Esquerda

Seguimos sentados á esquerda de Louis XVI, do lado do pobo, en contra do veto do rei. Cadaquén dío á súa maneira. O xornalista galego Manuel Rico, con contundencia. O escritor e crítico musical Kiko Amat (De juicios, contradicciones y supervivencia), con ironía e desenfado. Son coñecidos tamén os dez consellos de Frei Betto. Cada día teño máis claro que, cadaquén onde se sinta máis cómodo e útil, o importante é estarmos activos e organizados, nunha sociedade como a galega que ten o seu talón de Aquiles na súa falta de vertebración interna: atomizados, sen nos coñecer e recoñecer, teñen máis fácil seguir impedindo o noso avance no camiño da autoestima e o benestar. Queren que non nos queiramos, e estano conseguindo en boa medida. Mais existen respostas. Importantes, capaces, útiles, colectivas, complexas, imperfectas, humanas, necesarias. Como a UPG e o BNG. No pasado, os nosos avós, os que pensaron o avance social e os dereitos humanos nos seus corazóns, tiveron outras ferramentas. Mais hoxe, ser de esquerdas, na Galiza, é ser nacionalista. Pódese, quizais, non ser de esquerdas e defender o país, aínda que non se vexan por ningures os exemplos, no noso. Mais non se pode ser de esquerdas en Galiza dando as costas ao pobo, militando no españolismo e actuando en contra da propia identidade. Toca, por iso, calmar as augas, pensar para fóra, coa xente, facer medrar o depósito de esperanzas. Nel todos e todas temos cabida. Todos os da esquerda, na Galiza. Ou sexa: Galiza nación, autodeterminación, anti-imperialismo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios