Galiza e a Rockdelux





Por moito que non queira recoñecelo, algún vicio mediomodernuqui si que teño. Traio hoxe ao blog un dos máis confesábeis: ser, desde hai anos, subscriptor da Rockdelux. Os e as que sexan leitores desta revista concordarán seguramente comigo en que os tópicos que circulan arredor da mesma son tantos e están tan gastados que xa nin apetece pararse un minuto a facer xogo con eles. E, porén, ... o certo é que resulta difícil falar da RDL sen facelo do que son algúns dos seus trazos de identidade: as súas míticas listas best of, a súa ocasional pedantería na crítica de discos, a súa propensión a epatar ou a xogar ao despiste con algunhas das súas apostas musicais. Todo é certo, si, mais admitámolo: o que fixo realmente importante á Rockdelux foi, lonxe de todo iso, a súa demostrada capacidade para, mes a mes, lograr que moitos e moitas nos adentremos nas súas páxinas con interese, pracer e, sobre todo, coa asunción recoñecida, con máis ou menos franqueza, do seu papel prescriptor (orientador, se se quere restar transcendencia á cousa) con respecto a boa parte da música que escoitamos. Foi nela onde, en diferentes momentos, souben de Xuan Bello, Sr.Chinarro, Kiko Amat, Antonia Font, Ápeiron ou Refree, por exemplo, e seguramente sen ela ningunha desas propostas musicais e literarias tivesen entrado na miña vida.

Mais por que sucede isto? Que fixo da RDL unha revista cun público fidel e un perfil editorial e estético claro, recoñecíbel e atractivo? A resposta debería dala o seu director, Santi Carrillo, que xa máis dunha vez ten falado, e non sen certa fachenda, desta cuestión. A min ocórrenseme, desde a miña condición de humilde leitor, algunhas causas que sei positivamente influíron no meu caso.

- o cd mensual de agasallo

- o feito de que conte cun criterio propio (e mesmo que faga gala del)

a súa capacidade para me descubrir propostas artística interesantes (nótese que a Ribadeo, por exemplo, nunca chegaron a Mondosonoro nin similares)

- a súa defensa da música popular contemporánea (pop) como unha expresión artística e cultural ao mesmo nivel que calquera outra (a literatura, as artes escénicas, as artes visuais, ...)

- o feito de analizar a creación músical poñéndoa en relación á sociedade, sen caer en chorradas de adolescente con acné mental tipo una cosa es la música y otra la política. (Que pensarán os modernuquis -me pregunto ás veces- de Johny Cash, Woody Guthrie, The Clash, Atari Teenage Riot ou Robert Wyatt?)

- as súas apostas arriscadas por grupos ou artistas contrarios ás modas e aos hypes, feitas habitualmente desde unha traballada argumentación e que demostran tamén unha importante apertura estilística

- o feito de non agochar nin disimular as súas filias e fobias, e a súa intelixencia para empregar, unhas e outras, ao seu favor



Probabelmente haxa máis causas, e mesmo as lembraría de pensar no asunto con máis vagar, pero son estas as que agora se me veñen á cabeza. A felicidade, contodo, nunca é completa. Se algo en contra levo apoñendo á Rockdelux desde hai algún tempo é a súa pouca capacidade para atender ás escenas que non sexan a barcelonesa ou a madrileña (neste caso, Madrid e Cataluña funcionan de xeito similar). Dito doutra forma, a Rockdelux padece dun evidente centralismo musical. Dirame alguén, con razón, que en tempos non foi así, e estarei completamente de acordo con el. Conservo caixas de revistas con exemplares case enteiros da Factory dedicados ao Xixón Sound, recoñezo a habitual e importante presenza de grupos vascos nas súas páxinas (e, ollo, non só da liña mugurucista Esan Ozenki - Metak), sei tamén e síntome orgulloso como galego do prestixio oitenteiro dos Resentidos (mellor disco do ano no 91, con Jei!), ... mais visto desde a actualidade todo isto non semella máis que a mostra gloriosa dun dignísimo e saudoso pasado. Hoxe en día –e agardo contrarréplicas nos comentarios- a aposta da RDL semella centrarse, dentro da música estatal, case que unicamente no indie en español ou inglés, na correspondente cota catalana (de indubidábel calidade, por outro lado) e nalgunhas anédotas felices noutras linguas (Mus ou Xabel Vegas, en asturiano; Lisabö ou Anari, en euskara). Que ninguén me entenda mal. Non se trata aquí de repartos territoriais, de diversidade lingüística, de pluralismo interno. Nada diso. Trátase de música, de boa música, de música de calidade. Sería e son o primeiro en rexeitar un grupo en galego se non ten nada artisticamente interesante que aportar, se non ten calidade propia coa que defender o seu traballo. O que ocorre, porén, non é iso. O que ocorre é outra cousa.


