Xogando en equipo

Deportivamente, Iniesta, Xavi, Puyol, Piqué, Casillas, Xabi Alonso...merecían ser campións do mundo. Forman parte dunha xeración de fútbolistas de calidade incontestábel, que conxugan o seu bo facer nos terreos de xogo cunha personalidade sinxela, asociada ao traballo, á humildade e ao respecto polos rivais, cualidades que non deberían chamarnos a atención e que, porén, son resaltadas decote xustamente por estaren tan afastadas das condutas e dos divismos propios de moitas outras estrelas mediáticas deportivas. Deportivamente, insisto, faise difícil non empatizar con eles, igual que cos Gasol, Navarro, Reyes, Rudy Fernández, ... ou co propio Rafa Nadal. Representan unha certa metáfora do traballo ben feito, do esforzo constante, da deportividade, do predominio do traballo en equipo e do sentir colectivo por riba de individualismos.

Mais acontece que o ámbito deportivo, e moi especialmente o futbol, resulta nas sociedades contemporáneas moito máis ca un xogo, mesmo moito máis que un negocio. O deporte é tamén, posibelmente, o elemento social con maior capacidade a día de hoxe para mobilizar masas, xerar adhesións, provocar emocións, cohesionar identidades, ser empregado como símbolo identitario e, pola calada, ideoloxizar e posicionar ao persoal. Os símbolos non son inocentes. Ningún. Non o é a bandeira rojigualda, nin a tricolor republicana, nin a galega oficial, nin a galega estreleira. Representan, precisamente, identidades, sentimentos, proxectos sociais e políticos de fondo. E os que as levan, consciente ou inconscientemente, adheren dalgunha forma ao imaxinario representado. Sábeno ben os medios da dereita e do españolismo, que xa desde antes do Mundial comezaron coa utilización política do campionato. Sábeno tamén os alcaldes que, como ben sinalou X.M.Pereiro, non teñen para pagar ás empresas provedoras e recortan en benestar ou cultura, mais montan macropantallas para ver os partidos de La Roja.

Desa consciencia vén a nosa reticencia activa. Moitos non entenderon a miña -a nosa, fomos moitos- desafección a La Roja. É sinxelo. Non me quero, non queremos, enganarnos a nós mesmos. Hai quen prefire non complicarse e non facerse preguntas que o poidan levar a concluír respostas comprometidas, hai quen para non mollarse opta polo desprezo intelectualoide e pedante ao deporte e hai tamén quen -aínda consciente das evidencias- prefire narcotizarse e narcotizar aos demais con argumentados apoios á selección española en base á súa condición de metáfora, vitoriosa e exemplar, da "España plural". Moitos deles, moitos deses "non nacionalistas" que despachan ao nacionalismo caracterizándoo como movemento tribal, decimonónico e conservador, pintaron onte a cara coas cores da España nacionalcatólica e berraron entusiasmados por Ejpaña, Ejpaña, Ejpaña. Falarían pestes dos xogadores se caísen na primeira fase ("ya se sabe, no sienten la camiseta" ou "hay que ir haciendo las maletas"). Hoxe están entusiasmados nas celebracións montadas con diñeiro público; se lembran, a Selección Galega, eliminada politicamente por Feijoo e prohibida durante a época Fraga, era un gasto superfluo. Eles tamén sabían ben, cando a eliminaron, que isto era algo máis que deporte.

