Mira que o tiñan fácil, mira que os propios xornais nas novas dos días anteriores llelo deixaran a huevo aos teatreiros galegos. Con todo o escepticismo e desapego que se queira, si, pero por vez primeira en moito tempo había novas positivas que celebrar e das que sacar partido cara fóra, cara a sociedade. O teatro galego medrou en case 30.000 espectadores en 2008, dicían os diarios, e moitos inxenuos xa imaxinabamos a gala dos María Casares con argumento e escusa perfecta para comunicar en positivo, para sorrir e fachendear un pouquiño. Por fin unha gala con entusiasmo e con optimismo, con parabéns mutuos e bos desexos, con agradecementos compartidos... Esperabamos iso e obtivemos... o de sempre. Os mesmos tics e argumentos de sempre. O mesmo victimismo de sempre. A mesma incapacidade para seducir de sempre. Na gala que poñía fin á lexislatura do tránsito do IGAEM á AGADIC, do deseño e aprobación do Plan Galego das Artes Escénicas, da reforma da Rede e o notabilísimo aumento de funcións e público, da creación do Centro Coreogáfico Galego e o reencontro do CDG co éxito e cos cidadáns, da aprobación do convenio laboral para o sector, da posta en marcha das axudas bianuais e a creación do Crédito Cultura, ou do impulso primeiro ás desexadas compañías residentes. Mira que había argumentos para estar orgullosos, todos e todas. Mais non. O sector demostrou outra vez o seu ensimesmamento, o seu repregue continuo sobre os seus propios tópicos, a súa endogamia e os seus complexos. Secuestrados polo mal gusto, vimos de novo a gala de todos os anos: a vindicación extemporánea na procura do aplauso fácil, a crítica facilona e intelectualoide, o corporativismo e maniqueísmo vergoñento (as boas e sufridoras xentes do teatro fronte aos malvados e intereseiros políticos, como eran citados, xenericamente). Especialmente rechamante foi o silencio e a ingratitude para con quen, desde o exercicio das súas responsabilidades políticas, desenvolveu unha labor fundamental nestes catro anos. Porque non é normal que ninguén tivese a elegancia, tan sequer a mínima xentileza, de dedicar unha palabra de agradecemento a Miguel Martín pola súa labor á fronte do IGAEM / AGADIC. Vicente Montoto, presidente da AAG e persoa á que estimo, medía as súas palabras nas declaracións á prensa: recoñecía a importante labor feita pero, ao momento, insistía nun dos grandes tópicos do noso teatro. “Os que veñen teñen que entender que isto (referíndose ao PGAE) é dunha autoría máis ampla, que non vén dos políticos”. Non ven dos políticos, di. E alucino. E logo de onde saíu, compañeiro?. De onde saíu o Plan, a reforma da Rede, a creación do CCG, o impulso ao convenio laboral, a posta en marcha do novo sistema de axudas? De onde saíu máis que da AGADIC, que da Consellaría de Cultura? En diálogo con todos e procurando o consenso de todos, claro, como tería que ser sempre a acción de goberno. Mais sexamos xustos e honestos e recoñezamos a cadaquén os seus méritos. Nunca a AGADIC quixo patrimonializar os acertos, así que tampouco queda especialmente bonito roubarllos ou negarllos a posteriori. Noutro xornal fala Xulio Lago, e semella facelo para os que van vir, ou para reivindicarse fronte a alguén que descoñecemos. Ou quizais caese absorbido por Fukuyama e agora pense que non hai ideoloxías. Insiste no discurso manido e demagóxico, nos bos e nos malos. Xa sabemos que o teatro só ten un inimigo, os políticos, parece concluír.. Debuxo na face un aceno de mágoa e afástome deste tema, con franca resignación. E penso para min, sen dicilo en alto para que ninguén se enfade, que algún día haberá que falar en serio destas cousas: da diferencia entre ser creador ou ser xestor no campo da cultura, de que falar –nalgúns temas coma este- si ten cancelas, de que unha cousa é saber actuar ou dirixir e outra que iso dea dereito a pontificar alegremente sobre políticas culturais. Algún día, xa digo, haberá que atreverse por moito que escoza.
NON TE CORTES JODER...E DISPARA , VAIA TROPA DE IMPRESENTÁBEIS!!
ResponderExcluir