Ollos

Pasou o Nadal e veñen as rebaixas. O paradoxo é que da febre consumista poden chegar agasallos coma o último libro de Bauman, ou calquera do fascinante Pasolini. Cómpre volver cada pouco aos Escritos Corsarios, editados en galego por Positivas hai xa máis de quince anos. Para lembrarmos a importancia da cultura popular, para ollarmos por baixo da cortiza das cousas, para fuxirmos de calquer caste de dogmatismo. Desde esa posición, non sempre conseguida, ando estes días mergullado nun libro sorprendente do filósofo Gabriel Albiac, hoxe apoloxeta, mercenario, propagandista a soldo da barbarie. Sorprende como alguén, discípulo de Althusser e amigo de Negri, pode pasar en poucos anos de escribir un libro como Todos los héroes han muerto a mudar nun arrebatado -isto, é verdade, xa antes o era- matón dialéctico ao servizo da ultradereita española. Non é, contodo, o único caso, e por iso a cousa dá que pensar. Como tamén dan que pensar, sempre, as palabras de Galeano. O autor do clásico -e aínda esencial- Las venas abiertas de América Latina foi entrevistado polo xornal Público a semana pasada. Algúns anacos: " Hay un complejo de superioridad que tienen los países dominantes en el mundo, que se sienten en condiciones de obligar a los demás a rendir exámenes de la democracia, que son los grandes maestros para decidir quién es demócrata y quién no, qué procesos están bien y cuáles están mal. Y cuando esos profesores de democracia vienen a juzgarnos, a mirarnos desde afuera y a condenarnos de antemano, están ejerciendo un derecho de propiedad que es uno de los derechos más repugnantes de todos" . O Galeano que máis me gusta, con todo, é aquel que di, que conta, desde unha visión poética e comprometida, e que mestura coma poucos, na súa literatura, as doses precisas de pólvora e magnolias, de lirismo e contundencia. Poucas lecturas me fascinaran tanto no seu día -nos tempos universitarios- coma os Días y noches de amor y de guerra, relatos de extraordinaria sensibilidade sobre un período atroz da historia latinoamericana, o das ditaduras militares dos 70. Por algunha gaveta chea de papeis andará tamén, recortada e gardada, unha entrevista que n´A Nosa Terra lle fixeran con motivo dunha súa visita a Galiza, hai xa ben anos, como relator da Aula Castelao de Filosofía, quero lembrar. Nela falaba Galeano do seu coñecemento e admiración pola obra do rianxeiro, e especialmente pola gráfica, pois tamén el fora nos seus inicios un debuxante e caricaturista de prensa. Sorprenderase algunha certa progresía españolista do dato, cegados como andan no seu cosmopaletismo. Mais as cousas son como son e aquí e alí a necesidade descolonizadora é ben semellante. Deixemos que o diga o uruguaio: "La lista de diferencias es interminable. Pero no es tan interminable la lista de las coincidencias de países que están buscando caminos de liberación después de siglos de opresión y de negación de sí mismos. Son experiencias diferentes de países que deciden dejar de escupirse al espejo, dejar de odiar su propia imagen, dejarse de mirar con los ojos de los que los desprecian."


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios