Rompeu a primavera


E veu cargada de polen, flores tristes, saudades e músicas en calma. Polas ribeiras de Cavanardá apetece ir pescar agullas con Ricardo, esquecer ingratitudes, afastarse da rutina do desaloxo controlado. É difícil manter a distancia adecuada, ollar o futuro limpo e optimista sen sacar dos ollos as legañas molestas do pasado. Miro as carpetas a piques de pecharse, a mesa limpa, o traballo relado entre os dedos. E desde o día que me mira do outro lado da ventá achéganse lentamente as praias de Bon e de Arealonga, as Rías Baixas e A Mariña, a sidra do Petiso en Salas con leituras en asturiano, o Caleyucu caleyucu cen veces escoitado de noite no Hospital da Costa de Burela. Rompeu a primavera e con ela chegará André, e o seu pai con mans de labrego, e as tardes con carriño na praza da Verdura. Apetéceme esa luz areosa entrando pola esquina da ventá, xogando na pel de agosto con Iñaki e con Marina, poñendo imaxes ao iPOD paseante por Lisboa. Miro á dereita e sorrío, optimista. Queda esforzo, amizade, ilusión e intelixencia. E quedan cancións coma esta, lenes, de solpor, para irnos axudando a invadir lentamente os días.



Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios