Pechar os ollos, limpar os corazóns




Onte, ao remate da prórroga -el alargue, como din os arxentinos- deume por pensar na Jugoplastica/Pop 84 de Split, o equipo que máis me fixo gozar e sufrir -na miña condición de culé- do baloncesto. Aquel extraordinario conxunto de xogadores ensinounos a varias xeracións, mellor ca ninguén, que había un que e había un como, tanto na vida como nos campos e canchas deportivas. Que había formas diferentes de gañar e que, aínda que todas eran sempre motivo de ledicia, só unha mínima parte delas ficaban imborrábeis na memoria. Lémbrome de pequeno padecendo a Kukoc, Radja e Savic, odiando a Bozidar Malkjovic, lamentando que Solozabal, Epi, Jiménez e Norris se fosen retirar sen a Copa de Europa nas mans. Mais tamén admirado diante daquela marabilla amarela, diante dun baloncesto diferente, diante dun atrevimento, talento, enerxía e alegría que resultaban un canto ao baloncesto, ao deporte colectivo, á confianza nas propias forzas e na canteira. Era o triunfo dunha filosofía de anos, dunha maneira de entender as cousas, da fe no traballo ben feito desde a infancia, desde aqueles nenos de Split que pasaban as horas tirando nas canastas das pistas escolares. Veño de facerme seareiro deles no facebook, unha forma como calquera outra de darlles un recoñecemento tardío a un grupo de técnicos e xogadores que a moitos nos fixeron entender o baloncesto doutra maneira. Co Barcelona de Guardiola ocorre e ocorrerá, creo, algo semellante. Por anos só puiden admirar e padecer os grandes equipos dos oitenta en diante: o Madrid da Quinta do Buitre, o PSV de Koeman, o Milán de Sacchi, algún Manchester de Ferguson. Mais coido ser xusto se afirmo que ningún é comparábel -polo que achegaron á liña histórica do fútbol, innovando e abrindo novas épocas e modelos- ao Barcelona de Cruyff e ao Barcelona de Guardiola.

Co Mundial de Clubes de onte o Barcelona pecha un ano seguramente irrepetíbel, e abre unha pregunta complexa nos afeccionados propios e alleos sobre como manter os equilibrios internos, a fame de vitorias, a distancia dos focos e a ambición por seguir gañando. Seguramente sexa capaz de conseguilo, porque hai un par de circunstancias que contribuirán decisivamente a manter a motivación alta: a primeira, o feito de a grande parte do plantel de xogadores ser culés e canteiráns; a segunda, ter enfronte ao Real Madrid dos 280 millóns de euros, de Kaká, Cristiano e Florentino. Tanto un como outro son factores tremendamente importantes para lograr que o equipo manteña a constancia, as ganas de gañar e a humildade -que importante e que motivo de orgullo para moitos culés- dos xogadores. O Barcelona de Guardiola, de Xavi e Iniesta, de Puyol e de Piqué, de Messi, de Pedro e Busquets, é un equipo diferente, con valores dentro e fóra do campo cos que é fácil e fermoso sentirse identificados, con capacidade para vencer sen humillar, con garantías e confianza plena en que se pode gañar desde a alegría e o amor pola pelota. Por iso, desde hai meses, desde antes do primeiro dos seus títulos, fago acopio de reseñas e reportaxes e entrevistas de prensa sobre este equipo, convencido de sermos afortunados por poder velo e disfrutalo como facemos. Materiais xornalísticos coma este ou este ou este, que debuxan en conxunto unha consciencia de vivirmos orgullosos unha idea máis alá do resultado, de defendermos unha forma -un como- por riba mesmo do que, do logro final, do título en desputa aínda sabendo, é claro, que só na vitoria se afianzan as alegrías, os mitos, a historia colectiva.

Pechouse o Barça de 2009, o Barça dos 6 títulos, o Barça do Viva La Vida de Coldplay, e comeza un Barcelona diferente, que se sabe diante de novos retos, con todo gañado e todo por gañar, ao ritmo do Human de The Killers. Tocará, como di a canción, pechar os ollos e limpar os corazóns. Para volver comezar de novo. Muda a melodía, mais desexamos idénticas emocións. Porque ao final, supoño, está unicamente a vivencia, infantil e primaria, feliz, das vitorias do teu equipo neste deporte contraditorio e universalizado que é o fútbol. Ao final, seguro, o que queda é ese arrepío, esa bágoa, ese sorriso que nos fai sentir mellor, e mellores, e felices, durante uns intres que saben a gloria, a eternidade.



Um comentário:

  1. http://www.elmundodeportivo.es/gen/20091211/53841613947/opi/%C2%A1pep-habla-en-catalan.html

    ResponderExcluir

Comentarios