Apelación derradeira sobre a lingua



Hoxe lemos nun dos nosos blogues amigos a despedida -agardamos que só temporal- d´El toupo que fuza, que explica no seu post sobre a cuestión da lingua: Teño a sensación de que o tema da lingua, que enchía boa parte do contido do blog, non dá máis de si. Estamos inmersos –máis ben submersos- nunha brutal etapa de dominación exercida a través da violencia simbólica, en termos de Bourdieu, contra a que parece que pouco valen as razóns por moitas veces que se repitan. Será o tempo quen poña a cada un no seu sitio.

Non resulta difícil comprender as palabras do amigo Suso se analizarmos as difíceis horas que viviu e vive a nosa lingua desde que o Partido Popular decidiu, un ano antes das eleicións galegas, rachar o consenso formal que existía entre os grupos políticos arredor da Lei de Normalización Lingüística. A radicalización do PP mudou acordos por desacordos, creou tensión social e converteu o principal símbolo identitario do noso país, a lingua, nun campo de batalla eleitoral, onde a mentira e a manipulación chegaron a níveis nunca imaxinados. A infamia continúa e a batalla -os argumentos racionais, os esforzos intelectuais que baten contra a maquinaria do discurso dominante- resulta realmente esgotadora. Comprendemos a Suso, pois, mais tamén desde aquí lle mandamos apertas, folgos e cariño. Precisamos, desde logo, do seu talante e do seu talento.

O caso é que un anda canso tamén desta cuestión, da que xa hai meses que non escribe, mais non pode evitar achegarse de cando en vez a actividades ou textos interesantes sobre a mesma. Onte foi o caso. Nun centro social compostelá diversas persoas con experiencia e coñecemento no ámbito da normalización debatían de forma aberta cos asistentes ao redor un grupo de preguntas ben interesantes que propuñan os organizadores. Cheguei cinco minutos despois do comezo e tiven que marchar un cacho antes do remate, mais polo medio saíron cuestións de fondo interese. Entre elas, traio aquí algunhas das que máis me interesaron:

a. a necesidade de revisar os métodos de ensino do galego no ámbito educativo (como se ensina a lingua galega nos centros?) e o papel (e competencia real) dos filólogos con respecto á dinamización social da lingua e á súa normalización

b. o debate sobre a capacidade de xerar discursos atractivos para a poboación por parte do movemento normalizador na súa globalidade, e a necesidade de xerar redes sociais de temática central non lingüística que axuden a achegar ao galego a máis persoas, especialmente no ámbito urbano

c. o acompañamento social de apoio que precisan as medidas lexislativas que se tomen a prol do galego, desde actitudes pedagóxicas e intelixentemente cordiais e firmes

d. a responsabilidade individual de cadaquén para co proceso de normalización social do galego (galeguización de nomes e apelidos no ámbito familiar, denuncia das deturpacións toponímicas, etc)

Con todo, o máis relevante do debate pareceume que foi a formulación -acho que non se chegou a facer de forma expresa, mais algunhas intervencións ían por aí- dunha cuestión presente na actualidade dentro do movemento normalizador, e que ten a ver coa natureza e eficacia do discurso sobre o galego que queremos e debemos proxectar cara o conxunto da sociedade. Ao meu entender estanse xestando dúas propostas diferentes neste sentido. É coñecida a posición dun grupo de sociolingüístas vinculados ao Consello da Cultura Galega que opta por debilitar o discurso identitario e defende estratexicamente a adopción e uso do concepto do bilingüísmo, como marco desde o que esixir igualdade real para o galego dentro do recoñecemento formal de dereitos para as dúas linguas -galego e español-. Ao tempo, mantense a fórmula tradicional noutro ámbito do movemento normalizador, o da vinculación da lingua galega co resto de causas "xustas" -por así dicilo- que protagonizan a axenda da transformación social desde unha perspectiva de autoestima e benestar. Este segundo discurso fai fincapé na cuestión do recoñecemento pleno da lingua e da identidade como condición inexcusábel para podermos falar minimamente dunha democracia de calidade no noso país. Normalización da lingua e recoñecemento de dereitos nacionais van, pois, inevitabelmente unidos desde esta perspectiva.

Perdóeseme a simplificación -necesaria para podérmonos explicar diante de quen só puntualmente se achega á cuestión da lingua-, mais acho que o anterior pode servir para saber de que falamos. Persoalmente milito na convicción de que nesta hora todas as propostas deben ser benvidas, e de que se estas se transladan de forma intelixente á sociedade -quérese dicir, dunha forma argumentada, positiva e non prexuizosa- todas elas poden ser de utilidade e poden atopar destinatarios aos que a apelación lanzada faga responder de forma favorábel cara o galego. Desde o constante traballo de anos da Mesa pola Normalización Lingüística ao exitoso e magnífico esforzo mobilizador da plataforma cidadá Queremos Galego, desde o labor sindical no ensino da CIG ao que poidan facer noutros campos novas plataformas e colectivos coma ProLingua ou GalegoLab... todas e todos, por máis que soe a tópico, somos precisos e debemos actuar con xenerosidade e altura de miras neste momento.

