En galego
falamos nós, hoxe, e é tamén lingua dos galegos que non sempre o falan.
sentímonos galegos e sentímonos no mundo.
falaron onte os nosos pais e os nosos avós, e os seus pais e avós...
falaron o pobo, a nobreza, o clero, os reis medievais do Reino de Galiza e moitos reis medievais de Portugal, de León e de Castela.
cantaron xograres e trobadores, e crearon o tesouro das cantigas, un dos cumios da historia da literatura mundial.
podemos entendernos en Portugal, Brasil, Angola, Moçambique, Guiné Bissau, Sao Tomé e Príncipe, Cabo Verde, Macau, Goa, Timor e nos milleiros de cidades de todo o mundo onde hai comunidades galegas ou galegófonas.
crean os cataláns Keympa, as belgas Ialma , o suízo Gran Purismo.
canta o berciano Amancio Prada a Cunqueiro e Rosalía.
traballa Narf con Manecas Costa, da Guiné Bissau.
falan as caboverdianas Batuko Tabanka, xa mariñás de Burela.
cantaron o español Ismael Serrano, a portuguesa Dulce Pontes, a catalá Marina Rossell, a israelita Noa, ... nos discos de Carlos Núñez.
uniron Cuba con Galiza os músicos e intérpretes da marabillosa Descarga ao Vivo.
recibiron premios aos mellores discos de world music artistas como Berrogüetto ou Mercedes Peón.
triunfaron polo mundo adiante Milladoiro, Luar na Lubre ou Xosé Manuel Budiño.
canta o ourensán Emilio José no seu disco Chorando apréndese, editado en Barcelona e seleccionado entre os mellores do ano pola crítica musical.
foi disco do ano o Jei! d´Os Resentidos para a revista española Rockdelux.
foi número un Andrés DoBarro.
pode ser Ferrín premio Nobel.
podemos ler Platón, Marx, Shakespeare, Joyce, Brecht, Auster, Paasalina, Murakami, Pavese, ...
escribiron onte Rosalía de Castro, Castelao, Otero Pedrayo, Cunqueiro, Blanco Amor, Novoneyra, Lois Pereiro, ...
escriben hoxe Ferrín, Rivas, Suso de Toro, Baixeras, X.M. Álvarez Cáccamo, Pilar Pallarés, Domingo Villar, Teresa Moure, Marica Campo, Xabier Cordal, Riveiro Coello, Luís Rei, ...
escribiron ou escriben, e quixeron ser nosos, Federico García Lorca, John Rutherford, Anne Marie Morris, John Thompson, Franck Meyer, Erin Moure, Victor Omgbá, Carles Riba, ...
lembran e soñan os emigrantes de Bos Aires, a Habana, Caracas, Montevideo, Montreal, Nova Iorque, Berna, París, Barcelona, Bilbao, as Illas Canárias, ...
defenderon a liberdade e a democracia os nosos exilados, na longa noite do franquismo.
estudan milleiros de persoas hoxe, polo mundo adiante, nos lectorados, nas Casas de Galicia, nos Centros Galegos, ...
viven entre nós Xiana Yi Li, Besa, Neal, Jaione, Aklililu, Ariel, Juan, ...tamén galegos e galegas.
estamos no facebook, no tuenti, no youtube, somos corpo de blogs en blogaliza, informámonos na Rede, creamos, compartimos arquivos, conectámonos aos demais.
etiquetamos produtos de calidade, vendemos identidade cara fóra, comerciamos bens e servizos diversos, queremos que nos oferten moitos máis.
lemos, escoitamos música e vemos cinema e televisión, mais podemos facelo moitísimo menos do que sería lóxico e necesario.
pensamos milleiros de cidadáns anónimos, que desexamos vivir na nosa lingua con plena normalidade.
viviron os séculos a historia do noso país.
vivimos e soñamos, nós.
queremos seguir vivindo, existindo, estando no mundo.
O 17 de maio, en Compostela, milleiros de persoas imos dicilo en alto, con franqueza, sen medias tintas e coa man tendida. Porque hai tamén, en Galiza e en España, quen trata de impedilo.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios