego na súa paranoia galegófoba .

Durante este tempo manifestáronse a favor e en contra da enquisa-trampa do PP as seguintes organizacións, entidades e colectivos (seguramente se me esqueza algunha):

A favor: PP, Galicia Bilingüe, Congapa.

En contra: PSOE, BNG, CC.OO, CIG, CSI-CSIF, FETE-UGT, STEG, Comités, AS-PG, Nova Escola Galega, Escolas Católicas de Galicia, Asociación de Directores e Directivos de IES de Galicia, Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Nais e Pais polo Ensino en Galego, ADEGA, AELG, Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colectivo de Mestres de Castelán en Galicia.

Como se pode observar, a mobilización social que xerou a campaña de acoso ao galego foi moi ampla e notábel no grao de resposta, mais non parece que por iso desde a Xunta de Galicia o actual goberno do PP teña intención de rectificar a súa postura e de resolver, con humildade, os problemas xerados pola súa propia pretensión de impoñer políticas discriminatorias contra unha das dúas linguas oficiais do país. Moi ao contrario. De atendermos ás súas declaracións, todo indica que a súa estratexia seguirá por este camiño e terá máis longo alcance. Á enquisa para a diminución do galego no ensino acompañárona, neste tempo, outras medidas negativas tomadas desde diferentes áreas do Goberno galego, como a depuración dos programas culturais da CRTVG. E a cousa promete non acabar aí. O seguinte paso será cuestionar a existencia de TVG e RG como medios creados para a promoción da cultura e da lingua propia, ou tentar modificar a toponimia legal, ou calquera outra medida encamiñada a ir facendo desaparecer o galego da vida pública. As declaracións que recollía onte El Correo Gallego da presidenta do colectivo segregacionista vigués GBilíngüe –principal socio e apoio do PP neste tema- tildando de “indecente e antidemocrático” o Plan de Normalización Lingüística de 2004 (aprobado, como dixemos, polo conxunto dos partidos políticos durante o último goberno de Manuel Fraga) fan indicar que a estratexia de acoso ao galego vai continuar.

Fronte a todo isto, non sabemos que lle pasa pola cabeza nestas horas a Anxo Lorenzo, o sen dúbida algunha competente sociolingüista que aceptou o caramelo envelenado ofrecido polo goberno do PP. Debe ser difícil conxugar unha visión progresista e favorábel á convivencia e á diversidade coas esixencias duns compañeiros de viaxe que cada vez disimulan menos a súa xenofobia cultural contra o galego. O que si sabemos, e podemos lembrarlle, é o que pensaba hai poucos anos, e tamén que del -coma de todos- os cidadáns valoraremos os feitos por enriba da palabras. E os feitos, polo de agora, non o deixan en bo lugar. Na súa man está ser valente, e decidir se quere seguir ese camiño (alguén o chamou, estes días, verdugo do galego) ou pola contra situarse abertamente a prol da convivencia lingüística e a igualdade de dereitos. O que está claro é que, goberne quen goberne, cambiar un acordo por un desacordo atenta contra o máis básico sentido común, e se esa ruptura está motivada por razóns eleitoralistas ou partidarias, supón unha grave irresponsabilidade para co conxunto da sociedade. Precisamos, como país, políticas públicas que nos unan, e non políticos que abran fendas na nosa convivencia e nas nosas vidas.


Información a maiores:

- Curso de verán Traballando en lingua. Do compromiso individual aos argumentos.
- Xornada de formación en Dereitos e estratexias lingüísticas.
- Artigo do xornalista Xosé M. Pereiro en El País: Cuanto gallego está dispuesto a soportar?
- Artigo do profesor e político Francisco Rodríguez en Xornal: Idioma e poder
- Artigo do catedrático de galego Henrique Monteagudo en Público: (Sal)irse de la lengua
- Artigo do consultor de medios Juan Varela no seu blog Periodistas21: Monolingüismo
- Compilación dos textos de Suso Fdez. Acevedo sobre os Tópicos sobre a lingua galega.
- Texto do Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos.
- Libro da profesora Pilar Freitas A represión lingüística en Galicia no século XX
- Libro da investigadora Ana Iglesias Falar galego: no veo por que´
- Libro do catedrático madrileño Juan Carlos Moreno Cabrera El nacionalismo lingüístico
- Documental de María Yáñez Linguas cruzadas
- Lexislación básica da lingua galega
Nota: a foto está tirada da web do concurso Unha imaxe para o galego, na súe edición 2009, que organiza Vieiros.

