Xurxo Souto, a Radio Galega e a cultura do país

Xurxo Souto foi cesado no seu posto como director de programas da Radio Galega. É unha moi mala nova para a cultura e a música do país, desde logo, mais cómpre recoñecer que era previsíbel e en certo modo normal. Igual que se pode ser nomeado por unha forza política é razonable e lexítimo que outra distinta, cando accede ás responsabilidades de goberno, cese aos cargos do anterior e nomee outros diferentes. Nada que dicir, pois, sobre o feito deste cese, alén de lamentalo porque en Xurxo as músicas feitas en Galiza tiñan un aliado xeneroso, intelixente, apaixonado e incansábel, e moi especialmente as músicas feitas en galego. Poucas persoas contribuíron tanto nas últimas dúas décadas á vertebración, impulso e medre da escena musical en galego como Xurxo, e sempre desde unha perspectiva construtiva, aberta e positiva. A súa estupenda labor na Radio Galega será lembrada polo impulso dado á presenza da nosa cultura e música na grella tanto da Radio Galega como da Radio Galega Música. Do Extrarradio a Radio Oceánica, dos Tres Peixes Voando a O tren do serán, das Durindainas a, por suposto, o Aberto por Reformas, a banda sonora de moitos programas da radio pública de Galiza pasou de ser allea aos artistas do propio país a estar felizmente poboada das músicas de noso. Mais, xa digo, até aquí a decisión do cese é lexítima e pouco criticábel politicamente.

Acontece porén que Xurxo, alén de director de programas, era tamén o presentador do Aberto por Reformas, o único espazo de toda a Radio Galega que emitía integramente música na nosa lingua, e que vén de ser tamén ferido de morte. Conta o caso perfectamente Marcos S. Pérez en Vieiros. O seu substituto á fronte do programa eliminou o criterio central polo que fora creado e deixou de emitir música galega, reconvertindo o Aberto por Reformas nun pseudomagacín musical pretensamente cosmopolita (e na verdade, profundamente provinciano) que refuga da creación musical na nosa lingua. E isto si que é grave e inaceptábel. Grave porque estamos falando da eliminación do ÚNICO! programa que emitía integramente música galega, do ÚNICO! que diariamente daba difusión e atendía ás músicas de artistas do noso país como Narf, Uxía, Ataque Escampe, Labazada, Zenzar, Marful, Machina, Galegoz, Fanny & Alenxander, ... grave porque coa súa eliminación elimínase o ÚNICO! espazo co que os cidadáns galegos podiamos estar ao tanto das novidades discográficas de todos eses grupos e artistas, que TIÑAN NEL O ÚNICO PROGRAMA QUE LLES DABA VISIBILIDADE. Mais, ademais de ser grave, o acontecido é tamén inaceptábel. Porque isto ocorre na Radio Galega, medio creado no seu momento polo Goberno Galego xunto coa TVG co obxectivo de ser un medio público ao servizo da difusión e promoción da cultura galega e da normalización do noso idioma. Estes e non outros son os obxectivos fundacionais que explican que os galegos e galegas sufraguemos a CRTVG. E se a RG e a TVG incumplen as súas obrigas e, como parece, van camiño de rememorar épocas pasadas, haberá que denuncialo alto e claro. Imaxinemos por un segundo que a situación fose á inversa, e que tivésemos unha Radio Galega onde toda a música que soa é en galego agás un único programa que é en castelán. Imaxinemos que os gobernantes deciden eliminar ese único programa en castelán. E pensemos entón na magnitude do conseguinte lío mediático-político que se montaría, coas inevitábeis Gloriaslagos, FuerodeVigos e Coces de Galicia denunciando a persecución do español no noso país. Pois iso, amigos e amigas, vén de pasar coa música en galego na Radio Galega, e o silencio dos medios e dos "galiciabilingües" está sendo noxentamente clamoroso.

A actitude do Partido Popular contra a lingua galega é directamente insultante, de acoso constante aos dereitos dos galegofalantes e de mentiras e intoxicación social continuada canto ao seu discurso cara a cidadanía. Isto non é un problema lingüístico, senón social. Estamos a falar de convivencia e de garantías democráticas, non doutra cousa. Cómpre facerlle fronte a esta ofensiva de agresividade nunca vista desde o 1978 en diante contra a nosa lingua, disfrazada na campaña eleitoral de forma infame e cada vez máis actuante a cara descuberta. Non lles chega con impedir que podamos camiñar cara un 50/50 no ensino. Trátase de posibilitar que sus "niños" non rocen o galego na escola, non o escoiten na radio, non o sintan como parte central deste país no que naceron. O grao do acomplexamento e do autoodio, da colonización mental que padecen, é directamente patolóxica. Remítome para tentar entendela ao meu post anterior e ás palabras de P.Bourdieu. E despídome remoendo a indignación, cunha sensación física de dor e de rabia. A súa violencia, o seu odio enfermizo contra a lingua que me deron meus pais, o idioma propio deste país, resúltame imposíbel de dixerir sen que na punta dos dedos se acugule o sangue latexante de derrotas e pida fogueiras en flor e pólvora e magnolias. Porén, sei que non conseguirán converternos no que non somos, e que seguiremos mostrando que somos diferentes.

Un abrazo fraternal desde o vento revoltado de Cavanardá para o amigo Xurxo Souto, e sirva a última canción que puxo no programa de homenaxe para el e de incitación ao activismo para tod@s.

5 comentários:

  1. Vai unha proposta: promover por iniciativa popular un programa sobre música galega ao xeito de Aberto por reformas, dirixido por Xurxo Souto nunha emisora ou rede de emisoras do país. Ningunha agresión sen resposta, mobilización permanente en defensa da lingua, do país!

    ResponderExcluir
  2. Só fai falta vontade e diñeiro: unha pequena achega de 20 euros de 1.000 persoas e listo.

    ResponderExcluir
  3. En fin, descoñezo se a cousa é tan fácil, se existe esa Radio (falas de Radiofusión, anónimo?), se o tema é ou non posíbel, ... pero eu 20 euros póñoos se fai falta :)
    Aínda así, e complementariamente á promoción popular dese programa, eu creo que habería que realizar unha protesta argumentada pola eliminación do único programa dedicado á difusión da música en galega na radio pública de Galiza. É absolutamente inaceptábel. Por cousas así é polo que penso que son necesarias máis ferramentas (e non só A Mesa) para articular discurso e propostas arredor da lingua.

    ResponderExcluir
  4. the girl with the northern soul collection10 de junho de 2009 às 10:34

    Xurxo Souto saltou á fama como líder da banda Os diplomáticos de Monte Alto, e membro do movemento Bravú, que a comezos dos 90 defendeu o dereito a facer música en galego. Desde 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego, sendo o máis coñecido ata o de agora A tropa dá tralla en Radio Coruña. Tamén ten experiencia como escritor, xa que publicou tres libros de relatos e a novela O retorno dos homes mariños (Xerais, 1999).

    O luns 1 de xuño foi o seu último día á fronte de Aberto por reformas. Mentres soaba “Quedamos nesa Praza”, o tema do que Som do Galpóm ven de facer un videoclip, Souto despediuse con estas palabras: “Agora chega o tempo de que veñan outros compañeiros para que manteñan aberto este facho sonoro porque o poder melódico desta fisterra é realmente prodixioso. Por iso, unha vez máis no ano do lampión, do lóstrego, do relampo que viva a música galega, que viva a Radio Galega. Perdón polos erros e grazas. Talogho amighos…”.

    ResponderExcluir

Comentarios