Onde estará o meu amor?

Lembro a primeira vez que a escoitei, adolescente, en Ribadeo, co pequeno radiocassete pegado á orella, na hora na que os elefantes soñan coa música. Anos de instituto, de descubertas, de fulgor. Nada podía pararnos. E aos poucos abriamos fendas na rutina: había unha outra realidade que non estaba nas conversas das rúas, nas pantallas da televisión, nos encorsetados libros de texto. Aparecía un océano de músicas que emerxía do invisíbel. Tiñamos lingua fóra de nós. E houbera e había un país chamado Galiza. O amor dábase en estado gaseoso, camaleónico, inapreixábel, a vida desexada en servilletas de bar. Había que transmitir a boa nova, brillábanos nos ollos inocente, berrabámola cada noite, ofereciamola sublevada coma un beixo, en palabras que nos envolvian elegantes, intocábeis, virxes. Hoxe, a liña da costa segue perfumada de certezas e de memoria. Eu son daquí, fai que digamos. E nosoutros querémola dese xeito, agreste e agarimosa coma un parto. Cando traba a consciencia dos erros propios, achégome e pouso a mirada naquel mar, onde os ollos meus son gavelas de horizonte. Gostamos de estar alí respirando o silencio, o cheiro a sexo e a morte do verán, co Cesare Pavese polos outeiros cercanos. O lombo das tardes faise man de auga, e onde antes había rock habitan as palabras que nos concitan á conversa. Brindo por isto, e por aquilo, con esta canción. Só prego que garden silencio, eviten mesmo respirar, e escoiten.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios