Complexos e limitacións

Non sabe un moi ben por que hai contidos dos que se estudan no percurso educativo que permanecen frescos na memoria, en tanto a maioría se van difuminando aos poucos co paso do anos, até nos sorprendermos mesmo de telos aprendido ou estudado nalgunha altura. A min de 2º de BUP véñenseme á lembranza -a saber a causa!-, as aulas de filosofía e, especialmente, aquelas nas que se explicaran os mecanismos psicolóxicos de defensa. Miren vostedes por onde, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, ven de se converter en imaxe, face ou santo representativo e indiscutíbel dun deles. Fixera puntos o conselleiro nada máis aterrar no cargo, con aquelas memorábeis declaracións nas que afirmaba cheo de razón que a cultura galega "limitaba". Tal diplomática capacidade para meter o zoco no esterco veu confirmarse agora coa súa nova e inoportuna botadura de lingua a pacer: "a cultura galega é una cultura ensimesmada e acomplexada". Imaxínao un dicíndoo e quedando tan pancho, cun sorriso entre pampón e amábel na boca, e un non sabe moi ben se nominalo para Gran Hermano con Pilarita e Indhira, matriculalo en Adultos ou pedir desacomplexadamente a súa dimisión. Porque non lle acae ben, iso seguro, seguir no difícil cargo de Conselleiro da Cultura Ensimesmada e Acomplexada.

Coincide esta nova babecada, porén, cunha liña discursiva que conta con algúns outros seguidores, todos de bastante maior visibilidade ca peso real, e por aí o problema. Un deles é o xornalista Luís Ventoso, que hai semanas tamén participaba da coral e despectiva polifonía contra a cultura de noso, cun achegamento simplón, descontextualizado, superficial e, ende ben, igualmente dañino. Transmiten estes malos cantantes unha imaxe da cultura galega cargada de tópicos a través da que espellan, xustamente, a súa propia ignorancia e prexuízos -o seu cosmopaletismo, á fin- cara ela. Velaquí a proxección como mecanismo de defensa: a nosa cultura como cultura de pouca calidade, subvencionada por enteiro, ensimesmada, acomplexada, limitadora. Non sorprende, nesta altura, o atrevemento. Non deixa de ser o correlato sectorial dun discurso rexionalista e minorizador que afecta a Galiza en tanto suxeito, tan ben e ironicamente captado por Emilio José -o seu disco, lembren, escollido pola crítica musical de todo o Estado como un dos mellores do pasado 2009- nas declaracións do presidente Feijoo (comparaba a hipotética perda das eleicións galegas por parte do PP cunha derrota do Real Madrid nun campo de segunda división). Nada de que sorprenderse, pois. Aceitémolo: somos unha cultura que non serve, pequena, de andar pola casa en zapatillas, co pensamento no alboio en troca de no mundo. E nesas que vén o Varela de Nova Iorque para dicirnos que xa el sabe e sacarnos os complexos, así sexa a golpe de decretos, eliminación de programas culturais ou espavento contra o termo nacional -se estiver referido a Galiza, naturalmente- por toda a parte (Premios, Biblioteca, Arquivo, ...). Velaí o seu programa cultural último, definitivo, rechouchiado a coro polos paxaros -afíns- da prensa e do partido desde a espesura protexida e protectora do poder. Nese calor andan tamén Caneiro e algúns outros -poucos, contodo- corvos e gueivotas polo estilo, nada que ver, onde vai!, cos feros do Xallas pondalián ou as compañeiras viaxeiras do mar de Manoel Antonio.

Ocorre, porén, que o discurso non se mantén de pé nin con muletas. É poñerse a buscar o tal ensimesmamento e dá un con Rosalía , coas Irmandades da Fala (Galiza, célula de universalidade), coa Xeración Nós (é preciso volver, outra volta, á repetida referencia ao Ulysses?), con Suárez Picallo, con Castelao, con Seoane e Maside, con Cunqueiro e Blanco Amor, ... e do ensimesmamento ese ... nada, nin noticia. Será que os óculos meus van mal de lonxe e ven mellor de cerca, penso. Busco de novo e tropezo con Fernández Paz e Xabier Docampo, coa literatura galega infantil e xuvenil, coa música de raíz -Mercedes Peón, Berrogüetto, Milladoiro, Luar na Lubre-, coa banda deseñada. Todos andan dun lado para outro, un algo cansos de ter que pasar por Barajas e non poder saír directamente de Santiago a recoller os premios que, por Europa e polo mundo adiante, lles van concedendo ano a ano. U-lo ensimesmamento, u-los complexos? Quen cho sabe, chico! Non hai maneira de dar con eles. Proba un a mercar lupas novas e tampouco: velaí o Carlos Núñez facendo o disco no Brasil, a Descarga ao Vivo tecendo pontes e investigando en Cuba, o Narf máis atlántico mesturando lingua e ritmos na Guiné Bissau ou Moçambique, as Batuko Tabanka achegando Cabo Verde a Galiza. Pola beira daló os mozos e mozas de Rede.cat, en Barcelona. As Ialma e Muziek Publique en Bruxelas. Uns xaponeses chegan cos cedés de Galician Tunes e preguntan se este ano a Galiza estará en Womex, en Popkomm, en Midem, e outro pasea pola Alameda cun catálogo de Galician Books, a ollar para os novos escritores do país. Pregúntolles a eles se viron por alí o tal ensimesmamento, os tais complexos, e dinme que non pero que saben o camiño de Conxo, amabelmente. Buscarei no Sons da Diversidade, no Cantos na Maré, no Festival dos Abrazos, nas propostas de Sinsal ou do Centro Coreográfico Galego, en Manolo Rivas, Pilar Pallarés, Lois Pereiro, Teresa Moure, Ferrín. E neste 2010, en Carvalho Calero e Novoneyra. A ver se neles...

Han de perdoarme a brincadeira. Sei, abofé, que o conto é serio. E descoñezo, ai, se o noso Conselleiro de Cultura saberá tan sequer da existencia ou da obra de cando menos a metade dos citados. Non me entendan mal, non quero caír en ningunha caste de elitismo que desprezo. Dígoo só a modo de reflexión, en alto, á intempérie. Non o invalidaría para o posto en por si, mais aconsellaríalle, acho, certa prudencia ao abrir a boca para dicir. Por se un día el e os seus compañeiros de discurso se miran no espello e de socato ollan de volta, diante súa, tanta ignorancia atrevida, tanto autoodio indixesto, tanto prexuízo proxectado cara os demais.

11 comentários:

  1. A estupidez si que é ensimesmada. E estas declaracións, de demisión.

    ResponderExcluir
  2. Noutras disciplinas xa non estou tan posta, pero creo que en literatura é case o contrario do que o señor conselleiro di: hai tal afán por reinventar a literatura galega, por romper moldes, por "desensimesmarse", que ás veces marea. P.ex. hai temas como o do pasado celta de Galicia que podían ter moito máis tratamento literario (e sobre todo que podían dar para varias series de novelas históricas ou de fantasía que non serían de premio Nobel, pero se cadra poderían darnos para gañar uns cantos lectores) e que non o tiveron, penso eu, xustamente por este desexo de non ir ao máis tópico, de non ser acusados de mirarnos para o embigo constantemente. Ídem con outros temas da historia/cultura galega. Cando hai algún tema que "prende" e digamos que inaugura unha nova corrente ou mesmo un subxénero literario (os máis típicos serían o da emigración ou a Guerra Civil), axiña saen, dentro do propio mundo da literatura, voces dicindo que xa está ben, que hai que buscar máis temas novos, etc. etc., e cando vas examinar as obras que efectivamente se escribiron sobre estes temas, en realidade daste conta de que tampouco foron tantas nin deixaron tan esgotado o tema. Eu polo menos como (mínima) parte que son do sistema literario galego noto xusto o contrario do ensimismamento, é máis, ás veces gustaríame ensimismarme un pouco máis...

    ResponderExcluir
  3. La democracia es el proceso que garantiza que no seamos gobernados mejor de lo que nos merecemos.
    La gente en Galicia,vota libremente a estos "intelectuales". Agua y ajo.
    ¿Qué cojones habremos hecho mal en este país?.
    ¿Qué?

    ResponderExcluir
  4. Parabéns polo fondo e o xeito

    ResponderExcluir
  5. Magnífico post, Xavier. Magnífico. Difundireino.
    Suso

    ResponderExcluir
  6. Fixen o artigo cando tiven coñecemento das declaracións que saen hoxe no Xornal e no País (foi nos medios nos que as vin). Realmente é impropio dun responsábel político encargado dun ámbito unha actitude como a deste Conselleiro: entre o descoñecemento, o desinterese, os prexuízos e o insulto á cultura propia. Non imaxino eu ao Ministro portugués, español ou francés de Cultura dicindo que a súa é unha cultura que limita, acomplexada e ensimesmada. Aos dous minutos pedirían a súa dimisión os colectivos profesionais da cultura e todo os partidos políticos.

    ResponderExcluir
  7. Podo mandarllo por correo ao conselleiro?

    ResponderExcluir
  8. A estas horas xa o terán no dossier de prensa, camarada. Niso sonche moi eficaces.

    ResponderExcluir
  9. É que este un goberno esquizofrénico. Conselleiro de Cultura para o que a cultura galega limita ou é acomplexada, conselleiro de Industria que na súa práctica profesional deslocalizaba empresas fóra de Galicia, directora xeral de Formación e Colocación que ten contratada de xeito ilegal a unha traballadora, na consellería de Educación seica son moi fans da privada... En fin: goberno esquizofrénico.

    ResponderExcluir
  10. Moi bo Xavier, toda a razón do mundo

    ResponderExcluir
  11. Vin que o artigo incluíuno tamén Xoán Costa, o presidente da AS-PG, no xornal GZ Nación. Parabéns!

    ResponderExcluir

Comentarios