Contodo, foi evidente que a maior parte da mocidade, da poboación galega, celebrou con euforia o triunfo futbolítisco, pintou a face, entoou cánticos promovidos desde os medios, gozou dos partidos e das celebracións. É un feito evidente, irrefutábel. Aínda que houbo moito españolismo consciente en todo este tempo, tamén é evidente que moitos dos milleiros de persoas que participaron das celebracións serán mañá, ou foron onte, votantes do BNG. Distinguen unha cousa e outra, nin sequera o vén como contraditorio. Non debemos equivocarnos, nin desde logo xerar inimigos onde non os hai.Temos o país que temos, por causas históricas, para ben e para mal. Comentábao nunha comida cun amigo recentemente: ao final o problema é a consciencia da absoluta falta de autoestima, da absoluta colonización -violencia simbólica, si, por favor achéguense a Memmi e Bourdieu- , dos grandes niveis de analfabetismo, da asunción dunha vivencia kisch e folclorizada da propia Terra, dunha cultura social e política da supervivencia, o caciquismo, o favor. Iso si que debe preocuparnos. Somos un país que destrúe a súa identidade, degrada o seu medio ambiente, perde a súa lingua, asume con retranca ferinte cada derrota. Á maior parte da nosa poboación nada disto lle importa, nin o pensa conscientemente: existen estruturas e poderes económicos reais e dinámicas históricas aínda non superadas que o impiden, en beneficio propio. É certamente desalentador. Somos, cada vez máis, unha ración. Unha ración de polbo Paul no Carballiño, unha camisola de Estuve en Santiago y me acordé de ti, unha toalla de praia en Sangenjo, un piso para o verán en Barreiros. E parece que nunca vai chegar de verdade o inverno, como ameazaba un coñecido aos hostaleiros locais servís cos veraneantes e malhumorados cos clientes locais do resto do ano.

Malos tempos, si, e con todo... Con todo, nesta rexión-ración, nesta Galicia-Galiza, quedan aínda moitas forzas, xentes e enerxías colectivas dispostas a traballar por unha sociedade máis culta, máis libre, con máis benestar, con máis autoestima. Persoas para as que a España rojigualda e borbónica nunca será un lugar nin cómodo nin seguro, persoas que cremos que cada pobo ten dereito a decidir o seu futuro e acreditamos en que o noso nacionalismo é unha ferramenta de transformación, de emancipación, non un fin en si mesmo. Persoas que pensamos que máis autogoberno fará posíbel máis benestar e máis calidade de vida. Persoas que estamos no ámbito da economía, dos dereitos laborais, da cultura, do feminismo, do ecoloxismo, dos medios de comunicación, da solidariedade e a cooperación internacional...desde unha ollada propia, de noso, galega. Persoas non conciliadas coas versións oficiais, que entendemos que Galiza é unha nación e que temos dereito a decidir por nós mesmos o noso futuro.

O acontecido estes días debe servirnos para reafirmarnos na necesidade dunha maior e mellor presenza no campo asociativo, veciñal, deportivo, ... e tamén na necesidade de ampliar a nosa base militante e simpatizante. Desde a clarificación, o debate , a formación nas ideas propias, nunca desde a renuncia a elas. Nunca o nacionalismo galego foi tan necesario coma nestes tempos de agresivo avance do capital contra o Estado social e do españolismo contra a identidade, a cultura e a lingua de noso. Non temos que homologarnos a ninguén, temos que ser máis e máis útiles, máis capaces, máis eficaces, máis pobo. Todos os partidos que temos por diante están aínda por xogar. E nós tamén temos canteira e sabemos meter goles, xogando en equipo.

9 comentários:

  1. Unha vez máis Xabier adhírome ás túas reflexións. Os que temos fillos pequenos (ou medianos) facendo deporte buscamos que atopen nel valores de esforzo, solidariedade, traballo en equipo, compromiso e apoio ao/á compañeiro/a. Valores de cidadania (=comprosimo social=xustiza social) que precisan de abrollar na nosa realidade nacional axiña.

    ResponderExcluir
  2. NO SOY español,español,español.
    NO SOY español,español,español.

    ResponderExcluir
  3. http://www.elcorreogallego.es/opinion/ecg/espana-tambien-es-nacion/idEdicion-2010-07-13/idNoticia-568536/

    A joderse

    ResponderExcluir
  4. A final no 2014, en Brasil.

