Unha sociedade viva


A nosa, a galega, que vai dando sinais de que se pon en pé, como fixera exemplarmente no Prestige e volveu facer o pasado 17 de maio. Desta volta a ameazante mancha tóxica déitase sobre nós infame, enganosa, disfrazada, para afogarnos a lingua e a nós con ela: trátase de destruír o que somos, a cerna da que vimos. Mais comeza a haber respostas, felicísimas, en galego e castelán, de persoas con adscrición partidaria e de persoas que non a teñen, de cidadáns falantes de galego e de cidadáns falantes de castelán. Xuntos. Teñen en común seren galegos, e compartiren a súa preocupación pola defensa necesaria da convivencia, da democracia e dos dereitos de todos e todas. Persoas como Juan Varela ou Fermín Bouza (lean por favor os seus dous post, imprescindíbeis) desmontando en castelán e desde o seu non-nacionalismo a grande mentira dos extremistas e segregacionistas (PP, UPD, Galicia Bilingüe, dereita mediática española) que promoven sen vergoña o apartheid lingüístico para o noso país, colectivos como os artistas da web KOMUNIKANDO, activados na denuncia da marxinalización da música en galego na CRTVG a través dun manifesto co que andan sumando apoios, entidades como as que asinaron conxuntamente (sindicatos, asociacións, directores de IES, colectivos de pais e nais, ...) un comunicado de rexeitamento á consulta-trampa sobre o galego no ensino.

Coa nosa actividade, co noso dinamismo e participación activa, estamos a demostrar que somos unha sociedade que quere avanzar, que non renega de si mesma, que sabe que a identidade propia é o noso principal valor, a partir do cal temos que construír o noso futuro de forma aberta, enriquecedora e propicia en relación cos demais. Por iso é motivo de alegría comprobar que existe latexo cidadá, iniciativa, vontade de protagonismo: é xustamente o momento para demostralo. O momento dos nosos emails, dos nosos sms, dun artigo de prensa, dun grupo no facebook, dunha conversa cos amigos, no bar ou no traballo, na casa cos pais ou cos fillos... e sempre con intelixencia, humildade, firmeza e capacidade de convencemento e seducción. Nós temos amabilidade e argumentos, empreguémolos. E deixemos que os segregacionistas se retraten como o que son: extremistas con manía persecutoria contra o galego, radicais en contra da convivencia lingüística, pertinaces manipuladores aos que a careta lles empeza a caer sen remedio e para sempre.

Os resultados eleitorais non son un cheque en branco para eliminar dereitos democráticos. Ademais, é bo que se saiba, non o imos permitir. Estamos orgullosos de ser o que somos, unha sociedade que valora a riqueza de ter dúas linguas oficiais. Queremos que os nenos e nenas saian do sistema educativo con plena competencia nas dúas línguas, e que ese sistema sexa un sistema de calidade, que incorpore tamén con eficacia o inglés. Defendemos a plena igualdade de dereitos e deberes para o galego e o castelán, e apoiamos o desenvolvemento de medidas correctoras en positivo que axuden a normalizar a lingua galega nos ámbitos nos que non ten presenza ou é residual. Queremos, en fin, unha sociedade libre, que se quere a si mesma tal e como é (plural, diversa e con identidade propia) e que demostra que vai defender, coa palabra, todos os dereitos conquistados. Son días importantes: que se note.

5 comentários:

  1. A foto moi ben escollida. No contido plenamente de acordo: está é unha oportunidade para a lingua e para o país.

    ResponderExcluir
  2. A min tamén me parece fundamental o papel de xente coma Fermín Bouza e outros que, desde Castela -creo que está en Madrid- e en castelán procuran desmontar mentiras.

    Digo isto porque un chega a ter a sensación de que en Madrid todo o mundo cre realmente que aquí cada día comemos un castelanfalante ó almorzo, e cómpre que alguén poña as cousas claras na que seguramente é a comunidade máis manipulada e peor informada do Estado.

    ResponderExcluir
  3. Si no fuese tan jodidamente triste podría ser hasta divertido:
    "El presidente de la Xunta de Galicia está tomando sus primeras medidas en contra de la imposición lingüística y del entramado que realizaron Pérez Touriño y Anxo Quintana durante el bipartito. "Discrepo del nacionalismo de importación, que se afana en sembrar un sentimiento antiespañol; y también de los grupos minoritarios que usan la lengua como arma", aseguró Núñez Feijóo este jueves."
    Asi nos va.
    Saudos.

    ResponderExcluir
  4. http://davidov3.blogia.com/

    Mirade a importancia da comunicación, dos blogs, de dar a nosa opinión de forma amable e intelixente...

    Cada día me reafirmo máis na necesidade de ter un discurso novo e eficaz, acompañado dunha estratexia social planificada, arredor da lingua. Non podemos estar sempre a remolque doas atques do PP, á defensiva; precisamos retomar nós a iniciativa.

    Publicación e reparto masivo dos TÓPICOS SOBRE A LINGUA GALEGA de Suso Acevdo xa!

    E lede a lakoff, en serio: No pienses en un elefante.

    ResponderExcluir

Comentarios