Mais, tampouco me resisto a non calalo, a xenerosidade e a altura de miras esixen autocrítica e mans tendidas, vontade de analisarmos todo o feito para aprender e tamén recoñecemento dos méritos para aqueles que desde o esforzo e o traballo colectivo fixeron posíbeis avances concretos para o noso idioma. A casa da lingua, que eu saiba, ten xanelas abertas, cadeiras para quen quixer entrar e unha porta sen chaves que nunca se pechou. Por iso, porque eu o vivín así, ségueme resultando chamativamente desagradábel constatar como hai quen segue procurando culpas e atribuindo vontades patrimonializadoras aos que, desde dentro da casa e organizados en diferentes colectivos nacionalistas, desenvolvemos estratexias en prol da lingua de noso, en tanto desvían a ollada, ao tempo, para non ver e non esixir un mínimo compromiso a quen foi, no campo progresista, radicalmente culpábel da falta de avances na cuestión identitaria e cultural do noso país, desde a época da Transición a hoxe. Falo, claro, dun PSdG que non tivo nunca proxecto para Galiza e que permite e permitiu tradicionalmente as taifas -o bochorno Caballero/Losada por mor das caixas de aforros foi só o último exemplo- mesmo que obxectivamente dinamitasen calquer posibilidade de construción dunha alternativa bipartita críbel e estábel, fincada nun núcleo -pequeno mais sólido- de acordos ao respecto do que somos e do que queremos ser como sociedade.

Todas estas cousas fun pensando onte, entrecruzadas coas diversas intervencións que no debate houbo. Pensamentos sobre como axir nesta sociedade do espectáculo na que a esfera pública ficou secuestrada polos (amos dos ) mass-media, verdadeiros transmisores da cotiá violencia simbólica coa que se agrede aos discursos que -como o dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes- contradín as posicións hexemónicas que interesan ao sistema. Reflexións caladas sobre como axir neste campo da democracia formal desde unha posición de esquerda, que se nega a dar por boas as regras impostas polo capital e a identificación (tan socialmente interiorizada!) de sistema capitalista con democracia. E a certeza de que os destinatarios de tanta análise son ese grupo de rapaces que crucei ao saír, polos Concheiros, coa camisola da selección española vestida felices da vitoria sobre Chile, mentres falaban galego de sete vogais, e os milleiros de nenos e nenas que xa medran nas cidades galegas sen contacto ningún coa nosa lingua fóra do ensino, e os pais e nais que non saben moi ben por que pero acaban falándolles en castelán ao fillos, aínda que eles falan galego, e aos outros moitos aos que isto do galego lles parece ben pero pensan que non ha de ser tan importante...

Non quero facer da anécdota categoría, mais penso que me explico. É a eles aos que temos que dirixirnos, de forma argumentada, emocionante, emotiva, racional, intelixente, orixinal, amábel, firme, única, diversa, ... eu que sei como??!!. Sobre todo, tentemos que eficaz. Porque termos do noso lado a dignidade e a xustiza non vai garantir ningunha vitoria.

Neste blogue meu que tamén ten que ir pechando, esta vai ser, posibelmente, a última apelación que faga sobre a lingua.

3 comentários:

  1. Esqueces o atranco máis importante, na miña opinión: a falla de conciencia social a prol da cultura (incluída a lingua), que lóxicamente non é "natural", senon filla dun longo e sólido "traballo" feito pola cúpula e por todos os axentes do "sistema".
    Aculturizar, restar valor á cultura ou fomentar uns valores culturais determinados e un dos "traballos" que mellor fai o poder económico (e polo tanto, tamén moitos poderes políticos).
    Non é obxectivo --na miña opinión-- reducir a agonía da lingua a un problema exclusivamente galego, na Galicia se perde a lingua, ¡pero non só a lingua! E noutras nacións se perden outros bens e valores culturais (tamén idiomas) que forman parte do mesmo proceso.
    A perda do galego forma parte dun fenómeno máis fondo e transnacional.
    Entanto non se poña en valor a Cultura, entre outras cousas, morrerán linguas minoritarias ou minorizadas. É unha necesidade e mesmo unha orde do sistema económico (e polo tanto, esa necesidade e orde son asumidas ou consentidas pola maioría dos poderes políticos, que fan súas esas e otras "necesidades".
    As raigames da morte da lingua non están só no problema lingüístico, nin están a medrar só en Galicia.
    Hai un libro que relaciona con acerto os feitos económicos, políticos e culturais relacionados coa morte de centos de linguas:
    http://www.presseurop.eu/es/content/article/17741-un-himno-al-multilingueismo

    ResponderExcluir
  2. Non esquezo esa falta de conciencia social, Félix, parto dela e téñoa sempre presente. Somos, si, un país culturalmente colonizado. os textos de Francisco Rodríguez sobre lingua e nación ou os de Albert Memmi e Pierre Bourdieu axudan a entender ese tipo de dominación que padecemos, xa non no plano material, senón tamén no simbólico. E estou de acordo contigo en que a substitución lingüística e o non recoñecemento da nosa identidade dentro do Estado é un proceso local que está fondamente relacionado co proceso global de uniformización cultural, inseparabelmente parello á globalización capitalista.

    Mirarei o libro que recomendas, desde logo.
    Apertas!

    ResponderExcluir
  3. Máis sinxelo: Escachar a Cultura (o que inclue a lingua) é rendible para o poder económico.

    ResponderExcluir

Comentarios