Queremos galego

Vai rematando o Pereiro´s day no facebook. Os "gústame" fervían entusiastas, os feisbuqueiros compartían cos seus contactos, moitos copiamos e pegamos para que chegase mellor aos nosos. O estupendo artigo de Xosé Manuel Pereiro fixo fortuna, e é bo, magnífico que así sexa. Debemos aledarnos. Repasei os correos antigos da miña conta e atopei un de hai meses, de elaboración propia, mandado aos amigos queixándome da falta de resposta que o españolismo lingüístico -parello do político e do económico, como é claro- estaba a ter nos medios de comunicación, nas institucións e na sociedade galega. Daquela a hoxe, as cousas cambiaron cualitativamente. As agresións ao galego permanecen (desta volta fanse xa desde o propio Goberno) mais tamén o movemento de resposta social é cada día máis amplo, activo e capaz de se enfrontar ás estratexias da intoxicación e a mentira (Galicia Bilingüe, UPD, PP, parte do PSOE). Moitas e moitos, mesmo non galegofalantes, foron situándose neste tempo do lado da igualdade e da convivenvia, souberon desvendar a realidade que se mostraba disfrazada detrás dos discursos do aparato mediático dos poderes reais. Debemos felicitarnos por iso, e seguir no camiño encetado. Con firmeza e con capacidade de seducción, a un tempo, temos a oportunidade de abrir un tempo novo para a nosa lingua e de clarificar socialmente o que acontece. Coma sempre, os nosos amigos, coñecidos, compañeiros de traballo, ...son o noso obxectivo. O artigo de Pereiro é especialmente bo por iso, porque nos volve sintetizar -magnifica e clarificadoramente- o que xa sabiamos, porque a quen o lea lle lembra a evidencia das cousas, porque serve dese xeito á causa xusta da lingua. Eu penso imprimilo e fotocopialo, e mesmo gardar algúns no bolso para darlle a quen proceda nas máis que seguras e inevitábeis conversas de bar que ao respecto da língua nos quedan por padecer. Como fixen tamén con outros artigos que penso imprescindíbeis, os Tópicos da lingua galega do amigo Suso, el toupo que fuza. Diso se trata, de termos claro que a batalla real se libra no día a día, de non conformarnos con gañar na academia e no discurso científico, senón tamén e sobretodo na rúa, coa xente. Imos, penso, por bo camiño. Abofé que queremos galego, e imos demostralo aínda máis.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios