Europa era isto




Finalmente Europa -o Mercado Común Europeo, a Comunidade Económica Europea- era isto: a sociedade e a política subordinados e ao servizo dos mercados. E aínda haberá quen non o queiran ver, agarrados ao dogma fetiche do europeismo e a modernidade. Para que? Para quen? nos preguntamos nós.

Os axustes anunciados hoxe por Zapatero serven para evidenciar de forma transparente a natureza do capitalismo e das posibilidades de facer política dentro del. Nunha primeira reflexión, aínda en quente, acho que dan pé a comentar tres cuestións centrais e que convén sabermos explicar socialmente:

1. Os Estados, a sociedade, están ao servizo dos mercados, do capital. Non é unha afirmación apriorística e dogmática, senón unha conclusión evidente da análise do que está a pasar e dos porqués últimos das medidas anunciadas hoxe polo presidente do Goberno español. Esas medidas, tomadas seguramente moi a pesar seu e do seu partido - a non ser que acreditemos en que ambos teñen vontade de suicidio eleitoral- fóronlle comunicadas e impostas polos poderes reais, polo grande capital. A soberanía política dos Estados -primeiro Grecia, agora España- queda novamente en entredito, e volve evidenciarse que quen goberna realmente nas nosas sociedades non é o pobo a través dos seus representantes no Parlamento, senón a oligarquía financeira e o grande capital transnacional, que dictan as políticas económicas a desenvolver. Desde o comezo da crise era evidente que os poderes reais tiñan en mente que o Estado saíse con diñeiro público ao rescate do sector financeiro, primeiro, para despois pasar a factura da crise aos traballadores, que son quen realmente a van pagar e padecer. Nun contexto coma este, o goberno español claudica diante das presións externas e non aposta por reducir o déficit a través dun aumento de ingresos do Estado proveniente da loita contra a fraude fiscal ou da suba de impostos ás rendas máis altas, por exemplo, senón pola vía da redución do gasto público a través dos recortes -notábeis e con consecuencias na economía doméstica- nos salarios e nas pensións. Non só non se reforza o Estado social, senón que se adelgaza e se cuestiona, ao tempo que se diminúe a capacidade económica das familias.

2. A socialdemocracia no seu labirinto. Que sexa a socialdemocracia en Europa a que estea saíndo politicamente derrotada da crise dá que pensar, e debería darlles que pensar especialmente a eles, aos zapateros, gordon browns e demais simulacros de esquerda, europea e auropeísta, propagandista do euro, incapaz de xerar un proxecto social e político común. Esa esquerda que foi e non é, que renunciou hai décadas aos seus principios e valores primixenios, fai hoxe de tonto útil do capital, xestiona a crise en contra das maiorías sociais e actúa ao servizo dos poderes económicos reais, entregando ao tempo en bandexa os gobernos á dereita neoliberal. Todo un suicidio narrado, radiado e televisado, para maior goce dos correlixionarios ideolóxicos do neoliberalismo que provou a crise e espanto das clases populares que a padecen. Ficamos á espera de que fan agora, por exemplo, os sindicatos españois -UGT, CCOO- da corda do Goberno e entreguistas á patronal, agora que o presidente rompeu os acordos de mínimos comprometidos e decidiu cumprir os desígnios chantaxistas dos mercados. Zapatero, hoxe, aceptou perder as eleicións, aceptou facerlle pagar a crise á sociedade e aceptou, de cabeza gacha, que a dereita se lle ría na cara e celebre nos despachos, con puros e champán caro, o suicido da socialdemocracia.

3. Marx goza de boa saúde. Nunca deixou de estalo, salvo para aqueles que viviran o comunismo desde o seguidismo dogmático -Carrillo, hoxe tertuliano- ou desde a pura propaganda anti -a dereita, a socialdemocracia- . Mentres os segundos celebraban con boureo mediático e collidos da man a orxía liberadora da caída do Muro, os primeiros esfarelábanse como area nas mans interrogándose uns a outros polo que estaba a pasar. Naquela altura, no entanto, as forzas da esquerda transformadora que nunca foran seguidistas da URSS e dos seus dogmas esforzáronse por analizar con capacidade crítica e sen prexuizos as causas e consecuencias do acontecido. Convén reler os documentos que o nacionalismo galego creou naqueles momentos, dunha clareza analítica que sorprendería a máis de un. Nós, os nacionalistas galegos, nunca deixamos de acreditar na necesidade de vincular liberación nacional con transformación social, como dúas caras da mesma moeda, necesariamente xuntas. Nunca deixamos de pensar que a marxe de maniobra dentro do sistema era moi reducido e cumpría avanzar nun sentido diferente. E, desde logo, nunca deixamos de ter clara a vixencia do marxismo para a análise da sociedade, aplicado sen mecanicismos e desde a propia realidade. Marx desde Castelao, por así dicilo, igual que noutros lados é Marx desde Sandino, desde Mariategui, desde Martí, desde Bolívar, ... Cómpre agora afinar os discursos, ser capaces de sintonizar e mobilizar os sectores obxectivamente máis desvalidos nesta situación, ser quen de comunicar eficazmente as propostas e alternativas ás maiorías sociais.

A modo de resumo

O acontecido volve poñer en evidencia que a cuestión non é que goberne PP ou PSOE, pois ambos partidos realizan a mesma política económica -dictada desde fóra- aínda que é certo que nas cuestións que teñen a ver coas liberdades e os dereitos existen diferenzas relevantes entre eles. A cuestión é que a escolla entre ambos non deixa de ser mero espellismo de libre elección, unha construción de liberdade virtual que non é tal. A decisión de axustes que hoxe comunicou Zapatero puxo en claro para o conxunto da sociedade o que moitas voces, sen aparatos mediáticos como os que si teñen a dereita e a socialdemocracia ao seu servizo, viñan denunciando: a subordinación do poder político ao poder económico, a subordinación da sociedade aos mercados. Zapatero hoxe pareceu, actuou e de feito foi o triste voceiro do grande capital, comunicando á sociedade as ordes que recibira e contándoas como se foran súas. Simplemente, a voz do seu amo, incapaz de facerse valer e de non traicionarse a si mesmo.

2 comentários:

  1. Moi claro Xavier!!! Mágoa de todo isto é que as consecuencias dos actos das persoas que gobernan afecten como sempre aos maís débiles, aos que non fixeron nada. A ilóxica do sistema capitalista, do libre mercado comandado polos todopoderosos, por uns poucos que manexan o gran capital.

    ResponderExcluir
  2. É así, si. Hoxe acabei de ler un libro de Zizek, dos que se poden mercar co Público os sábados: EN DEFENSA DE LA INTOLERANCIA. O título é provocador mais queda perfectamente explicado dentro, e realmente é moi recomendabel. Trata moitas das cuestións, por certo, que falamos o outro día en Lugo, sobre as relacións de feminismo, ecoloxismo, etc coa loita pola transformación social. Se non se fai así, non deixa de ser inocuo para o capital, porque non vai á base, ás relacións económicas. En fin, para min o de onte de Zapatero foi todo un exercicio escénico: o grande capital falando a través de ZP -seguramente a disgusto deste, supoño-, o PSOE exercendo de portavoz dunhas decisións non tomadas por el, impostas desde a Europa do capital e que terán como consecuencua a derrota electoral e a entrega do goberno á dereita neoliberal, ideoloxía que causou a crise.
    Chuchos Luísa!!

    ResponderExcluir

Comentarios