No resón da lingua
1. Foi un éxito. A manifestación do pasado 18 de outubro, organizada pola plataforma Queremos Galego, foi iso, un éxito. Acho que superou amplamente os 50.000 participantes, mais tampouco importa moito. Carece de sentido entrar nunha guerra de cifras, de contabilidade complexa e dubidosa como se comprobou esta mesma semana coa manifestación anti-aborto de Madrid. O relevante é que, tanto cuantitativa -mentres estaba celebrándose o acto final na Quintana había aínda xente na Praza de Galicia- como cualitativamente -participaron nela moitos milleiros de persoas, independentemente das súas afinidades políticas e mesmo da súa prática lingüística habitual- cabe reseñar o antes e despois que supón no que atinxe á mobilización da sociedade galega en defensa da convivencia lingüística, a igualdade de dereitos e a plena normalización do noso idioma. É importante insistir unha e mil veces nesta cuestión, porque o aparato de propaganda do que hoxe dispón o Partido Popular -nomeadamente a TVG e a Voz de Galicia- insistiu en deslexitimar a manifestación con mentiras de diverso grosor e calibre. O que se pedía, o que pediron máis de 50.000 voces na soleada mañá do pasado domingo 18 foi e é ben claro: o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística -aprobada durante o goberno de Fernández Albor- , o desenvolvemento íntegro do Plan de Normalización Lingüística -aprobado por unanimidade dos tres grupos da Cámara galega, sendo presidente da Xunta Manuel Fraga- e a aplicación do Decreto do 50/50 no ensino -consensuado durante o Goberno bipartito coa comunidade educativa e cos partidos políticos, PP incluído, e que se deriva do Plan anterior-. Xa que logo pedíase, nin máis nin menos, que o Goberno galego volvese aos consensos lingüísticos, cumprise a lei e non mudase acordos por desacordos. Semella complicado estar en contra, a non ser que algunha fóbia ou complexo patolóxico impida aprioristicamente calquer exercicio de razoamento. Iso ou os intereses políticos partidarios, claro, que poden antepoñerse á responsabilidade co país. Contodo, non acreditamos en que Feijoo tome nota.
2. Unha sociedade que responde. Para alén da resposta que provocou o motivo da mobilización -a cantidade e a pluralidade dos manifestantes demostrou que a lingua galega une, por riba de ideoloxías e de credos políticos-, gustoume especialmente sentirme parte dunha sociedade que, nunha parte moi ampla e senlleira, é quen de superar o individualismo, o nihilismo, o descrimento, o cinismo paralizante. Existe unha amplísima porcentaxe de galegos que actúan, na Galiza deste tempo, con consciencia, enerxía e responsabilidade cívica. É unha magnífica noticia o espertar e a activación dese amplo espazo social esixente e crítico, capaz de reclamar os seus dereitos e de axir socialmente sen servilismos e sen medos fronte aos diversos poderes. E éo porque o grande problema da sociedade galega, o seu talón de Aquiles, veu sendo xustamente a súa desvertebración, a súa atomización, a súa falta de autoestima e de intercomunicación. Acabar coa fraxilidade das (boas) práticas sociais, colectivas e articuladoras, permitirá que a sociedade galega sexa máis consciente e menos manipulábel.
3. Francisco Caamaño e o PSdG. Grande responsabilidade e un papel evidentemente relevante no que vimos de dicir -e no que aconteza no futuro máis próximo- correspóndelle ao PSdG. Como nacionalista galego, acredito e traballo por solucións políticas que constrúan máis sociedade e axuden na súa articulación e desenvolvemento a partir do recoñecemento democrático da súa plena capacidade de decisión e da súa condición de nación, con lingua, cultura e historia de seu. Porén, é obvio que a sociedade galega non é hoxe maioritariamente nacionalista e, neste sentido, acho que un papel central no remate da utilización eleitorista da nosa lingua e identidade correspóndelle necesariamente ao PSdG, que ten pendente desde a Transición definir que papel quere xogar en Galiza (algo que si fixo en Cataluña, como é sobradamente recoñecido). Resulta inexcusábel, penso, a construción duns certos consensos comúns progresistas, interiorizados organizativamente polos partidos e asentados socialmente polo seu corpo de votantes, a respeito daquelas cuestións que a dereita emprega como elementos de división e confronto político. Cómpre unha aposta clara e sen ambigüidades do conxunto do campo progresista -entendámonos: unha alternativa de goberno ao PP, no noso país, ou é bipartita ou non é- en temas como a lingua, as caixas de aforro, o finanzamento, a CRTVG ou o medio ambiente. Facelo posíbel esixe posicionarse con claridade e pedagoxía, e dar con firmeza os debates que sexa necesario, de forma que o conxunto do eleitorado afín poida coñecer e asumir as posturas concretas nos diferentes temas, sen caer nas trampas discursivas do inimigo. Digo isto porque, á vista de certo resón que deixou a manifestación do domingo, convén lembrar que o PSdG, representado nela polo seu secretario xeral e polo ministro Francisco Caamaño, é o mesmo partido que en plena campaña eleitoral xustificou o discurso da "imposición" do galego ... nas áreas que el mesmo xestionaba (Política Lingüística, Educación) no Goberno!. Do mesmo xeito, non resulta nin coherente nin críbel participar un día na mobilización de Queremos Galego e ao seguinte propoñer a oficialización do topónimo La Coruña, cabalo de batalla dun dos dereitistas e españolistas máis sobranceiros do PSOE, Paco Vázquez, e elemento co que algúns sectores queren romper o pacto de goberno na Coruña.
