Habitar a desorde



Habitar a desorde. Gravo cedés para os amigos e búscolles nomes: o mar en pé, cavanardá, habitar a desorde. Dubido se o fago por eles ou para min. Para compartir as descubertas ou para organizar o caos. Ha de ser que temos demasiado corasón, prefiro pensar para escusarme, e acabamos feridos na procura da beleza. Tamén para iso é preciso valentía, mais deixa marcas na pel e os ollos mancados de desacougo. Da desorde e dos erros medráronnos flores, camiños sen volta e faros na madrugada. Non todas compensaron a dor da luz intensa cegándonos a razón. Pode que precise máis tempo para desandar o tempo que perdemos. Pode que no olor a coello e cenoura, no ladrido dos cans, no pracer simple da conversa, nos goles ao cabanón dos meus dez ou once anos, estean as respostas deste verán. E saber así moverse nas lindes, pisando as marxes, comprometidos en facermos posíbel o equilibrio.

2 comentários:

Comentarios