6 comentários:

  1. Directamente desde aqui para o mundo, obrigado en todos os centros de ensino. (E consellerías asociadas).
    http://flocos.tv/curta/linguas-cruzadas/

    ResponderExcluir
  2. Ola Xavier:
    Abondando na separación que fas entre colectivos a favor e en contra da enquisa, e na túa visión do rol que está a desempeñar Anxo Lorenzo, gustaríame destacar unhas declaracións feitas hoxe mesmo por Lorenzo:
    "En Galicia non hai nin haberá guerra lingüística , por moito que insistan os radicalismos e extremismos dun e doutro signo" (ver http://www.xornalgalicia.com/lenguasminoritariasycooficiales/lenguasminoritarias.php)

    Punto positivo, sen dúbida, por apelar á cordura e negar que haxa unha guerra lingüística, pero punto negativo por todo o demais. Ese "radicalismos e extremismos dun e doutro signo" paréceme unha reformulación máis do "no fondo todos son iguais" que xa sabemos a quen beneficia. Eu persoalmente nunca coñecín a ningún "radical" nin "extremista" que pretendese exterminar o castelán de Galicia a todos os niveis, non dubido de que haxa algún que pense así (de todo hai neste mundiño noso), pero:
    -Os "extremistas" anticastelán non teñen secuestrado a ningún partido político (polo menos ningún con representación parlamentaria, dos outros non sei) nin conseguiron que as súas absurdas demandas fosen transformadas nunha absurda enquisa.
    -Os "extremistas" anticastelán non teñen tribuna privilexiada día si e día tamén en medios de alcance estatal comparables a El Mundo, ABC, COPE, etc.
    Estou disposta a recoñecer que, a nivel abstracto, por suposto que existen extremistas dun e doutro signo, e tanto rexeitamento me provocan uns como outros. Pero igualar o seu papel na situación actual en torno á lingua, como fixo aquí Lorenzo, paréceme cando menos perverso.

    ResponderExcluir
  3. Asino todas e cada unha das túas palabras, Eva. Plenamente.

    ResponderExcluir
  4. E outro colectivo máis en contra da enquisa: a Aula Castelao de Filosofía
    http://www.anosaterra.org/nova/a-aula-castelao-cualifica-a-enquisa-de-demagoxica.html

    ResponderExcluir
  5. Eva, coma sempre, tan acertada.
    Noraboa polo artigo, Xavier.

    ResponderExcluir
  6. Eu son David Rodríguez Rivada, profesor de música en Verín (IES Xesús Taboada Chivite), e cos últimos acontecementos estou cada vez máis enfadado co sistema e coas medidas que o goberno está adoptando con respecto á lingua galega. Recoñezo que eu son castelánfalante, que imparto a miña materia en castelán (anque preguntei na clase a principio dalgún curso en que lingua prefiren que a dea e tan só nunha ocasión me pediron en galego). De todos modos, se as agresións á lingua seguen adiante, darei as clases de música en galego, porque está visto que non podemos gañar contra os que mandan burocraticamente (burro-craticamente, diría eu), pero si podemos dar pequeños pasos para apoiar á lingua. No meu blog, que ó comezo era de música e literatura fundamentalmente (http://davidov3.blogia.com), están a proliferar os artigos relacionados ó galego. Moitas gracias por dar tanta información e facer esas reflexións tan interesantes que a moitos nos axudan a ser conscientes dunha realidade moito máis agresiva do que parece.

    ResponderExcluir

Comentarios