As linguas de André


Aínda hai poucas semanas que naceu André. Por entre os xornais destes días articulistas, opinadores de diversa pelaxe e algunhas (poucas) voces documentadas opinaron sobre a cuestión das linguas en Galiza. Eu pensei no tema, e en André. Para poñerlle cara aos debates.

A André pódenlle pasar dúas cousas, cando teña anos para ir á escola. De seguir co modelo actual irá a un colexio onde recibirá (de se cumprir a lei) aulas tanto en galego como en castelán, nunha porcentaxe de 50 % - 50 % máis ou menos. Recibirá por tanto un ensino bilingüe e dentro dun sistema que quere, en principio, ser capaz de garantir a competencia lingüística plena de todos os alumnos e alumnas nos dous idiomas oficiais de Galiza. O contexto social no que vivirá André (urbano e maioritariamente castelanfalante), a influencia de factores como os medios de comunicación (tv, radio, xornais, ...), de lecer (cinema, música, videoxogos, ...) e o feito de seus pais falaren en castelán de forma moi maioritaria fará que André acabe sabendo o castelán con total fluidez, mentres que a fluidez en galego dependerá en boa medida do papel do centro de ensino (ámbito do que o recibirá case en exclusiva). Este é exemplo é moi habitual e paradigmático dunha boa parte dos nenos das cidades galegas hoxe en día.

Mais vexamos a outra posibilidade. Se como insiste o PP, seguindo os discursos estremistas de colectivos minoritarios, o novo Goberno Feijoo derroga o decreto actual e implanta un novo modelo de elección obrigatoria da lingua por parte dos pais, o panorama para André debuxa dúas posibilidades. Na obriga de escoller entre ensino en galego ou ensino en castelán, o papá e a mamá de André veranse diante dunha forzada e complexa escolla:

A. Ensino en castelán. A escolarización de André faríase case integramente en castelán (salvo a materia de galego). O seu contexto social será, como diciamos antes, tamén moi maioritariamente castelanfalante. Os seus ámbitos de socialización e lecer tamén (o galego é anedótico no cinema, na música, nas radiofórmulas, nos xornais, na televisión, na radio, ...). Os pais falaranlle en castelán. André non terá apenas contacto co galego, e será con case toda certeza incapaz de manter unha conversa fluída en galego ou de producir con corrección textos escritos no idioma propio do país. A súa relación co idioma será meramente puntual, case folclórico. Terá, iso si, plena competencia en castelán.

B. Ensino en galego. A escolarización de André farase case integramente en galego (salvo a materia de castelán). O seu contexto social, será o mesmo ca antes, abrumadoramente en castelán. Os pais falaranlle en castelán. Os elementos de socialización que antes diciamos serán os mesmos, e tamén moi maioritariamente en castelán. André ten garantida a competencia en castelán porque vai ser o idioma da súa casa, do cine que vexa, dos xornais que lea, de grande parte da música que escoite, de moitos dos libros que lea, da grande maioría das persoas coas que se atope na súa vida na súa cidade. O galego, de por parte, coñecerao -e debería acabar dominándoo con fluídez- através do ensino. Vemos que, neste caso, o ensino exerce de factor corrector con respecto á evidente desigualdade social existente entre as dúas linguas oficiais do noso país. Este modelo B, de ensino en galego, é grosso modo o modelo catalán de inmersión lingüística, modelo que por moito que cause unánimes xenreiras e frecuentes doses de bilis indocumentada en boa parte dos medios xornalísticos e políticos de Madrid, é un modelo aplaudido pola Unión Europea e exitoso educativamente, por canto garante que os alumnos rematan tendo competencia real nos dous idiomas.

Analicemos entón, desprexuizadamente e tentando ser desapaixonados e obxectivos, cal dos dous modelos educativos é mellor e consegue mellor o obxectivo que entendo que todos poderíamos compartir: que André acabe sendo capaz de falar e escribir con corrección tanto en galego como en castelán (e en inglés, e en cantos máis idiomas mellor, claro) nun sistema educativo de calidade. E respondamos, tamén liberados de preconceitos, a algunhas destas preguntas:

- Cal modelo nos leva de verdade a unha suposta Galiza bilingüe?

- Por que aos pais de André se lles impón unha escolla forzada entre escolarizar o neno en galego ou en castelán, creando esa falsa separación entre idiomas perfectamente intercomprensíbeis? Por que non se lles permite decidir que queren que André medre aprendendo na escola as dúas linguas oficias do país?

- É desexábel que os pais podan escoller que os seus nenos non vaian ser competentes en galego (lingua propia e co-oficial do noso país)? Existe o dereito á ignorancia dunha das linguas oficiais de Galiza? (Sabemos que da castelán existe o dereito e o deber do seu coñecemento, mais non no caso do galego).

- É desexábel crear unha separación nas aulas entre nenos por causa da lingua que escollan -por motivos máis ou menos ideoloxizados- os seus pais?

- Cal modelo dos dous -o actual ou o de Feijoo- resulta máis integrador socialmente e máis eficaz educativamente?


Preguntas todas que deixo no ar, á espera de respostas construtivas e de opinións sobre todo o devandito que permitan avanzar no debate.


2 comentários:

  1. Lede, por favor, este artigo xornalístico (é breve) dun xornal americano, sobre o español en Estados Unidos.

    http://www.lapalmainteractivo.com/vida/content/vida/tradicion/1019_tradicion.html

    ResponderExcluir
  2. Eu creo que se aviciñan tempos de esperpento e o sensentido das propostas de GB vaise tornar en contra deles. Os defensores do apartheid lingüístico non tiveron en conta o factor inmigrante, cada vez máis importante. Que opción van escoller os fillos de inmigrantes? evidentemente o castelán, concentrándose todos eles nas aulas castelanófonas. E tendo en conta que o habitual adoita ser que ou ben non dominen ben o castelán ou ben non traian un bon nivel educativo do seu pais de orixe -ou as duas cousas á vez- vanse atopar con que os seus fillos van falar castelán de puta madre -igual até con acento sudamericano- pero van estar en aulas que van moito máis lentas e cun nivel educativo bastante inferior.

    Igual en un ou dous anos cambian de discurso e amplian o apartheid linguístico ao étnico saindo do armario fascista un chisquiño mais...

    ResponderExcluir

Comentarios