    http://brasil2014.cat/index.php/comparativa-cat-esp

    ResponderExcluir
  5. Triste é a falacia de separar o deporte dos problemas sociais. Atacar a "la roja" co argumento de "a quen lle importa o fubol non lle importa o resto", non é máis ca iso.
    Seguro que dentro dese corazón nacionalista, esquecerías calquera problema deses se a seleción galega xogara o mundial,gañase ou perdese; por iso atacas a todos cantos celebraron a vitoria da seleción española no mundial acusándoos de analfabetos( protesto, argumentativa!)
    Por certo, non vexo eses medios da Dereita españolista nos quioscos da miña vila, máis ben vexo unha maioría da esquerda nos xornais.
    Nunca vin macropantallas para ver a seleción galega xogar en Riazor, lástima verdade? seguro que ti non as porías ainda que houbera crise. (a maior parte das veces levan xunto a elas carteis de publicidade, seguro que iso é gratis para as empresas, págaas o concello?...
    Menudo desplegue da TVG que iámos montar se a seleción galega xogase o mundial, ainda que morréramos de fame. Diso sabe ben algún que cobra dietas para ir a Madrid a fitur, (será do PP? Pobre BNGALIZA oprimida.
    Creo que deberías orientar máis o teu texto hacia o lema "UNHA NACIÓN, UNHA SELECIÓN!" , e abandoar a palabrería que tanto casa nos discursos políticos actuais.

    ResponderExcluir
  6. Anónimo, non sei se vostede leu o post ou simplemente escribiu nestes comentarios algo que lle apetecía dicir, aínda que non tivese relación co contido do mesmo.De feito, a parte final do seu comentario resúltame tan confuso que non sabería contestarlle, porque non entendo que quer dicir. Da primeira, paso a lle responder.

    No post nin se ataca á "Roja" (faise unicamente unha crítica da súa utilización política, simplemente) nin se "separa" o deporte dos problemas sociais. Se vostede quere dicir que me fixo máis no identitario e non no social, erra tamén: primeiro porque se lese o post e mais a maioría das cousas que van aparecendo no blogue sabería que defendo sempre a transformación social e o recoñecemento dos dereitos políticos e culturais de Galiza, ambas as dúas cousas como parte dun proceso que debe darse de forma conxunta. Non queremos unha Galiza independente de ricos e pobres, de explotadores e explotados, que reproduza os males que nos aqueixan na actual situación. Queremos unha Galiza con xustiza social, benestar colectivo, máis culta e máis democrática, e para iso e por iso queremos una Galiza soberana, con capacidade de decidir.
    Máis autogoberno para máis benestar, e desde a única forma que se pode ser internacionalista e universal:desde o local e a propia identidade.

    Sobre esa referencia tan lamentablemente demagóxica a que eu acuso de "analfabetos" aos que celebraron a vitoria da selección española, en fin... é tan evidente a súa falsidade que me produce cansazo responderlle porque, insisto, chega con ler o post. Noutra persoa enfadaríame ese comentario, nun anónimo entendo que son só gañas de molestar.

    Saúdos cordiais

    ResponderExcluir
  7. yo soy ESPAÑOL, ESPAÑOL, ESPAÑOL!!! Viva España cojones que para una vez que se gana algo ya andamos con las típicas tonterías nacionalistas de siempre. Dejar, por una vez, la política a un lado y disfrutar con todo el mundo de esta hazaña. Yo, en un bar, cuando marcó Iniesta me abrazé con el primer desconocido que tenía al lado y los dos lloramos juntos de alegría. Eso es lo bonito del fútbol y de ser español: que no se discrimina a nadie, es decir, todos somos hermanos. Viva España!!! :)

    ResponderExcluir
  8. -" para una vez que se gana algo ya andamos con las típicas tonterías nacionalistas de siempre.".
    Deduzco entonces,que tu nacionalismo español no es una tontería.¿Cómo lo va a ser,oye?
    España existe desde siempre,de toda la puta vida,¿está claro?.
    Sólo lo es el de los demás.El patriotismo de los bárbaros periféricos es una solemne tontería que linda por el Norte,con el terrorismo.
    -"que no se discrimina a nadie, es decir, todos somos hermanos. ". También Caín y Abel eran hermanos.

    ResponderExcluir
  9. "Yo, en un bar, cuando marcó Iniesta me abrazé con el primer desconocido que tenía al lado y los dos lloramos juntos de alegría"
    ¿Y el sexo seguro?

    ResponderExcluir

Comentarios