A realidade troquelada




1. Festa Nacional (española). Segundo todos os medios é día de festa e de celebración obrigatoria, cómpre recoñecelo así, sen matices. Nin asomo de dúbida, de escepticismo, de desafección. Nas televisións, o ritual habitual deste día: desfile de tanques, metralletas e militares, xenuflexión do poder civil aos Borbóns, a cabra da Lexión a paso lixeiro e varios centos de dereitistas apupando ao presidente do Goberno (socialista e, polo tanto, pouco español). Ignoramos o custe do evento en Audis e en euros, e negamos, desde logo, a súa necesidade. Seguramente a ningún currito lle importe. Indicábano as bufandas futboleiras que, cais hooligans, portaban ben á vista nas grilleiras os antidisturbios hormonados do 25 de xullo en Santiago, mentres milleiros de persoas se esparexían polas rúas da zona vella camiño da comida e da sombra da Carballeira: Esto es España.

2. O españolismo vive o seu mellor momento desde a morte de Franco. Perdeu a vergoña de vir de onde vén - a tradición máis escura, excluinte e inquisitorial da historia peninsular, que conecta os Reis Católicos co absolutismo e coa España nacionalcatólica- e hoxe pasea ufano e xornalístico baixo os sobacos dos aprendices de señoritos, desbocado e retador nas gorxas dos currelas alleados (puto Laporta y putos catalanes!) e calado, gozoso e engominado, coma sempre, nos petos do capital financeiro e das familias de rancio abolengo. Grande mérito tivo o PSOE para facelo posíbel, un PSOE que pasou de defender a diversidade nacional do Estado na pre-Transición a facer un seguidismo acomplexado e vergonzante das posicións ideolóxicas dos fillos do franquismo. Non é casual que o líder político español mellor valorado sexa a cara -pouco amábel, polo demais- do lerrouxismo resucitado: unha Rosa Díez que, aínda sen programa e sen definición no económico e no social, é capaz de concitar apoios a dereita e esquerda cunha única proposta: España, una! (Con semellante basamento ideolóxico, por certo, amalgamou o poder italiano Berlusconi coa Forza Italia, aínda que, xa se sabe, para a prensa occidental os populistas son outros...)

3. Os nacionalistas galegos debemos preocuparnos, mais tamén reparar en que ese mesmo feito é proba evidente da propia anormalidade do Estado, dun Estado que se mantén no século XXI - en coherencia coa súa mellor peor tradición- contrario ao recoñecemento da súa diversidade interna, monárquico, católico e, como era de agardar, invertebrado. Iso si, nos deportes...

4. Fan ben os españolistas en negaren a súa condición de nacionalistas españois. Eu tampouco creo que o sexan. Non pode ser que un movemento como o nacionalismo galego -emancipador, cívico e defensivo- comparta natureza conceptual xustamente co seu antagonista, un españolismo que nega o noso dereito -mesmo no caso de a grande maioría da poboación galega se pronunciar nese sentido- a decidir o propio futuro. Esa confusión terminolóxica interésalles aos que queren camuflar o seu discurso reaccionario para vestir falazmente as roupas da modernidade. Rosa Díez, Aznar, José Bono, Francisco Vázquez, ...non son nacionalistas españois: son chauvinistas, españolistas, imperialistas (fracasados, que dicía Castelao), chámeselles como cadaquén prefira.

5. Insisten os intelectuais orgánicos do españolismo (os Savateres, os Pedrojotas, os Cebrianes, ...) no seu novo totem discursivo: non existen dereitos colectivos, só individuais. Os idiomas non teñen dereitos, só os falantes. Coa súa habitual ironía respóndelles Suso, que segue fuzando con acerto nas terras do norte dos corazois. Despois dos Tópicos sobre a lingua galega, magníficos, vaille tocar escribir -a el ou a outro, mais con ese mesmo estilo e ironía- os Tópicos sobre o nacionalismo galego. Non era mala cousa facer a cadanseu caderniño de peto, e levalos canda un para repartir cando toque.

6. A do españolismo trátase, no fondo, dunha vontade de sacar partido da vantaxe obxectiva coa que contan: o espectáculo (Debord) favoréceos, os medios de masas perténcenlles, a normalidade aparente (Bourdieu) é a das súas posicións. Nós somos o termo marcado, o que precisa de se explicar. Un exemplo: a vontade de que exista selección galega precisa ser xustificada, argumentada, lexitimada; a española non se cuestiona, dáse como normal, como natural. Política -galeguista- fronte a metafísica -españolista- . A inercia do natural leva á asunción de España: a opción non problemática no persoal e no social, a opción presentada como normal no contexto diario, cuns media que supliron por enteiro a ágora pública. Para defender unha opción diferente é preciso un esforzo, un gasto de enerxía, unha análise contra-corrente: cuestionar e superar o discurso dos vencedores (da historia), entender e explicar a natureza cultural, construída, das realidades políticas actuais.

