Chávez e os media




Nas sociedades occidentais gobernadas polo que os portugueses denominan "centrao" (isto é, a similitude nas políticas e no modelo de sociedade proposto pola dereita e a socialdemocracia, en feliz alternancia no poder) é recoñecido tabu a defensa de modelos sociais e políticos alternativos, de natureza realmente transformadora. A figura de Hugo Chávez, aínda co seu innegábel histrionismo e os seus modos e formas (que chaman a atención na poboación europea, convenientemente tamizados e descontextualizados polos media), converteuse sen dúbida no grande referente dese proxecto alternativo en construcción que é a esquerda popular latinoamericana, actualmente no poder en moitos dos países do continente. A estratexia a seguir contra Chávez -como contra Morales ou Correa-, dictouse desde os EE.UU e Europa a través da posta en marcha dos aparatos mediáticos do sistema, que veñen desenvolvendo agresivas campañas de desprestixio e manipulación informativa. O caso paradigmático témolo no Estado español coa liña informativa de Prisa (El País, Cadena Ser, Cuatro, CNN +, ...), grupo mediático con importantes intereses económicos en Sudamérica, que chegara a sacar no seu día unha polémica editorial con motivo do golpe de Estado contra Chávez de 2002. Pouco importa que o mandatario venezolano gañase repetida e democraticamente máis de 10 consultas nos anos que leva presidindo o goberno do seu país, ou que recoñecese tamén inmediata e democraticamente a súa derrota cando esta lle chegou. Para a prensa española do centrao PP-PSOE o único importante é socializar a estratexia de intoxicación sobre a súa figura e deitar dúbidas sobre a súa lexitimidade como gobernante. Falamos hai tempo, neste mesmo blog, do documental irlandés La revolución no será televisada, de visionado moi aconsellábel para desvendar os mecanismos de manipulación informativa dos medios privados en mans da oligarquía venezolana. E déronse a coñecer agora, no último mes, outras dúas valiosas achegas que axudan a saber máis da estratexia seguida polo imperialismo contra os gobernos latinoamericanos: o filme do estadounidense Oliver Stone, South Border, e o libro da súa compatriota Eva Golinger, Bush contra Chávez. La guerra de Washington contra Venezuela. A única intención deste post é difundilos, como forma de contribuír a romper a ditadura do discurso oficial e a dobre moral dos medios, no que as dúas caras da moeda dos poderes reais converxen en intereses e estratexias. Como di a xenial viñeta de El Roto, por moito que haxa unha grande variedade de receptores, na sociedade que vivimos só unha única música está permitida.

5 comentários:

  1. Para un líder dun goberno, o histrionismo e o populismo pode ser unha boa ferramenta en clave local (Chávez, Berlusconi...), pero trasladan unha desconfianza e unha imaxe caricaturizada brutal cara ao exterior...

    Son moi escéptico coas teorías da conspiración mundial... especialmente agora, onde as fontes de información son tan diversas. E dende logo sempre que quixen coñecer o outro lado da historia, as fontes de información oficiais non fan moito por mudar esa imaxe panfletaria... www.vtv.gob.ve

    A imaxe que ten Chávez, e que polo tanto traslada do seu goberno, penso que é nun 90% responsabilidade súa... pode que sexa difícil, pode que exista unha incomprensión cultural ante determinados xeitos de comunicar en latinoamérica... pero dende logo se Chávez é unha "víctima" é porque é máis cómodo para el presentarse como tal ante un abstracto imperialismo.

    Non é posible defender ideas de esquerda doutro modo en latinoamérica?

    ResponderExcluir
  2. Só un detalliño que ao meu parecer é moi curioso e ilustrativo: Están a ser difundidos máis textos, audios e imaxes críticas con Chávez nas Españas que na propia Venezuela. O dato foi comprobado por varias organizacións de xornalistas durante o primeiro semestre deste ano.
    O absurdo dos medios de información españois chegou cando a maioría deles criticaron frontalmente o proxecto lexislativo chavista que eliminou as limitacións temporais aos elexidos --¡¡¡non só ao presidente da República!!!--, esquecendo que no Estado español e na maioría das democracias "boas" non existen limitacións.
    Non fai falla ser chavista para recoñecer que hai unha "estrana" inclinación antichavista nos medios españois en xeral.
    Outra coua é a opinión que cada quen teña da política de Chávez --a miña non é precisamente positiva, mais compre non esquecer que a Venezuela de hoxe é filla dun pasado que mete medo--; perón, no eido da información non hai dúbida, agás que pechemos os ollos, pois é evidente que o antichavismo é "norma". ¿Por qué?... Non é doado resumi-lo.