1º) Aínda a pesar da existencia hoxe en Galiza tanto de selos discograficos (Falcatruada, A Regueifa Plataforma, Free Code, ...) como de propostas artísticas (Narf, 2us, Noise Project, Animales Domésticos, Nordestin@s, Niño y Pistola, Meu, Marful, Fanny & Alexander, Sevigny, Ecléctica Ensemble...) de elevado interese e calidade, e situados todos eles dentro dos estilos musicais susceptíbeis de poder ser atendidos pola RDL, a presenza dos mesmos na crítica de discos e nas reseñas informativas da revista é realmente mínima (unicamente aparecen con certa normalidade Nadadora e Triangulo Amor de Bizarro. Manos de Topo e Catpeople non valen, para eles contan como directamente cataláns).


2º) Especialmente sangrante é a situación cos grupos que cantan en galego. Directamente non existen. E porén, na Galiza, o pop e o rock en galego viven un momento especialmente vizoso e efervescente. Que a Rockdelux non se faga eco do mesmo é entón culpa deles, das súas discográficas, da Administración?. Cónstame que traballo e esforzo na difusión da música galega houbo, e moi importante, polas tres partes citadas. Ou é que a RDL non coñece o que se fai neste país?


3º) Deber debería, porque varios críticos musicais colaboradores da revista son galegos. Poderían facer máis eses críticos para a difusión dos nosos grupos? Non queren ou non poden? Coñecen ou non coñecen a Narf, Marful, The Homens, Fanny & Alexander, Ataque Escampe, Som do Galpom? Son acaso estes grupos peores que moitos dos que vemos nas páxinas da revista barcelonesa?


Deixo todas estas perguntas no ar, neste vento dixital das ribeiras de Cavanardá, incapaz de as afrontar en solitario e á espera de que alguén se anime a buscar algunhas claves ou motivos que axuden a respondelas.




5 comentários:

  1. o vento de cavanardá xa me recorda que teño que correr ó kioske...cando comecei a mercar RDL , fai miles de anos xa, iste tiña seccións territoriais , e foi o primeiro medio escrito que por exemplo imprimíu o nome do grupo galego Skornabois , todos sabemos que aínda que haxa milleiros de nenos que cada find xoguen ó futbol cos seus colexios e equipos cunha soa man contarás os que teñan posibilidades de debutar nunha equipa do pais de primeira e non nos engañemos, saír en RDL e soar en radio 3 é xogar en primeira e iso pasa coma cos nenos. Patético é tamén que a Galiza Bizzarra teña que saír en Metrópolis de la 2 e que a Galega artelle un programa de música sen ritmo e cheo de cliclés. Chegamos a un intre no que todo vale , e iso non é así , na musica ó igual que na política a realidade é moi puta.

    ResponderExcluir
  2. A RDL é como a GIGANTES do basket.

    O país dá neste momento como para manter proxectos editoriais propios diversificados?

    Non sei pero a resposta a esta pregunta pode que perpetúe a túa suscrición RDL ou chegue o día en que te suscribas á LDR, "LúsDeRock".

    Ollo, ti, mellor que moitos sabes como está o forno como para que algo así se cociñe en Galiza...

    Probabelmente de aí veñan as túas contradicións -que moitos tamén temos- polo que en resolvelas colectivamente dunha forma positiva para o país está o asunto.

    Chegou o momento. Empezamos?

    ResponderExcluir
  3. Olá aos dous.

