A caixa da lingua e a caixa de Pandora

Unha das moitas manías que teño é a de gardar nunha caixiña todas aquelas novas e artigos que saen en prensa sobre a cuestión da lingua galega, talmente como fai el toupo que fuza. No seu caso ten moito sentido: sempre poden ser útiles para as aulas, como material para o debate ou a leitura. No meu, a verdade, esta especie de síndrome arquivístico que padezo non deixa de ser un acto bastante pouco ligado a calquer caste de utilitarismo. Porque que as garde non quere dicir que as lea; simplemente quedan almacenadas alí, á espera de ser recuperadas nalgún momento no que apeteza ou cadre. A noite de onte foi un deses momentos, de apertura da caixa da lingua e mergullo nas miserias e dignidades que dentro dela agardaban a miña leitura. De todo o bo que tiña acumulado, fiquei especialmente prendido dun texto: o publicado o pasado venres 27 de marzo por Manuel Rival en El País, baixo o abondo significativo título Peche a caixa de Pandora, señor Feijoo. Non vou facer aquí tentativa de resumo do mesmo, cómpre lelo directamente e tirar conclusións. Mais si, a partir do mesmo, un par de reflexións en alto.

UN: O acoso contra o galego é un problema social, non lingüístico

Os contrarios ao galego sábeno ben, e por iso nunca empregan termos filolóxicos na súa comunicación. Nunca oiremos a Galicia Bilingüe ou UPD falar de normalización, diglosia, usos, ... mais si empregar constantemente conceptos socialmente asumidos en positivo: liberdade versus imposición, escolla fronte obrigatoriedade. Así en abstracto, quen non estaría de acordo? Cómpre que teñamos claro, canto antes, que o que está en xogo non é un resultado eleitoral, nin unha puntual correlación de forzas política, senón a propia convivencia lingüística e cultural no noso país, e que así o trasmitamos. Os falantes galegos de castelán teñen que dar un paso adiante e denunciar a estratexia de acoso contra o galego, promovida singularmente desde a dereita mediática española coa connivencia, cipaia e irresponsábel, dalgúns colectivos e medios do noso país. Cando unha mentira do calibre da fabricada arredor da inexistente "imposición do galego" prende en parte da sociedade, é a propia convivencia democrática a que sae ferida e debilitada. Non valen o silencio, o diletantismo, a distancia irónica. Falamos do territorio social que lles estamos dando ou imos dar aos nosos fillos, do tipo de sociedade no que queremos vivir nós e queremos deixarlles a eles. Sabemos que ser hoxe monolingüe en castelán non supón nada en Galiza, é percibido como algo absolutamente normal. Pola contra, ser monolingüe en galego significa quedar marcado, situarse á marxe do "habitual". Ou do Bloque ou profesor de galego, pensarán moitos. Onde está entón a igualdade? Onde a normalidade que todos e todas queremos? Porque, honestamente, queremos unha sociedade culta e multilingüe, na que cadaquén fale no que queira a partir do coñecemento e a competencia real nas dúas linguas do noso país, ou queremos unha sociedade que perda e suicide a lingua propia, o elemento material que lle dá sustento histórico e a explica como pobo? A resposta a esta pregunta obriga, tanto aos falantes de galego como de castelán, a compromisos sociais determinados.

DOUS: A normalización do galego precisa do apoio activo dos castelanfalantes

Acredito plenamente nisto: a inmensa maioría dos galegos falantes de castelán nada teñen en contra da lingua propia do país. Falan castelán como nós falamos galego: porque si, porque é a lingua das súas familias, porque se sente cómodos nela, porque se afixeron ao seu uso cos seus círculos de amigos e coñecidos. Seguramente tamén, moitos outros, polo papel desgaleguizador que aínda hoxe cumpre o sistema educativo en Galiza. Mais o relevante, para o caso que nos ocupa, é que esa inmensa maioría de castelanfalantes favorábeis -ou non contrarios- á normalización do galego coñece e vive na realidade do noso país. Cada unha desas persoas sabe intimamente que pode desenvolver toda a súa vida, sen problema de ningunha clase, no seu idioma habitual, e sabe tamén que un falante de galego non goza desa mesma capacidade. É consciente, pois, da existencia dun claro desequilibrio, socialmente verificábel en moitos contextos e situacións, e seguramente sería partidaria de que esa situación se correxise. Por iso as persoas que defendemos o galego necesitamos do apoio activo desa outra maioría de castelafalantes favorábeis. Non se trata de facer un chamamento á súa solidariedade, senón de apelar á responsabilidade social colectiva. Defender a convivencia e a cohesión da nosa sociedade é unha obriga cívica, que nos incumbe a todos e todas. Sabemos que a democracia non pode reducirse ao imperio das maiorías (non sería democrático escravizar ás mulleres ou aos negros, por moito que unha hipotética maioría o quixese); democracia quere dicir existencia dun sistema regulado de garantías, que iguale en dereitos e deberes a todas as persoas.

TRES: A situación sociolingüística actual, após o 1 de Marzo, necesita de estratexias novas

E en coherencia co explicado anteriormente, penso que é básico enfocar a batalla da lingua non desde perspectivas culturais, filolóxicas ou partidarias, senón desde unha nova perspectiva fondamente social e política. Trátase de dar a luz un novo modelo de defensa da democracia e da diversidade lingüística en Galiza, a través da xestación dunha ampla e plural onda cívica desde a que, de forma conxunta, galego e castelanfalantes promovan a normalización plena do galego e a igualdade real de dereitos e deberes entre as dúas linguas, xusto o que na actualidade -como todos os estudos demostran, mesmo os da propia Unión Europea- non ocorre. Trátase, tamén, de renovar as estratexias e actualizar os discursos, sendo conscientes da necesidade de ampliar a base activista do corpo social de persoas e colectivos que defendemos a normalización da lingua galega, implicando nel aos castelanfalantes favorábeis a este obxectivo. E trátase, por último e en definitiva, de defendermos xuntos a calidade democrática da nosa sociedade, para pecharmos de vez a caixa de Pandora e abrirmos, desde a seducción, a igualdade e o respecto, a caixa común da primavera das linguas.

3 comentários:

  1. Eu vou máis alá:
    Non só pido a colaboración dos castelanfalantes galegos, senón que pido a colaboración dos de fóra.
    A ver, non estamos cansos de oír que a diversidade, o plurilingüismo, etc. etc. son positivos?
    De acordo. Pois eu pido que un tipo de Madrid se sinta orgulloso de que no seu país exista o galego e paréceme xusto pedirlle que o defenda. Non que o fale nin que o aprenda, se non lle peta, pero que o vexa como riqueza cultural que hai que defender, igual que ve, seguramente, a catedral de Santiago, a muralla de Lugo, as fragas do Courel ou as dunas de Corrubedo. Igualiño.

    ResponderExcluir
  2. Totalmente de acordo, por suposto. Esa é a principal contradición entre o discurso que moita xente supostamente progresista fai cara fóra coa realidade que despois podemos ver. O galego, vasco e catalán non existen con normalidade na RTVE, por exemplo, e se todos somos españois, todos cotizamos a Facenda e eses idiomas tamén son españois, por que non se nos dá trato como corresponde?

    ResponderExcluir
  3. Por certo, Feijoo acaba de anunciar no Parlamento de que vai derrogar o decreto do galego no ensino.

    ResponderExcluir

Comentarios