    ResponderExcluir
  3. Olá aos dous.

    Penso que no caso de Chávez o histrionismo non é buscado, senón que forma parte da súa forma de ser. En calquera caso, hai aí unha certa "tradición" cultural, penso, da que debe ser dificil substraerse e que aos ollos nosos pode resultar chamativa, mais non esquenzamos que por aquí pululan e pulularon Francisco Vázquez, Baltar, Fraga, etc (refírome no que atinxe ás formas "histriónicas" e caudillistas de facer política). En resumo, paréceme que ten a ver máis coa persoa que co personaxe. Recoñezo, iso si, que con Bush diante tamén o tiña máis fácil que con Obama. Mentres un era internacionalmente denostado, o outro é a icona do que levamos de século XXI.

    Sobre esta cuestión, con todo, sei que había xente do goberno Chávez que explicaba que, por moito que a nós nos chame a atención, nun país cunha taxa de analfabetismo alta e uns graos de pobreza tamén moi altos (ambos os dous indicadores baixaron notabelmente nestes anos) era necesario ser pedagóxicos na comunicación, e que ese papel Chávez o facía de marabilla, que conectaba enseguida coa xente. De acordo en que aquí un Aló presidente sería imposibel, mais recoñezamos que Tele Madrid pouco dista de ser un continuo Aló Esperanza e Canal Nou un Aló Camps. Podedes ver a contra do Público de onte para comprobalo...

    Como di Félix, sería moi longo de tratar aquí o dos medios de comunicación, mais non podemos empregar unha dobre vara de medir. A liberdade de expresión dáa o diñeiro. Na prensa privada venezolana só hai unha voz, a da oligarquía, con furibundos ataques e mesmo certo racismo contra o presidente. Chávez ten os medios públicos e contraataca. Non pasará a proba do algodón, pero como se non se escolle gañan os de sempre, eu apoio a quen está do lado das maiorías que o precisan.
    No caso español, chega con ler o artigo de Vicenç Navarro ou algúns de Pascual Serrano ou Belén Gopegui, ou con coller El País cada domingo e ler as diatribas de Moisés Naim contra toda a esquerda latinoamericana. Nun especial da revista musical Rolling Stone este verán, sobre os mellores discos da historia do pop español, había unha reportaxe sorprendente, e moi pouco musical...sobre Chávez e o malo malísimo que era. Sabedes quen edita esta revista? PRISA.

    En fin, e un tema complexo, poliédrico e nada sinxelo de tratar aquí. E en calquera caso sómpre sempre distinguir o que é o apoio a un proceso social e político (o que eu fago) á idolatría a unha persoa (que nin fago nin me interesa).

    Apertas grandes aos dous!

    ResponderExcluir
  4. É interesante tamén comprobar como Uribe, o presidente de Colombia, situado a dereita da ultradereita e con conexións con grupos paramilitares e narcoterroristas responsables de matanzas atroces de campesiños colombianos nos últimos vinte anos, é presentado na civilizada Europa coma un centrista reformista ben educado e ben vestido, dialogante, tolerante e preocupado polos problemas sociais do seu país.

    O preocupante, como xa falaramos é que os conglomerados mediáticos transmiten dúas ideas dunha toxicidade considerable: a) vivimos no mellor dos mundos posibles e b) a democracia é inseparable do capitalismo tal e como a coñecemos. E Chavez resulta que é unha amenaza real a ambos postulados.

    ResponderExcluir
  5. Es maravilloso leer que los izquierdistas europeos que se ganan la vida cavando zanjas aun sacan fuerzas de flaqueza para defenderme de la conspiración mediática global sionistacapitalistatyanky de extrema derecha financiada por el Vaticano, la banca suiza y los Teletubbies. Se lo agradezco de verdad. Que sigan ustedes así. Sin dormir en las vainas del conformismo occidental ni dejandose engañar por la prensa trapacera manejada por la casa Blanca y los intereses espurios de la banca neoconquistadora española. Se ve que conocen la realidad social de Venezuela de primera mano.Lo que jode a los gringos es que gané las elecciones limpiamente.Porque en America Latina tenemos democracia. No como ellos.
    Un saludo desde aqui a mis idolos, su gran caudillo Francisco Franco,el incomprendido Hitler,Pol Pot, al mata esclavistas Mugabe y sobre todo al Comandante, que consiguió que Cuba dejase de ser un burdel pequeñito y se convirtiese en la mayor casa de putas de America.Eso si.Todos con sanidad púbica.
    Sigan en la lucha, mis cachorros bolivarianos.

    ResponderExcluir

Comentarios