Positivos desde a base
Xa dixen nunha entrada anterior cal me parecía que non era o camiño que precisabamos andar nestas semanas convulsas após os resultados eleitorais. E sigo pensando o mesmo: temos que dar, colectivamente, un debate aberto e franco, profundo, sen apriorismos, mais facendo as críticas dentro da casa e con vontade construtiva. Nesa liña lin esta fin de semana dous artigos de opinión que me parecen bos exemplos de achegas interesantes e valiosas: o artigo de onte sábado de Xavier Vence e o de hoxe domingo de Francisco Rodríguez, os dous no Xornal de Galicia. Interesantes e valiosos á marxe de que poidamos estar de acordo ou non de forma íntegra co que neles se di, senón sobre todo porque evidencian unha análise realizada desde a valoración non sectaria do traballo feito e manifestan unha vontade de traballar polo ben do BNG e do país desde dentro e con ilusión. E iso é xustamente o que precisamos, reaxir contra o desánimo desde a autocrítica construtiva. Paréceme que gañaremos máis como Bloque asistindo todos e todas ás xuntanzas previstas das Asembleas locais e comarcais, participando dos debates que nelas se dean e fiándonos e confiando máis en nós mesmos que séndomos lectores capturados polas cerimonias da confusión que algúns medios queren fabricar para o noso consumo interno. É en momentos difíceis como os actuais cando debemos demostrar a nosa madurez colectiva non permitindo que nos introduzan os debates desde fóra e sendo nós os e as protagonistas dun proceso de debate que pode e debe ser exemplarmente participativo, construtivo e democrático, e realizado desde a unidade e o orgullo polo que somos.
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Comentarios