Por motivos de traballo teño diante unha reprodución da cronoloxía que o xornal A Nosa Terra editou en Bos Aires (ANO XXXII, nº 474, día de Galiza de 1959) dentro do seu "Número especial adicado a Castelao". A preparación d-iste número d'A Nosa Terra fíxose baixo a direición do Dr. Ramón Rey Baltar e coa colaborazón dos siñores Xosé Núñez Búa, Rodolfo Prada, Moisés da Presa e Dr. Lois Seoane, informa a publicación. A cronoloxía remata no ano da morte do noso compatriota, 1950, dando conta de como é internado o 2 de xaneiro no Sanatorio do Centro Galego, como é operado infrutuosamente polos doutores Uribe e Sanchez Guisande e como falece finalmente o 7 de xaneiro, ás 23 e 55 horas, na sala Nº 203 "rodeado pol-a sua esposa doña Virxinia Pereira, pol-os médicos Sánchez Guisande e Pastor e por un núcreo de seus máis íntimos amigos galeguistas". O 9 de xaneiro, informa A Nosa Terra, despois de "40 horas de velatorio no Centro Gallego, pol-o cal desfilaron milleiros e milleiros de galegos e de ademiradores, deposítase o ataude no monumental Panteón do Centro Gallego no Cimenterio do Oeste na agarda de levalo a sua patria Galiza cando ela goce de libertade".
A morte da Castelao é tratada informativamente na España franquista a través das directrices que naquel entón enviou a “Dirección General de Prensa” a todos os medios:
“Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Daniel Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente: la noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto político. Se elogiarán unicamente del fallecido sus carácterísticas de humorista, caricaturista y literato. Se podrá mencionar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la Misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro “Siempre en Galicia” ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil. Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente.”
Tanto os nosos compañeiros e compatriotas do exilio bonaerense, coa súa admiración e cariño, coma os franquistas que masacraran Galiza e encheran as cunetas de loito e morte, co medo e odio que destilan cara a súa figura, transladan nas súas palabras a altura histórica da personaxe e a importancia do momento. Castelao non era un político máis, nin un artista máis. Castelao era, en metonímia aceitada por todos, o símbolo das aspiracións e das liberdades de Galiza, o presidente que nunca tivemos: nós mesmos, exiliados da propia Terra. Saber iso, ser conscientes de quen foi e de que representaba, fai máis necesario aínda achegarse hoxe á súa figura sen deixarse aplastar pola forza do mito e pola extensión e intensidade dos tópicos: a Castelao, sobre todo, hai que lelo. Hoxe coma onte, e tamén mañá, até que a Galiza sexa efectivamente libre. A vixencia do seu pensamento político e a modernidade e compromiso da súa creación artística son fachos que iluminan e non cegan. Acontece que, para desgraza de moitos, tanto deitan luz para os camiños da dignidade como deixan en evidencia aos oportunistas que o poñen na boca para baleiralo de contido e negar o país. Desa caste de tolleitos de cinismo que dan gato por lebre é o Alberto Núñez Feijoo, acomplexado galegófobo, badoco endomingado con alma de turista madrileño no verán ribadense, que quixo provocar á oposición -entendo eu que na tentativa de facer diso noticia e ocultar así o balance nefasto do seu primeiro ano de goberno- traducindo ao español a Castelao sen motivos nin porqués que o xustifiquen, nunha sesión formal do Parlamento de Galiza, en concreto unha pasaxe do “Alba de Groria”, discurso pronunciado no Día da Patria Galega de 1948, publicado no número 463 de “A Nosa Terra” (xullo de 1948) e finalmente incorporado ao libro IV do Sempre en Galiza.
Co xesto, Feijoo retrátase novamente a si mesmo, no seu desprezo e desleixo á figura que logrou o recoñecemento de Galiza como nación e que posibilitou, xunto cos seus irmáns nacionalistas, que el mesmo poida ser hoxe presidente dunha institución como a Xunta de Galicia. Mais o aceno provocador tamén o ispe e o mede. O primeiro é símbolo colectivo, figura poderosa que transcende décadas e convoca dignidades, multitudes; o segundo aprendiz de señorito, marqués de quero e non poido, "gallego" obediente criado na servidume, incapaz de verse no espello se non é con ollos prestados. Máis que noxo, Alberto, dás tristeza.
Nota: a foto é de Castelao e a súa dona Virxinia en Nova Iorque, no ano 1938, nunha xuntanza de antifascistas.
Este post é moi emocionante, Xavi.
ResponderExcluir