Pola beira norte




Deixaremos para outra o conto de Galeano sobre "Bebel da lexía". E as notas dos viaxeiros ingleses que pasaron polas nosas terras no século XVII. Tamén a arte de Talía, co Grupo de Extensión Agraria de San Miguel de Reinante, nas fundadoras mostras de Abrente, e co Grupo de Declamación Focense, de Lugilde, nas primeiras décadas do XX. Teatro fixo tamén, moito e bo, a Francisco Lanza. E por entre nós pasaron La Barraca, nos anos 3o, e o mítico Barriga Verde, como un día me contou Iñaki dos Fantoches Baj. Quedará para máis adiante falarmos de Ruada, o selo discográfico, do que pode contar con arte, agarimo e parte Lolo da Portuguesa. E da agrupación cultural Francisco Lanza e a Feira do Libro Galego. E Seonane, Otero Pedrayo, Penzol. E a memoria histórica, nos Cadernos Ribadenses que deixaron testemuño fundamental para termos presente na construción do futuro. Noutro día e noutro blog, de o haber, falaremos desas e doutras cousas.

Hoxe apetecía simplemente mirar como nos miran, e o amigo Ulmo de Arxila agasallounos cun post magnífico, de hai tempo, e que descoñeciamos. Velaquí as súas palabras sobre as terras ribadenses, que acompaño da benzón músical de Guadi Galego. Alento verde da Irlanda, sol indiano do verán.

Um comentário:

  1. Millentas grazas por darlle difusión a esa memoria de Ribadeo! "Alento verde da Irlanda, sol indiano do verán", descrición fronteiriza como fronteiriza é esa terra vosa.
    Un saúdo!

    ResponderExcluir

Comentarios