A quen molesta a selección galega?



Diego López (Vilarreal), Michel Salgado (Blackburn Rovers), Adrián López (Deportivo da Coruña), Iago Bouzón (Recreativo de Huelva), Roberto Lago (Celta de Vigo), Viqueira (Xerez), Borja Oubiña (Celta de Vigo), Diego Castro (Sporting de Gijón), Jonathan Pereira (Vilarreal), Dani Abalo (Celta Vigo), Nacho Novo (Glasgow Rangers). Podería ser o equipo titular da selección galega de fútbol, que debería de desputar este Nadal un novo partido internacional. Nela poderían estar tamén Roberto (Osasuna), Rubén, Noguerol, Jonathan Vila, Iago Aspas, Joselu e Trashorras (Celta), Álex Bergantiños (Xerez), Iago Falque (Juventus) ou Iván Carril (Pontevedra), por poñer algúns exemplos. Hai xogadores, hai adestradores e hai afección. Tanto uns como outros manifestaron publicamente o seu desexo de que a Selección Galega permaneza, exista, xogue. De que o seu partido se manteña como festa anual do fútbol galego, pensada e transmitida desde aquel afortunado lema da Consellaría de Cultura e Deporte do goberno anterior: o fútbol galego une. Acreditamos niso. Vivímolo, en carne propia, en San Lázaro, Balaídos e Riazor. Dubido que alguén se puidese sentir excluído naquelas ocasións, a non ser por propia vontade. Polo demais, fútbol e festa, e ocasión de que o deporte galego, e a canteira -a xente moza dos diferentes clubes do país-, se vexa representada con dignidade e sen complexos. Como fixo contra Uruguai (2005), Ecuador (2006), Camerún (2007) e Irán (2008). A quen molesta entón, tanto como para eliminala, a Selección Galega? A quen molesta e por que ? Moléstalles só a Galega -a Irmandiña, como se lle dera en chamar- ou tamén a "Roja", convertida en metáfora e símbolo patrio indiscutíbel, triunfal polo mundo, á que se lle compoñen himnos e dedican concursos para incitar á lealdade e ao orgullo español? Moléstalles tanto que non poden aceitar nin sequera unha co-existencia no grao que había ata agora (as seleccións autonómicas non poden competir en torneos oficiais internacionais)? Por que esa saña, esa vontade de facela desaparecer?

Teño para min que a resposta está xustamente na evidencia que contraría o tópico manoseado ad nauseam. O fútbol tamén é política. Política en canto símbolo, en canto espazo de socialización e cohesión arredor de valores e significados determinados ("significados" -di moi acertadamente Antón Dobao nun seu artigo recomendabilísimo- " de pouca precisión semántica pero alta capacidade connotativa"). Vísceras, logo. Paixóns. E no proxecto político e ideolóxico do PP e de boa parte do PSOE só cabe unha opción, só se admite unha posibilidade no ámbito da identificación simbólica: España e o español. Que non se discute. Que se fomenta e se transmite desde o plano da normalidade, desde a linguaxe eficaz e desacomplexada do que se entende -e transmite- como "natural", como "non político", como "non ideolóxico". O problema témolo os demais. O problema somos os outros. Que politizamos, que estamos sempre protestando, que imos contra o sentido común e a normalidade.

