Panorama de orquestra




Confeso que cando vin a foto no xornal non dei crédito a que estiver relacionada coa celebración institucional, por parte da Xunta de Galiza, do Día da Muller Traballadora. Cando vin que si, que a cousa ía en serio, pensei simplemente que tiñan a graza no cu. E tamén naquela combativa Cantiga para unha Antroidada, de Fuxan os Ventos, escarnio da caste política dos lobos que vindo do franquismo ideolóxico vestiran a seguir, sen rubiar as fazulas, a pel de ovella do autonomismo. Estes pijos acomplexados que nos gobernan, galegófobos e ignorantes, dereitistas de gato al agua, sobre en negro e avemaría purísima, son ao tempo a mellor caricatura de si mesmos: retratáronse nun ano como un goberno incapaz, incompetente, agresivo e, ultimamente, tamén friqui-trapalleiro.

Hanme permitir que introduza notas de humor en cousa tan seria. O humor -como sabían ben os surrealistas- pode ser arma revolucionaria: os poderosos nunca levaron ben que o pobo espise a súa farsa gobernante, a súa mercada respectabilidade, a adhesión obrigatoria ao ridículo soberano da sangue, o silencio imposto diante da súa solemne estupidez. O Antroido foi prohibido no franquismo e El Jueves tivo que eliminar, aínda hai pouco tempo, aquela coñecida portada sobre os traballos do Príncipe de Asturias. Humor fai falla tamén agora, crítico, contundente e dirixido contra o poder -non a cínica ración xornalística de estopa para todos, non o descrimento que beneficia unicamente o statu quo- diante deste goberno que anda tamén espido.

Fagamos certa memoria, empezando polo conselleiro de Cultura. Comezou ao grande, despachándose con declaracións altisonantes: a cultura galega limita, resulta acomplexada e ensimesmada. Os escritores e os sectores da cultura galega reprobaron as súas palabras e pediron a súa demisión. O conselleiro dixo que nanai, que desta non tocaba, e como é persoa coherente decidiu gastar os diñeiros públicos en convidar aos foráneos, no Xacobeo, non a viren ás moi galegas, acomplexadas e ensimesmadas vilas de Sobrado dos Monxes e Touro, senón ás moito máis cosmopolitas -onde vai parar!- Toro e Desván de los Monjes. A primeira queda por Zamora e é terra de bo viño e bo xantar, a segunda non fomos quen de situala no mapa. Interpelado pola cuestión o Conselleiro revolveuse no atril e negou ter dito tal cousa, de malos modos: quen pensar que do seu florido, límpido e experimentado verbo puider saír tal estupidez resultaba, el ou ela mesma, un estúpido, coa esdrúxula ben marcada. Deixen de pasar o día mergullados no lixo da Internet, conminou finalmente . Mais velaquí que a rapazada é desobediente e anda por tocar as pelotas (que é, xa saben, un Estado que hai no Brasil). Onte as sondas acuáticas trouxeron á superficie os restos do pecio dialéctico, e diante da evidencia Mr. Varela tivo que rectificar. O mal, contodo, estaba feito: mentir no Parlamento queda feo. Caca, señor conselleiro, caca. Iso non se fai. Hobo xa algún bloqueiro que llo dixo e haberá tamén, a non moito tardar, quen lle pida que deite a cabeza na bandexa para un corte limpo, e non se queixe. Porque ocorre que a xente é moi amiga de falar -mesmo a súa propia- e anda por aí dicindo que se tal e que cual do fracaso do Ano Santo, e non sei que dos disparates cometidos, e algo escoitei tamén do mapa de google que non foi e dos 100.000 euros pagados a David Meca por promocionar o Xacobeo mentres comía gostoso un plátano de Canarias.

O prócer da Cultura, contodo, tivo compañeiro destacado para as trasnadas do recreo no ínclito Jesús Vázquez, responsábel de Educación -o home que pasará á historia como o grande estadista que mudou o nome das Galescolas polo moito máis apropiado A Galiña Azul-. A inmensa trapallada da súa xestión contra a propia identidade e a utilización partidaria da lingua como arma de confrontación conseguiu xerar unha rara unanimidade ...en contra súa. Primeiro fora aquela enquisa-trampa aos pais, despois a decisión de transladar un problema seu, propio -xerado polo PP para rabuñar uns cantos votos dos extremistas da España una- ao conxunto da comunidade educativa: alumnado, pais e nais, profesorado. Nestes meses o consenso sobre a lingua volveu, iso é certo. Ficou claro que o galego é de todos, un elemento de cohesión e de unión da sociedade galega no seu conxunto -fáleo ou non- que debe ser obxecto de políticas específicas de apoio e normalización, e que só o PP quere facer del, desde o Goberno, elemento de división e fractura social. Ou sexa, no canto de solucionar problemas créanse outros novos.

Para nota a rodapé deixamos a Beatriz Mato, pija como Vázquez e diplomata coma Varela. Coñéceselle unha grande decisión política no que vai de lexislatura: comprar dúas bandeiras españolas para o seu despacho, porque ollar nel a galega soa producíalle ronchas -unha alerxia aínda non clasificada mais que desde logo precisa ser investigada e coutada a tempo-.

En fin, unha banda. Por aí anda este goberno popular que temos: soberbio, pijo, desacomplexado, desatado. Con tanta chispa que un Consello da Xunta debe ser máis divertido que a charanga da Choca no desfile do martes de Antroido. Eu daba algo por velos en acción: unha rascando no pescozo pola proximidade ameazante da franxa celeste, o outro pensando nas Galiñas -ou gaivotas- azuis e nos nenos da Gran Obra de Atocha, aquel outro sen responder ás consultas de Feijoo, ensimesmado no ocaso dos deuses -nibelungos- e no moi suculento e cosmopolita sánduiche -con cocacola- da paparota do almorzo.

Saica xa están, no Xacobeo, mirando de os contratar para teloneiros da Panorama.

2 comentários:

  1. Por un menú castizo!!! Outra del "Consejero Harina"
    Hoxe, sábado 20 de marzo, en Madrid, a miña filla, que leva meses cun monomenú de pasta, achegouse a un posto que había no Centro onde supostamente a Xunta baixo o lema "Galicia 2000", facía gala dos productos gastronómicos:rosquillas de anís e empanada de bacallao, pouco máis. Ten pasas?, ah, no se, respondeulle en un castellano nativo. O resto dos productos foráneos: bollo preñado, empanada de chistorra, morcilla de burgos... Se é que teñen razón, hai que perder os complexos e facer a festa da Chistorra e da butifarra. Xa está ben de caldo e chourizos. Non somos ná. Antonia

    ResponderExcluir
  2. Disculpas; o lema era "Galicia 2010" Un erro froito da paixón. Antonia

    ResponderExcluir

Comentarios