7. Podemos esperar cambios, mudanzas, na actual situación das cousas, após a derrota eleitoral -moi grave para os partidos que a sofreron, terríbel para o país- do bipartito? O PSdG semella teimar en entregarlle a vitoria en bandexa ao PP, co seu torpe e suicida discurso anti-pactos co BNG. A alternativa ao PP, na Galiza, será bipartita ou non será. Sábeno todos, mais Pachi Vazquez semella querer confundir a quen máis importa: os cidadáns.

8. "Seamos realistas, ganar las eleccionaes aquí no es ganar el poder. Los poderes fácticos continúan ahí, muchos de ellos intactos. Y la lucha es por cambiar esa relación de poder." Estas son palabras non de Touriño, nin Quintana, aínda que intúo que hoxe poderían subscribilas. É Rafael Correa, presidente de Ecuador, quen fala. "Los poderes fácticos no van a renunciar tan sumisos a sus poderes de siempre. ¿Usted cree que que si yo fuera un presidente funcional al statu quo la prensa me trataría tan mal?" Insisto: non son Touriño nin Quintana falando sobre La Voz de Galicia, as caixas, a dereita económica e os intereses eólicos. Trátase de Ecuador. Ou non?

9. Gianni Vattimo, o pai do pensamento débil, na súa nova obra Ecce Comu: "Resignación, escepticismo e ir viviendo son los únicos modos de sobrevivir en esta situación. Se consolida -na Europa- el carácter profesional de la clase política, el recambio es casi imposible si no se produce dentro de los marcos vigentes, la democracia (sea cual fuere el sentido que le demos a este término, aunque sólo sea el de votar en los plazos establecidos) pierde todo valor, atractivo y persuasión".

10. Nunha liña semellante Luis Antonio de Villena -pouco sospeitoso de bloqueiro, por certo- hai anos en El Mundo: "Casi todos sabiamos que, por encima de los gobiernos que democraticamente elige el pueblo, existen unos llamados poderes fácticos o grupos de presión, que tienden a modificar y sobre todo a limitar este poder votado en las urnas. Nada nuevo, el Ejército y la Iglesia fueron en España, durante siglos, esos poderes umbrosos y no elegidos. (...) Pero la actual acumulación de capital que suponen las megafusiones empresariales amenazan, si no se busca algún control, la existencia misma de la democracia. (...) La crematocracia ha sido siempre una realidad, pero hoy es tan omnímoda que está a punto de vaciar de contenido las elecciones y los votos."

11. En 2008, en plena crise, os banqueiros subíronse o soldo máis dun 50 % mentres pedían ao Goberno millóns de euros públicos para axudar ás súas entidades financeiras. En 2009, as enquisas indican que a pesar dos evidentes e coñecidos casos de corrupción existentes en varias comunidades do Estado, o partido implicado nelas volvería gañar comodamente as eleccións de celebrárense hoxe. Manuel Vicent, escritor, explica en CNN +: "Hay una dimisión ciudadana de la musculatura moral que debemos tener como personas; cuando la gente no castiga a los políticos que mienten o roban se demuestra que vivimos en una sociedad enferma"

12. Os tempos tínxennos de pesimismo, é certo, mais tamén e sobre todo obrígannos a reaxir, a actuar, a movernos. Contra o discurso interesado do todos son iguais, contra o nihilismo frustrante do no future. Se non o facemos nós, quen o vai facer? Hai toda unha continuidade coherente nas posturas das diferentes organizacións políticas a respecto das cuestións económicas, sociais e culturais. Cómpre evidencialo, facelo visíbel, conseguir que emerxa do enxordecedor ruído mediático. Cómpre procurar fórmulas que fagan perceptíbel para a cidadanía como hoxe se nos troquela a realidade social conforme o modelo ideolóxico dominante (xa que logo, o dependente dos actuais poderes dominantes). Cómpre volver á pedagoxía dos conflitos concretos para explicar contextos xerais, estar presentes na vida social e colectiva das nosas vilas e cidades. Combater o cinismo, alimentar a ilusión.

13. O 18 de outubro, en Santiago. É de xustiza, sen máis.

2 comentários:

  1. Yo a Rosa Díez también le veo un cierto parecido a Berlusconi. Sobre todo en el pelo

    ResponderExcluir
  2. "O paso do poder dos políticos ao “poder das persoas” é a principal baza á que xoga UPyD. Este falso cidadanismo, esta pretendida inocencia apolítica (especialmente sangrante cando quen lidera ese partido leva décadas en política), é a cara máis vangardista do novo fascismo. Detrás desta actitude virxinal agóchase a perigosa mensaxe de que a política –isto é, a posta en liza de distintas visións e de distintos intereses– é algo que cómpre eliminar. Pero que queda cando eliminamos a política entendida como actividade digna e necesaria? O inhóspito mundo da economía no que só os máis fortes, os máis ricos, teñen algunha opción de impor o seu criterio. Neste sentido, resulta sintomático que ninguén poida dicir claramente cal é o programa económico de UPyD."

    Texto sacado de

    http://ofunambulistacoxo.blogspot.com/2009/10/berlusconismo-fase-superior-do-fascismo.html

    ResponderExcluir

Comentarios