Desenchufando

Cómeme a galbana o corpo -digo galbana e diante de min está Dela, sorrindo, fechando os ollos co riso- en baixando San Pedro, á beira dun conductor de autobús co dia revirado. Anoto no aire coa mirada: marcho para o outono mariñao, a perfumar as horas de silencios, de verde, de músicas por descubrir. E a galbana que me come pesa coma roupa mollada.

Veño pensando desde hai semanas en pechar o blog. Cada día son menos as forzas para dicir algo novo, cada vez máis as ganas de calar a boca destes posts e dedicarme á folganza, ao estudo, a ler aos demais. Este blog naceu para servir: para servir a unha causa e para intervir socialmente, na medida humilde en que for posíbel. Despois chegou a literatura, ás veces, mais sempre como consecuencia. O obxectivo ficou claro desde o comezo: erguer o ánimo diante da derrota -víase vir naqueles días fatídicos- que para o país supuxeron as eleicións galegas de marzo. Digo para o país porque, á marxe das consecuencias que tivo para o BNG e o PSOE, o fundamental para min foi constatar a vitoria dos poderes fácticos reais, do seu núcleo profundamente antigalego e da estratexia por eles perpetrada. Tocaba pois erguer o ánimo, reivindicar os acertos, dar a batalla das ideas, axudármonos os uns aos outros na propia clarificación e análise do acontecido.

A seguir veu a lingua, a batalla da lingua. Emparentada, inseparábel, da dos medios de comunicación e da da cultura política da nosa sociedade. Tamén nela cumpría asumir que estabamos en guerra pero había que reflexionar. E fíxose, pluralmente, abertamente, e penso que con acertos importantes. Hoxe o conto mudou de xeito cualitativo, e o discurso primeiro na contra, reactivo, volvémolo discurso propio e a favor. Non se podía engañar a todo o mundo durante tanto tempo, e felizmente soubemos axir diante da mentira e da fóbia contra o noso.

Hoxe cómpre non baixar os brazos, non caír na preguiza. Escribín nun dos últimos post: existe unha grande parte da sociedade galega que se mostra quen "de superar o individualismo, o nihilismo, o descrimento, o cinismo paralizante. Existe unha amplísima porcentaxe de galegos que actúan, na Galiza deste tempo, con consciencia, enerxía e responsabilidade cívica. É unha magnífica noticia o espertar e a activación dese amplo espazo social esixente e crítico, capaz de reclamar os seus dereitos e de axir socialmente sen servilismos e sen medos fronte aos diversos poderes. E éo porque o grande problema da sociedade galega, o seu talón de Aquiles, veu sendo xustamente a súa desvertebración, a súa atomización, a súa falta de autoestima e de intercomunicación. Acabar coa fraxilidade das (boas) práticas sociais, colectivas e articuladoras, permitirá que a sociedade galega sexa máis consciente e menos manipulábel. " Cada día estou máis convencido destas palabras, e da necesidade de que, a xeito de profecía autocumprida, as mastiguemos e remoamos até facelas verdade.

Fomos o boxeador atordoado polo golpe -dereitazo na queixada- que nos deu o inimigo, poderoso e amalgamado coma poucas veces antes. As consecuencias, gravísimas polo que supoñen de fracaso histórico e de imposibilidade de manter o país nun camiño de mudanzas sociais profundas, estamos a velas e a padecelas. Elas son, tamén, a mellor proba de que non dá igual, de que o pouco defendido bipartito si tentou cambios positivos e reais e de que o nacionalismo foi e é -con erros, si, mais tamén con lealdade e confianza no país- o motor dun proceso que nos pon na dirección da autoestima e do benestar. Fomos ese boxeador, si, mais xa nos erguemos da lona e volvemos encarar ao inimigo, desde a esquina da dignidade.

3 comentários:

  1. Pues yo espero que los vientos de este otoño mariñano te devuelvan el ánimo y las fuerzas para seguir escribiendo, (aunque sea egoístamente, por los que disfrutamos de tus opiniones y pensamientos, y de tu literatura) y si no es así gracias por los momentos “leidos”.
    Un saludo.
    Mónica Justo

    ResponderExcluir
  2. Sería unha mágoa que o vento de cavanardá non seguira agasallándonos con esas reflexións e pensamentos.

    ResponderExcluir
  3. Graciñas e chuchos. Seguiremos algo máis, seguro, mais hai que ir pechando... :)

    ResponderExcluir

Comentarios