4. Televisión, manipulación. Pódese estar a favor ou en contra do que na multitudinaria manifestación de Queremos Galego se pedía. O que non se pode en ningún caso, se un é demócrata, é asumir como normal a utilización partidaria, propagandística e manipuladora dos medios de comunicación públicos, que pagamos todas e todos os cidadáns e cidadás. Resulta habitual a disconformidade da oposición coa liña informativa dos medios públicos, aos que sempre se acusa de estar instrumentalizados polo Goberno de turno, mais mesmo nesa cuestión existen certos límites non escritos que non se adoitan ver sobrepasados. O PP de Feijóo, que a ese nivel actúa sen complexos, superounos todos coa actual TVG, como puido comprobar con estupor quen fixer seguimento da cobertura da manifestación. Velaquí o xa "famoso" vídeo da entrevista (?) de Carlos Luís Rodríguez a Carlos Callón, portavoz da Mesa pola Normalización. Velaquí a indignación e as protestas que a liña informativa da TVG suscitou. O importante, contodo, para alén desta cuestión particular, é que a cidadanía, cada un e cada unha de nós, non pode asumir resignadamente esta actuación da CRTVG como unha consecuencia inevitábel dunha vitoria eleitoral determinada, e nese sentido case xustificada como "mal previsíbel que toca aturar". Somos cidadáns e temos dereitos.
5. Gañar unhas eleicións dá lexitimidade para actuar, mais tamén conleva deberes e obrigas que non poden ser violentadas. As máis importantes, o cumprimento das leis, dentro do marco do Estatuto de Autonomía e da Constitución. A quen tanto se lles enche a boca no emprego de ambos textos como valado e cancerbeiro das aspiracións nacionalistas - lexítimas e democráticas- de máis autogoberno para Galiza, esquéncelle rapidamente a súa obriga de os cumprir nos casos nos que non lle convén. Gañar unhas eleicións non dá dereito a incumprir as leis (como a de Normalización Lingüística), nin permite converter a telelevisión pública de Galiza, financiada cos nosos impostos, nun mero instrumento de propaganda partidaria. Teñámolo claro, insistamos nesta obviedade, esixamos como cidadáns.
6. A loita continúa. Faríamos mal, como me lembraba unha amiga de militancia estes días, se entendemos a mobilización do 18 de outubro, exitosa e masiva, como punto de chegada no canto de como estupenda oportunidade para seguir avanzando. A manifestación demostrou, inequivocamente, que o galego é un elemento de confluencia e de unión entre os galegos e galegas, por riba das lexítimas diferenzas ideolóxicas. O seu futuro debe ser a causa de todos, unha causa compartida polos galegos de dereitas e de esquerdas, polos que entenden Galiza como nación e polos que non, polos galegofalantes e tamén -cantos non había o domingo!- polos españolfalantes habituais. Queremos Galego demostrou a falsidade radical da confrontación que o PP, da man de colectivos extremistas como GB, quixo crear entre os falantes de galego e de castelán, opoñendo a causa xusta da lingua propia aos dereitos das persoas que non a empregan de xeito habitual. Esta estratexia, infame en termos sociais, acabou por mostrarse tan ineficaz como irresponsábel. Os galegos e galegas castelanfalantes non só non teñen nada en contra do galego, senón que na súa amplísima maioría están a favor da convivencia e da igualdade entre as dúas línguas -igualdade, lembrémolo unha vez máis, hoxe inexistente-. Cómpre seguir, pois, e cómpre conseguir. Para que máis e máis persoas, mesmo á marxe das súas práticas lingüísticas habituais, se impliquen na defensa desta causa e a transladen, con claridade e consciencia, aos contextos vitais do seu día a día.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios