My Mistakes Were Made For You

Porque de tantas vidas que tiven estou ausente / e son, á vez son aquel home que fun. Claudio Rodríguez Fer traducía a Neruda para comezar os Poemas de Amor sen Morte. Sei de quen pasou varios anos varado nas beiras desa vulva, nos pousos húmidos da pedra, de corazón tatuado por onde Airas Nunes. A fuxida do norte tiña sentido na resistencia a non perder / a seducción das formas insubmisas. No Ribadeo de Luz Pozo -pátria Seoane en diadema, dos oficios humildes e das formas antigas da tribo-, traballamos no presente coma nunha flor de neve. Mar por medio -os salmos que regulan a alianza / dunha liñaxe celta en dúas ribeiras- procuramos as paredes da casa grande, os marcos de ser daquí, a materia de nós para darnos nos ollos. Quen me trouxo estas palabras non o sei, viñan dentro da noite en pasando o alto da Xesta, xa falaban comigo por Celeiro de Mariñaos. Puxen o peor disco dos Oasis e dei volume 12 á memoria dos meus anos. Acudiu Valente, unha Feira do Libro usado en Compostela, a Lodeira, Carmen Blanco, o Tarasca, a Agrupación Cultural Francisco Lanza. No remate, Ribadeo deitábase no 1709, cos ingleses de Johnson tomando a vila por San Damián. Pero eu quixen chegar tarde a esa viaxe. Con cuncas de viño do Orense e muxicas nos ollos, volvemos a Luz Pozo e susurrou, nos anos do fulgor: digo estas palabras no límite / non hai xa adolescentes que nos salven.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios