Galego, actual, internacional. Aló Irmao!


Este post é para ler de noite, en silencio e coas luces apagadas, só co azul luminoso do ordenador aceso nos cuartos da madrugada. Facédeme caso. Pechade as luces, todas. Pinchade despois aquí e buscade Esta noite. E viaxade en silencio, sen présas. Ao rematar a viaxe, podedes repetir. Con Woman Rain, con Isabela, con Amor sen igual, ..

A marabilla chámase Aló Irmao, o espectáculo que Narf & Manecas Costa levaban xa tempo ofrecendo aos poucos e de forma selectiva (Xornadas Mar por Medio, Ribadeo; Festival dos Abrazos, Compostela; Festival de Tondela, Portugal; Womex 2008, Sevilla) e que a semana pasada gravaron ao vivo en dúas inesquecíbeis xornadas no Teatro Principal de Santiago de Compostela, para a súa próxima edición en cd e dvd. Cumprirá estar atentos, porque non hai dúbidas de que vai ser un dos discos do ano a nivel estatal.

Para os que estivestes no concerto, pouco que contar; mellor facédeo vós mesmos nos comentarios. Para os que non, será difícil transmitirvos a beleza do alí acontecido. A fusión da enerxía roqueira de Narf, remuíño de ventos que veñen de toda a parte preñados de verdade e cheirando a mar, a verde e a pedra, e do guineano (da Guiné Bissau) Manecas Costa, unha forza da natureza, que baila sobre o gozo e a tristura, que muda en tambor e en noite tropical, que reborda e apampa os ollos europeus, pouco afeitos a escenarios que foxen da distancia cool . Asombra a súa ledicia cando toca, a ausencia total de gravidade e de pose nos seus xestos, a frescura e naturalidade coas que interpreta músicas que nos mergullan en fonduras do corazón, que nos falan da vida, do amor e da morte. Así as cousas o concerto muda en festa, en rito pagán, en misa laica do cotiá, e séntese ao tempo o arreguizo da revelación transitar ao noso lado, mirándonos ensimesmados con ollos limpos, infantís, abertos coma alboradas.

Convén achegarse a velos, aló por onde actúen. E facerse co disco, desde logo, para volver os ollos decote á porca terra que nos deu a vida, impura de cores, contaminada de linguas e saberes, sempre nosa.

Um comentário:

Comentarios