O lerrouxismo anti-nacionalista de La Voz de Galicia


Notaba eu nos últimos tempos unha profunda melloría de espírito, desde que tomei a decisión feliz e necesaria de non mercar máis La Coz de Galicia -nin entrar na súa web, que é outra forma de consumo- . Como non podo evitar implicarme nestas cousas, fun recomendando facer o mesmo aos meus amigos e coñecidos, con algúns resultados positivos que me congratulan. Non facían falta moitos argumentos, o periódico servíraos en bandexa coa súa total implicación a prol do PP e en contra do Bloque durante a campaña eleitoral, que moitísimas persoas percibiran con claridade e que mesmo chegou a xerar campañas en contra do xornal. Mais onte, mentres tomaba un café, caeu nas miñas mans o devandito periódico, e volvin comprobar que a campaña total continuaba. O único que pasa é que cada día se les ve más el plumero.

A estratexia actual da Voz de Galicia pasa, fundamentalmente, non polo PP, senón polo PSOE. Cun PP xa sometido ao periódico (débelle o favor da campaña mediática feita) agora toca maniobrar dentro do PSOE para conseguir un duplo obxectivo: servir desde el aos seus propios intereses e contribuír a acabar co nacionaslimo galego como opción política relevante. E para conseguilo, os pasos son sinxelos de adiviñar simplemente con ver os seus movementos de fundo:

1. Potenciar o lerrouxismo coruñesista (Paco Vázquez, Méndez Romeu, ...) para fomentar unha liña antinacionalista no PSOE galego. Roberto Blanco Valdés é o principal elemento encargado de ir sementando esta liña argumental, que xa deu nas últimas semanas artigos gloriosos de escribidores da casa, como Laureano López ou Lois Blanco.

2. Romper o bipartito coruñés e preparar un novo candidato en substitución de Javier Losada. Ese candidato contaría -conta xa, e chega con ver o imposíbel artigo eloxioso de onte domingo, asinado por Angel Varela nas páxinas de Cultura- co apoio da Voz de Galicia e do vazquismo: Cesár Antonio Molina.

3. Como resultado da operación, alimentar os argumentos en contra dos pactos entre PSOE e BNG e impedir a visibilización social dunha nova alternativa bipartita ao PP. O PP quedaría co Goberno galego e o PSOE coa cidade da Coruña e algún outro poder local, como na época de máximo namoramento Vázquez - Fraga.

4. E como resultado indirecto, marxinalizar o BNG como opción de goberno e sementar a división interna no mesmo, apoiando as voces críticas contra a liña maioritaria.

Esa é, do meu punto de vista, a operación en marcha, e se vai adiante ou non xa teremos ocasión de velo e de lelo. O único que vos pido, amigos e amigas, é que non permitamos que sigan a insultarnos e nós a darlles os nosos cartos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Comentarios