No envés, na vida descoñecida que agocha o sorriso dunha foto. Véxote e penso nas palabras que hai que supoñer, que hai que construír para facerse co mapa do posíbel. Nas conversas que debemos inventar para posuílas coma un agasallo secreto. Nas rúas, que cómpre deshabitar para facelas nosas de novo, séndomos quen de cuspir as feridas ao chan, de relar os medos ao espello do que fomos, de marcar co noso paso cada recuncho da cidade. Pódese, claro que si, vivir nunha canción. Para sempre. Coma os marcos dos terreos do pasado, que habitamos enfermos de melancolía. No hay nostalgia peor que añorar lo que nunca jamás sucedió, cantaba Sabina cando eramos máis inocentes e aínda nos gustaba, espidos de pedantería, borrachos de ilusión sen complexos nin porqués. Nós nunca estivemos en Bos Aires. Pero estivemos, lembras?, mirando o futuro desde o castro de Baroña, erguidos sobre o ceo incendiado da tarde. Cicatrizando os anos do fulgor, procurámonos humildes de entre aqueles varios eus que fomos. A nosa figura perdida, conscientes do mundo que morría ao pór do sol, ás portas do verán daqueles días. Aínda podo mirarnos, devorcados na pedra e na incerteza, evocando o que foramos e o que non, desexando inutilmente nun latexo afogado de sangue. Nós, nun silencio doído, derrotado, mais tamén habitábel: casa ou agocho, dor porque aínda había esperanza. Pero tu no querías más amor / que el del Río de la Plata.
Sabina,¡Qué recuerdos!.Qué mal lo pasé cuando lo raptaron con todas sus amigas.
ResponderExcluir