Novembro

Pasou a Oktoberfest na Galiza, que amigos varios das beiras do Lérez festexaron en tempo e forma, como corresponde e aconsellan os bos seareiros da arte gozadora da cervexa. Eu, que non puiden achegarme ao sur, fixen o propio cos meus, polo norte cantábrico de Cortezón e Gamallo Fierros. Do Kursal ao Recuncho en idas e voltas, a Guiness foi debuxando marcas de escuma na noite e na conversa. A semana continuou felizmente nordestina. Chuviosa, morna e mindoniense/ribadense, ou sexa: anterga, culta, decadente e señorita. Gústame a miña terra. Polos regos das pedras relaron as horas cunqueirianas, laicas e firmes con Leiras Pulpeiro, evocadoras da nación negada con Veiga, na Alborada. Daquí de Santiago o mundo vese doutra forma, e penso que se ve mal. Non ha ser culpa nin do sitio nin da xente, seguramente sexa a falta de horizonte, ou de perspectiva. Dun recuncho do norte, nunha esquina, mírase mellor e vese todo. Non sei, parécemo a min. Agora miro pola fiestra e penso que o inverno está detrás dos edificios, das igrexas, das torres deste novembro adurmiñado. E apetece que veña, a verdade, para baixar a Xesta e ollar o val nevado, para subir o colo do xersei e quecer co bafo do alento propio, para ir no coche a Reinante a ver o mar, que segue alí.

4 comentários:

  1. Pois estou totalmente dacordo contigo, a falta de perspectiva é un mal vírico de Compostela. E abafa... Obrigado polas palabras e polo vídeo. Unha aperta

    Fran p.

    ResponderExcluir
  2. Ai, o doce outono da Mariña, máis doce aínda para os exiliados. Vémonos pola terra ou pola querida/odiada SCQ!

    ResponderExcluir
  3. Apertas grandes aos dous, compañeiros da diagonal ribadeu-viguesa e medrados, periféricos, diante do mar. Iso imprime carácter. :)

    ResponderExcluir
  4. hello... hapi blogging... have a nice day! just visiting here....

    ResponderExcluir

Comentarios