Espazos sonoros
Se, como preguntaba retoricamente aquel anuncio da BMW, a un lle gusta conducir, as dúas horas en coche que separan Ribadeo de Santiago poden pasar de ser un suplicio semanal a dar bastante xogo para diferentes cuestións: está o carrusel deportivo dos domingos, están as conversas cos/coas acompañantes e está a posibilidade de aproveitar -se non é domingo e vas só no carro- para escoitar boa música sen interferencias. Os últimos tempos foron especialmente frutíferos para esta última actividade, cunha degustación sonora rica, rica e con fundamento. Formaron parte dela o palestino Trío Jourban, os austríacos Oman Consort e os galegos 2us e Isga Collective, que como veredes conforman propostas moi diferentes entre si, pero igualmente interesantes. O mellor do caso - a cousa ten algo de trampa- é que os fun escoitando porque todos eles son grupos que sabía ía ter ocasión de ver axiña por Galiza adiante. Os catro, xunto con outros trinta máis, formarán parte da programación musical Espazos Sonoros , unha proposta impulsada en 2008 por Luís Bará desde a D.X. de Creación e Difusión Cultural e dirixida estupendamente por Belén Bermejo. Habédesme perdoar, os que me coñecedes, isto de ser un pouco arte e parte no tema, pero a verdade é que non me resisto a darlle difusión vía blog e vía calquer outra cousa: a proposta artística deste ano é de auténtico luxo, e ao feito de permitirnos coñecer moitas e variadas músicas nas que posibelmente doutro xeito non pousariamos a nosa atención hai que lle sumar o especial interese que teñen todos os espazos -singulares, patrimoniais, diferentes- nos que se desenvolven os concertos. En definitiva, que non perdades a ocasión de vos achegar a elas. Espazos sonoros para as músicas posíbeis.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios