Días de fútbol

En tanto o grande capital segue amasando riqueza e solicita sen vergoña ao conxunto da sociedade que sufra e pague sen rechistar (suba do IVE, conxelación salarial, rebaixa a pensionistas e funcionarios, abaratamento do despido, desmantelamanto de servizos de benestar, saúde e cultura, ...) unha crise que ela non provocou, o fútbol -que gozo e que amo, déixenme dicirlles- muda en arma ideolóxica para o españolismo e en novo opio do pobo -dixitalizado, empobrecido, adormecido- para os que un día foron socialistas e denunciaron con lucidez os narcóticos sociais.

Por se alguén quere procurar alternativas ao menú oficial, ofrezo algúns ingredientes non convencionais:

Facer click aquí, e despois darlle ao play.
Ler Organoloxía, da ribadense Eva Moreda.
Pasear por Pontevedra, Ribadeo, Allariz, ... lugares con rúas e prazas peonalizadas, espazos de encontro para a vida colectiva e cidadá e moita historia e patrimonio por descobrer, e onde non hai nin pantallas do Concello para La Roja nin subvencións públicas para touradas nin, polo momento, vontade de "homologarse" difuminando a nosa identidade.
Gozar da escrita sempre valente, coidada e comprometida coa vida real de Fran P. Lorenzo e o seu Vai de blog.
Descobrer, se aínda non o coñeces, o B Fachada, un dos máis interesantes músicos e autores portugueses da actualidade.
Tomar as cañas cos amigos/as.
Botarlle un ollo demorado á análise que Xurxo Borrazás fai en Tempos Novos da FAES, a fundación ultraconservadora que marca a liña ideolóxica do PP.
Facerlle caso a quen -non lembro agora o seu nome- me recomendou achegar os ouvidos ao catálogo de Soundway Records.
Esquecer todo o anterior e, simplemente, descansar, se podes.

2 comentários:

  1. Grazas polas túas recomendacións. Seguirei vendo fútbol (demasiado ancorado na miña cativez dun barrio de Vigo) entre liña e liña de Eva Moreda, coa mentalidade crítica dun poeta morto. Saudos dende o caloroso sul.

    ResponderExcluir
  2. Eu seguireino vendo tamén, desde logo. Son moi futboleiro, mais a verdade é que estes días resulta cansina a utilización que se está a facer del. Claro que, despois, os mesmos que a fan son os que din que "no se debe mezclar fúbtol con política". Oxalá.

    ResponderExcluir

Comentarios