España, España, bandera, bandera



Teño falado con amigos sobre aquel curioso proceso que levara a Aznar, aos poucos, a acabar comportándose como o seu guiñol no fantástico e lembrado espazo televisivo de Canal +. Era o mundo ao revés: non eran os guionistas os que procuraban imitar ao daquela presidente, senón el mesmo quen teimaba en mimetizarse coa súa propia caricatura. O PP actual, coas súas posicións en temas como o laicismo, a memoria historica, os dereitos dos homosexuais, os ataques á diversidade cultural e lingüística ou a radicalización do seu españolismo vai camiño da conversión -no fondo, mais tamén nas formas - nunha formación política ultramontana, reaccionaria e de cheiro intenso a un pasado autoritario do que debería sentirse liberado rexeitándoo con claridade. Lonxe diso, o seu apoio máis ou menos explícito e a súa constante presenza no conglomerado mediatico da ultradereita semellan indicar que, aparentemente convencido e sen volta atrás, un PP que nalgún tempo quixo achegarse a certa dereita democrática europea volve transmutarse outravolta en caricatura actual da eterna tradición da España máis negra, inquisitorial e reaccionaria. E coma sempre, co mesmo estilo: acomplexado, insultón, chulesco, mentiroso, ofensivo, maleducado, soberbio. Toca novamente a España, España, bandera, bandera, dos xeniais Tony Lomba e Elio dos Santos, desta volta con rancio berce no Casino das beiras do Lérez e no novorriquismo de solarium do ladrillo levantino. Non vos riades (ou si), que o conto é triste.

2 comentários:

  1. Debezo por coñecer os títulos dos VHs e dos libros do estante, :)
    Un abrazo e sin¡ceiro agradecemento dende o sul

    ResponderExcluir
  2. Se a cuarta parte dos que se envolven na bandeira non defraudase a Facenda do país que esa bandeira representa, xa che tiñamos ben cartiños gañados. Hai moito patriotismo de símbolos, pero cando os cartos anda polo medio non importa que a Patria sexa calquera paraíso fiscal perdido no mapa.

    ResponderExcluir

Comentarios