
Deixaremos para outra o conto de Galeano sobre "Bebel da lexía". E as notas dos viaxeiros ingleses que pasaron polas nosas terras no século XVII. Tamén a arte de Talía, co Grupo de Extensión Agraria de San Miguel de Reinante, nas fundadoras mostras de Abrente, e co Grupo de Declamación Focense, de Lugilde, nas primeiras décadas do XX. Teatro fixo tamén, moito e bo, a Francisco Lanza. E por entre nós pasaron La Barraca, nos anos 3o, e o mítico Barriga Verde, como un día me contou Iñaki dos Fantoches Baj. Quedará para máis adiante falarmos de Ruada, o selo discográfico, do que pode contar con arte, agarimo e parte Lolo da Portuguesa. E da agrupación cultural Francisco Lanza e a Feira do Libro Galego. E Seonane, Otero Pedrayo, Penzol. E a memoria histórica, nos Cadernos Ribadenses que deixaron testemuño fundamental para termos presente na construción do futuro. Noutro día e noutro blog, de o haber, falaremos desas e doutras cousas.
Hoxe apetecía simplemente mirar como nos miran, e o amigo Ulmo de Arxila agasallounos cun post magnífico, de hai tempo, e que descoñeciamos. Velaquí as súas palabras sobre as terras ribadenses, que acompaño da benzón músical de Guadi Galego. Alento verde da Irlanda, sol indiano do verán.
Millentas grazas por darlle difusión a esa memoria de Ribadeo! "Alento verde da Irlanda, sol indiano do verán", descrición fronteiriza como fronteiriza é esa terra vosa.
ResponderExcluirUn saúdo!