O problema son "los vascos" -insiste De la Morena entre ñoñismo indixesto (recuerdas la primera vez que hablamos y eras un niño que jugaba en los campos de ...) e chutes habituais de demagoxia-, os vascos que non piden que a Vuelta a España pase por alí, nin se curan da "enfermedad" nacionalista, nin levan á Roja a San Mamés. O problema son Laporta e os cataláns, que obrigan aos rapaces de fóra a aprender o seu idioma na Masía, que fan campañas nos medios para reivincicar seleccións propias e non se dan conta de que -atención ao descobremento- fuera de Cataluña hay seguidores del Barça. O problema somos algúns -poucos, é certo- galegos. Lembremos cando o lateral focense do Celta e do Compostela, Nacho, mostrara a súa falta de entusiasmo por ser convocado pola selección española e na SER o despacharan cun "y que más da, si es muy malo", altamente revelador de que aquel atrevemento do galego doía na capital. Hoxe, en plena éxtase rojigualda, á orxía onanista e impúdica vanse sumando ilustres despolitizados: Valdano coa teoría lubricante do cara dentro e cara fóra, o presidente cántabro -xa saben, non é populista, só un tipo cojonudo, que va en taxi y dice lo que piensa - , os medios do grupo Prisa, o forofismo da prensa deportiva, ...e mesmo algún intelectual galego que, sorprendentemente, prefire a ¿inocencia? buenista e progre á análise crítica do uso social que o españolismo fai dos triunfos -merecidísimos no plano deportivo, desde logo- das seleccións españolas. En fin, unha película repetida, que cansa por coñecida.

O caso é que este Nadal, se nada de moi última hora (algunha plataforma cidadá de apoio, por exemplo, realmente plural e con capacidade de mobilización) o remedia, non teremos partido das Seleccións galegas. Terao a Cataluña de Cruyff, e outras moitas, mais non Galiza. Aínda que os xogadores galegos queiran, e os adestradores queiran, e a afección e os seareiros tamén queiran. Non haberá máis Seleccións Galegas porque a Feijoo e ao PP lles molestan. Molesta a Selección Galega, molesta A Coruña, molestan as Galescolas, molestan os Premios Nacionais da Cultura e a Biblioteca e o Arquivo Nacional, molesta o noso idioma, ... molestan porque molesta Galiza. Galiza entendida como suxeito de dereitos, e mesmo como simples posibilidade de nación normalizada, recoñecida e recoñecíbel. Iso mesmo é o que proe, o que non están dispostos a aturar de xeito ningún e por iso vetan e fan desaparecer, por máis que o discurso explícito o constrúan arredor da falacia do apoliticismo ("haga como yo y no se meta en política", dicía Franco) e do uso demagóxico da austeridade. O noso proxecto nacional, dinnos un día e outro día pola vía dos feitos, non cabe nos lindeiros da súa democracia. Aínda sí, lembrádeo ben, cómpre aceptalo e sorrír: que se vos note na cara que desfrutades coa Roja.

10 comentários:

  1. Resposta sinxela ao título do "post": Aos nacionalistas españois.

    ResponderExcluir
  2. Hombre, Javier, por dios. Este artículo no se sostiene. Carece de toda base científica: ¿Cómo cojones se te ocurre poner a Míchel Salgado de titular?

    ResponderExcluir
  3. Falta moita xente dos Porcos Bravos nesa listaxe. De feito non hai ningún.Asi non se pode gañar. Por primeira vez na miña vida vou
    apoiar o Home das jaseosas e secunda-lo boicot.

    ResponderExcluir
  4. Ten razón Adrián; en vez de Míchel Salgado, eu de lateral dereito poñería a Aitor Fernández (agora no Español B), e de paso creaba un conflito diplomático no Eo-Navia :)

    http://ponferradina.incondicionales.com/futbol/Aitor_Fern%C3%A1ndez_L%C3%B3pez.

    Se non funciona o enlace, metede no boogle "Aitor Fernández López".

    ResponderExcluir
  5. Váleme, Suso. Xa temos tamén a Pablo Álvarez, e eu sempre defendín que había que meter a Pablo Lago e a Canabal. E a algún da Ponferradina tamén.

    ResponderExcluir
  6. Adrián López es de Teverga (Asturias)

    ResponderExcluir
  7. O Adrián López do que eu falo é Adrián López, "Piscu", que é central, non dianteiro. Piscu é das Pontes de García Rodríguez. O outro, o dianteiro, efectivamente é asturiano.

    ResponderExcluir
  8. A quen lle molesta? Non só ós nazonalistas españois que di Félix. Por exemplo, tamén a moita xente que segue consignas e non saben quen son.

    ResponderExcluir
  9. Falta Julio Álvarez, do Mallorca.

    ResponderExcluir

Comentarios