    A verdade é que co tema da RDL pretendía un pouco mostrar que, en efecto, aínda que algúns de nós teñamos en Galiza a sensación de que a música galega vive un momento creativo moi bo, iso non se traduce, na práctica, nunha difusión dos artistas polas canles de prestixio (revistas especializadas, Radio 3, etc) da música non mainstream ou á marxe das radiofórmulas. O problema, evidentemente, non é a Rockdelux. Púxeno porque estes días renovei a miña suscrición e xa levaba tempo matinando no asunto, pero o certo é que o problema é que no propio país a rapazada das cidades e das vilas non coñece a Narf nin a The Homens, por poñer eses dous exemplos. E non os coñece, penso, porque a cultura en galego ten serios problemas de permeabilidade coa sociedade real, por así dicilo. A produción cultural en galego non forma parte da "oferta cultural e de lecer" que nos venden os media vía TV, xornais e revistas xeneralistas, radio e mesmo Internet. Non te atopas con ela de xeito natural, tes que saír á súa busca. E que che interese buscala presupón saber que existe e que pode ser interesante. Iso, para min, lévanos a un debate máis profundo e desde logo moi interesante: o papel do ensino e o dos medios públicos galegos en relación á nosa produción cultural. Se estes dous factores non funcionan como factores correctores a prol da nosa cultura, manter un discurso propio non minorizado antóllase a cada máis difícil. Se non saímos do sistema educativo sabendo a amplitude, calidade e importancia da cultura galega pasada e ACTUAL e a RG e a TVG non funcionan como escaparate desa mesma cultura, pouco poderemos facer máis que iniciativas tan interesantes como voluntaristas e minoritarias como as que hoxe existen: SonoTone, A Regueifa, etc
    Penso que un dos retos clave da produción cultural galega e das políticas culturais orientadas a ela é xustamente entender que só poderemos romper esta incapacidade de chegar ás maiorías se avanzamos na creación dun espazo de comunicación galego. E ollo, digo simplemente galego, non nacionalista (quen nos dera!).
    O debate que abre Serxio ao respecto seméllame tamén fundamental. Aínda seguramente gardemos como ouro en paño aqueles exemplares da revista Bambám co cd de agasallo e así. Un medio de información cultural pop, do estilo da RDL ou da Enderrock catalana, pero feito desde Galiza, tería posibilidades reais de subsistir?

    ResponderExcluir
  4. Buf, escribira un comentario bastante longo pero perdeuse polo camiño... resumindo:
    - Lamentable que non fale máis dos grupos galegos. Creo que é por centralismo bipolar. Por non haber, non hai nin concertos fóra de Mad-Bcn.
    - O peor é que é a única revista "de prestixio" que pode considerar que un disco en catalán, euskera ou galego pode ser o mellor do ano. E eu non lembro nos últimos 10 anos que nin sequera aparecese nas súas famosísimas listas un só disco en galego.
    - Proposta: escribirlle unhas cartas e tirarlle das orellas a Carrillo.
    - A revista modernuqui galega non é incompatible co anterior. Porque a Enderrock está guai, pero que Antónia Font ou Manel triunfan fóra de Cataluña débese máis ao caso que lle fan en revistas como a RdL.
    - Como xa temos falado, para min o que sería moi importante é crear un canon pop-rock galego (ou varios), para ter un marco, unha guía que seguir e no seu momento rexeitar, superar ou poñer a feder. Podíamos empezar por establecer as nosas particulares en páxinas como rateyourmusic.com, unha web onde hai listaxes de música de todo tipo... e só unha (persoal) de música made in Gz!

    ResponderExcluir
  5. Completamente de acordo en todo, frenchchou. Mirarei a páxina que dis. E para empezar, lanzo a pregunta: sabedes de algún intento de facer un canon do mellor pop-rock en galego? Había aquela lista dos 10 mellores discos galegos de Xavier Valiño. Alguén se atreve a facer a súa?

    Eu, sen numerar e sen reflexionar, lanzo algúns nomes que non faltarían na miña:

    OS RESENTIDOS Fracaso Tropical
    OS DIPLOMÁTICOS Arroutada Pangalaica
    SKORNABOIS Skornabois
    ESPIDO Espido (entra na categoría, ou non?)

    Hummm, mellor deixoo e pénsoo ben. Teño na cabeza Fame Neghra, Túzaros, Lamatumbá, ...

    ResponderExcluir

Comentarios