Músicas de estraperlo

O Público falaba do último libro de Vila Matas, a Blitz dos novos talentos do folck- rock portugués, na onda Devendra Banhart. No coche, camiño de Caminha, daba para pensar na nosa música e na nosa poesía, e na necesidade de construír todo un discurso literario e estético arredor da música popular galega contemporánea, onde podemos situar Marful, Espido, Guadi Galego, Narf ou Xabier Díaz. A importancia das letras, da calidade literaria das mesmas, en conxunción con sonoridades actuais. O exemplo do Brasil, sempre, dese apropiacionismo feliz e consentido, desa orxía compartida de músicas e cancións entendido coma festa común, como orgullo cultural colectivo. Quen probou a auga limpa da fonte da tradición sabe que é nutritiva e inesgotábel e séntese libre para refacer e crear. Niso andan, seica, tamén no país veciño, artistas como B Fachada, Samuel Úria ou os Diabo na Cruz. Non sería mala cousa que houber quen pasar ideas, músicas e proxectos pola fronteira, e case mellor de contrabando.


Um comentário:

  1. O contrabando pode parecer romántico, mas o interesante era tumbar a fronteira o máis que se poida e desde todos os ámbitos. Felizmente non somos poucos os que niso andamos, eis un exemplo: http://www.commonsbaby.com/2009/07/c-baby-37-entrevista-b-fachada.html

    Apertas e parabéns por este recanto!

    ResponderExcluir

Comentarios