Autoestima, dignidade, benestar: Castelao, sempre.

Onte, domingo, cumpríronse 25 anos da volta dos restos mortais de Castelao a Galiza. As imaxes do momento no que o cadaleito é conducido a San Domingos de Bonaval no medio dunha multitudinaria manifestación dos nacionalistas galegos son xa parte da historia moderna do noso país. Os mesmos que durante décadas estiveran gobernando Galiza baixo a ditadura franquista traían agora e facíanlle as honras ao símbolo das liberdades galegas, líder do Partido Galeguista durante e democracia republicana e presidente do Consello de Galiza no exilio. Tanto se ten xa falado e escrito sobre Castelao, desde dentro e desde fóra do nacionalismo, que se cadra cómpre pedir que se fale menos da súa figura e se lea máis a súa obra, e moi nomeadamente o Sempre en Galiza. Non me resisto, porén, en datas coma estas, a reivindicar ao de Rianxo como personalidade central no proxecto dunha Galiza libre, democrática e de progreso, que tal cousa defendeu sempre o noso compatriota na súa praxe política e nos seus traballos e escritos teóricos.

Latexa en Castelao un nacionalismo fincado en valores transformadores, que vencellan e fan inseparábel a batalla identitaria e cultural das transformacións socio-económicas e políticas que a Galiza precisaba para poder avanzar no camiño do progreso. Se os avances na cuestión nacional e social van da man e intimamente ligados desde os tempos iniciais da causa galeguista -sempre foi esta, malia a existencia de grupos e personalidades de dereitas, a opción ideolóxica predominante- con Castelao e Bóveda o vencello da loita pola nosa identidade entrecrúzase para sempre coas posicións políticas a prol do benestar das maiorías sociais do país. Nacionalismo popular, pois, que ademais resolve a tensión nacionalismo - internacionalismo. A Galiza célula de universalidade das Irmandades da Fala é tamén en Castelao un proxecto de nación aberta ao mundo, que quere desde o seu propio ser dialogar en pé de igualdade co resto de culturas e pobos do planeta. Non existe o problema da forzada división académica entre voluntarismo e organicismo na orixe do nacionismo galego: Galiza é unha nación en si (feito obxectivo, que acreditan a súa lingua, cultura, tradicións, forma de asentamento no territorio, idiosincrasia, ...) na que o pobo vive un proceso de asunción da súa personalidade política e cultural para acabar sendo tamén nación para si (feito subxectivo, que terá que se espellar en maiorías políticas, sociais e eleitorais en clave galega). O impulso para avanzar nese proceso dáo a propia consciencia do pobo, auto-organizada en forzas políticas, sindicais, sociais, etc. Daí a preocupación práctica que manifestaban Castelao e Bóveda por dotar ao nacionalismo galego de base social real, dunha base material que o sustentase e fixese avanzar, moi lonxe das posturas culturalistas e elitistas ás que non eran nin foron alleas algunhas personalidades galeguistas da época e máis de despois. Cómpre sinalar tamén que o nacionalismo de Castelao foi, sen ser marxista, un nacionalismo crítico co capitalismo e coas consecuencias deste modelo para coa grande maioría da poboación (traballadores, labregos, mariñeiros, ...) e moi especialmente para coas culturas e os pobos oprimidos. Tamén e desde logo, un nacionalismo nunca antimarxista nin anticomunista.

Foi Castelao, en definitiva, a conxunción galega da esquerda co nacionalismo, a figura que teoriza a construcción dunha Galiza dona de seu desde a defensa das clases populares e o diálogo fraterno e respectuoso co resto de pobos e culturas, o presidente da Galiza libre e resistente no exilio, e como tal foi sempre recoñecido. Ese era o home que viña no cadaleito aquel 28 de xuño de 1984 e que, camiño do Panteón de Galegos Ilustres, foi defendido co corazón na boca por milleiros de galegos e galegas das mans que o quixeron enterrar na autonomía para apagar o lume do seu pensamento libertador. A narración de Tareixa Navaza, emocionante e estremecedora, sería seguramente imposíbel na actual TVG.

4 comentários:

  1. Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente:

    La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna.

    Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto políltico.

    Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista.

    Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados.

    De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro "Sempre en Galiza" ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil.

    Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente.

    ResponderExcluir
  2. Si, si, esas foron as indicacións que se deu na España franquista á prensa advertindo da morte de Castelao e de como se debía tratar nos xornais. O feito de que se mandase tal nota deixa ás claras a importancia simbólica que Castealo tiña.
    Grazas pola aportación, amiga/a amónimo.

    ResponderExcluir
  3. Non deixa de ser lamentable e casi desesperanzador pensar que tantos anos despois seguimos practicamente igual, pero a emoción e admiración que sigue despertando Castelao non hai quen capaz de agochala. A linguaxe do corazón non entende de censuras.

    ResponderExcluir
  4. tal cual compañeira, eu tamén me emocionei vendo as imaxes

    ResponderExcluir

Comentarios